Primeiro oso gravado no Macizo Central ourensán máis dun século despois da súa desaparición da zona

Oso gravado polo equipo da película 'Montaña ou Morte', de Pela del Álamo © Zeitun Films

Camaras automáticas colocadas polo cineasta Pela del Álamo para o seu próximo filme capturaron “reiteradamente” a presenza do animal no Parque Natural do Invernadeiro

A produtora Zeitun Films, coa que está a dirixir a súa próxima película, Montaña ou Morte, o cineasta Pela del Álamo, vén de anunciar que as cámaras automáticas de fototrampeo colocadas en diversas localizacións do Parque Natural dos Montes do Invernadeiro, no Macizo Central ourensán, rexistraron “reiteradamente” a presenza dun oso pardo na zona, na que non hai constancia de presenza da especie desde hai máis dun século. A noticia prodúcese despois de que nos últimos anos se rexistrase tamén a presenza de exemplares no Courel, co que estarían a estenderse máis alá dos Ancares, a única zona de Galicia que ata agora contaba con presenza regular.

"O exemplar, un macho de entre 3 e 5 anos, é o primeiro en ser filmado na zona e probablemente o primeiro que transita esta comarca nos últimos 150 anos”

Segundo informan desde a produtora, para o rexistro destas imaxes o equipo de Zeitun Films contou co asesoramento dos Axentes Ambientais da Xunta no Invernadeiro Ricardo Prieto Rocha e Tomás Pérez Hernández, os dous expertos coñecedores da comarca. Segundo salientan, “o exemplar, un macho de entre 3 e 5 anos, é o primeiro en ser filmado na zona e probablemente o primeiro que transita esta comarca nos últimos 150 anos”.

O equipo de filmación contou co asesoramento de axentes ambientais da Xunta

“Segundo os axentes ambientais do parque, o animal pasou con toda seguridade o inverno no Invernadeiro. Este dato sería indicativo de que a zona é apta para que outros exemplares se establezan no futuro”, indican desde Zeitun Films, engadindo que “as primeiras hipóteses apuntan a que este individuo procede da zona occidental, probablemente do Courel”, o que “constataría a boa evolución das poboacións estables desa zona e as recentemente detectadas na zona do Barco de Valdeorras”.

A película de Pela del Álamo, engade a produtora, está actualmente en fase de desenvolvemento e conta co financiamento da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a colaboración do Servizo de Conservación da Natureza da Xunta en Ourense.

Oso gravado no Macizo Central ourensán polo equipo da película 'Montaña ou Morte', de Pela del Álamo © Zeitun Films

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.