O censo elaborado polas comunidades da cordilleira Cantábrica, o ministerio e o CSIC constata un crecemento significativo na poboación máis oriental e unha consolidación da occidental
En toda a cordilleira Cantábrica hai 370 osos pardos, segundo o último censo da especie presentado este martes e que reflicte un aumento do número de exemplares a respecto dos arredor de 330 detectados no anterior censo, de hai catro anos. O aumento é especialmente significativo na parte oriental da cordilleira, mentres que na occidental segundo a Xunta rexístrase unha “consolidación” da poboación, con 11 exemplares machos asentados en Galicia.

O censo presentado este martes en León foi elaborado polas comunidades autónomas da cordilleira Cantábrica baixo a coordinación do Ministerio para Transición Ecolóxica e co asesoramento do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da Universidade Autónoma de Barcelona. En Galicia participaron no censo 25 axentes ambientais e persoal técnico da Consellería de Medio Ambiente que detectou exemplares nas contornas dos Ancares e do Courel e confirmou “a conectividade entre ambas serras, algo que ata o de agora era só unha suposición”, segundo dixo este martes a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo.
Segundo os datos divulgados este martes pola Xunta, o censo estima que o reparto dos 370 exemplares prodúcese do seguinte xeito: 11 en Galicia, 131 en Asturias, 197 en Castela e León e 31 en Cantabria. Á súa vez, o reparto segundo as dúas subpoboacións rexistradas na cordilleira é de 250 exemplares no occidente e 120 no oriente, o que supón un significativo aumento nesta segunda zona a respecto do medio cento de exemplares detectado en anteriores censos.
A Xunta incide en "continuar traballando en favor da coexistencia do oso pardo coas actividades humanas"
Ante estes datos a Xunta incidiu este martes “na necesidade de continuar traballando de forma activa e coordinada en favor da coexistencia do oso pardo coas actividades humanas mediante a adecuada compensación dos danos ocasionados por esta especie no sector agrogandeiro, especialmente nas actividades apícolas”.