Acusan a Xunta de "facer propaganda" cunha inexistente política de recuperación do oso pardo en Galicia

Exemplares de oso pardo © Fundación Oso Pardo

O pasado 1 de maio difundiuse un vídeo que amosaba o primeiro oso gravado no Macizo Central ourensán, un século despois da súa desaparición do lugar. As imaxes foron rexistradas por cámaras automáticas de fototrampeo colocadas en diversas localizacións do Parque Natural dos Montes do Invernadeiro polo cineasta Pela del Álamo para a súa próxima película, Montaña ou Morte (Zeitun Films).

O pasado 1 de maio difundiuse un vídeo que amosaba o primeiro oso gravado no Macizo Central ourensán

A gravación, moi compartida e celebrada, trouxo á actualidade a situación do oso pardo en Galicia e os plans de recuperación da especie (habitual ata hai un século no Courel e nos Ancares e tamén no sur de Ourense) que dende hai anos están sobre a mesa.

Hai dúas semanas a Plataforma pola Defensa da Cordilleira Cantábrica (PDCC) e ADEGA demandaron da Xunta a actualización do Plan de Recuperación, lembrando que o decreto "leva detido seis anos". O Plan, aprobado en 1992 (decreto 149/1992), "debería ser revisado para proceder á súa actualización, fundamentalmente no que se refire á súa área de distribución, que cambiou notablemente", sinalan a PDCC, ADEGA, Ecoloxistas en Acción e a SGHN nun comunicado.

"Os últimos acontecementos poñen de manifesto que a especie é unicamente obxecto de marketing por parte da Xunta, que obvia calquera indicio racional e legal en canto a políticas de conservación da especie"

As catro entidades explican que "o incremento da poboación cantábrica trouxo, entre outras consecuencias, que a especie xa non estea restrinxida ao indicado no citado decreto, fundamentalmente unha pequena área dos Ancares lucenses". "Na última década foron detectados osos en moitos outros enclaves da montaña lucense e outros emprazamentos da provincia de Ourense", engaden.

Os catro colectivos denuncian que "a parálise na actualización do novo Decreto relativo á conservación do oso pardo arrástrase dende o ano 2013, cando a Xunta presenta un borrador, pero que por razóns nunca aclaradas queda paralizado". Acusan o Goberno galego que "estar só interesado en facer propaganda dunha inexistente política de conservación do oso en territorio galego, aproveitándose do incremento da especie na súa área de distribución habitual (fóra de Galicia) para vender imaxe". O comunicado denuncia que "os últimos acontecementos poñen de manifesto que a especie é unicamente obxecto de marketing por parte da Xunta de Galicia, que obvia calquera indicio racional e legal en canto a políticas de conservación da especie".

PDCC, ADEGA, Ecoloxistas en Acción e SGHN demandan a redacción "de forma inmediata" dun novo Decreto de Recuperación da especie en Galicia e "a paralización daquelas actuacións que deterioran o seu medio natural"

Ademais, o comunicado lembra que en paralelo, "a Xunta de Galicia non só consente, senón que alenta a destrución de hábitats na súa área de distribución real", en referencia ao parque eólico da Serra do Iribio, canteiras a ceo aberto no Courel ou en Pena Trevinca, o fomento do "cultivo industrial de especies exóticas forestais", ou infraestruturas coma a autovía A-76 no Parque Natural da Serra de Enciña da Lastra "no que vén sendo o corredor natural de expansión da especie".

PDCC, ADEGA, Ecoloxistas en Acción e SGHN demandan a redacción "de forma inmediata" dun novo Decreto de Recuperación da especie en Galicia e "a paralización daquelas actuacións que deterioran o seu medio natural". "De nada serve facer propaganda se non existe un compromiso certo pola recuperación", conclúen.

Oso gravado polo equipo da película 'Montaña ou Morte', de Pela del Álamo © Zeitun Films

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.