O presidente asegura que fixo unha “Galicia saneada” e a portavoz do BNG lémbralle que triplicou a débeda pública “sen mellorar a sanidade pública e a educación”
“Agora vén vostede pedirme unha fronte común. Nesa fronte vai estar o PSOE? Se vostedes rachan cos seus compromisos co PSOE, posiblemente poidamos facer cousas en común”. Esa foi a condición que lle puxo este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, á líder da oposición galega, Ana Pontón, no Parlamento de Galicia, despois de que esta lle reclamase acordar de xeito unánime a xestión desde aquí dos fondos pola COVID da UE.
Pontón preguntouse "se o goberno galego se dedica a ser unha xestoría das multinacionais que cotizan no Ibex-35”
Pontón reclamou a Feijóo “non quedar á marxe” dos fondos comunitarios que cheguen ao Estado e que Galicia poida realizar unha “xestión directa” deles, para o que propuxo traballar en cinco eidos coincidentes cos obxectivos xerais que marca a UE: potenciar os sectores produtivos tradicionais, un sector industrial forte que inclúa unha transición enerxética xusta, unha economía verde baseada no I+D+i, dixitalizar a pequena e mediana empresa e “defender unha Galiza con benestar social con sanidade e educación pública e igualdade de xénero”. A nacionalista reclamou a Feijóo que aclare se vai actuar neses eidos ou “se o goberno galego se dedica a ser unha xestoría das multinacionais que cotizan no Ibex-35”.
“Deixe que goberne a lista máis votada”, reclamou Feijóo a Pontón, tras criticar en reiteradas ocasións que o BNG apoiase o Goberno central de Pedro Sánchez
Feijóo respondeu a Pontón asegurando que a economía galega está hoxe “saneada porque non fixemos caso ás políticas económicas do BNG”, ao que a nacionalista replicou posteriormente que o actual Goberno galego “triplicou a débeda pública deste país sen mellorar a sanidade pública e a educación”.
O debate pechouno Feijóo insistindo en relacionar as prioridades económicas de Galicia cos pactos entre os partidos políticos: “Deixe que goberne a lista máis votada”, sentenciou, tras criticar en reiteradas ocasións que o BNG apoiase o Goberno central de Pedro Sánchez.