O alto tribunal revoga a decisión contraria previa do TSXG sobre un parque eólico en Corme que acabou afectando tamén a outras varias ducias de parques en tramitación
O Tribunal Supremo fixo pública este venres unha sentenza coa que revoga outra previa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulara a repotenciación dun parque eólico en Corme porque a Xunta reducira o seu prazo de alegacións e porque fixera esa exposición ao público antes de ter os informes sectoriais das administracións implicadas. Fronte ao criterio previo do TSXG agora o Supremo considera que a actuación do Goberno galego nos dous casos foi correcta, malia que tras a sentenza anterior a propia Xunta decidira volver a ampliar os prazos de exposición pública.
A repotenciación do parque eólico de Corme, de EDP Renováveis, foi anulada polo TSXG a comezos do pasado ano. O tribunal galego considerou que a redución de 30 a 15 días dos prazos de exposición ao público decidida pola Xunta para proxectos de especial interese coma este contraviña unha directiva europea. Tamén censurou que a Xunta expuxese ao público a documentación do parque sen contar aínda cos informes sectoriais que debe obter de diversas administracións antes de autorizalo.
A Xunta mesmo renunciara a recorrer ante o Supremo a anulación do TSXG da súa redución de prazos, pero agora o alto tribunal decide analizala igualmente e valídaa
Tras aquela sentenza do TSXG a propia Xunta volveu aumentar o prazo de exposición ao público e mesmo reiniciou eses prazos de alegacións para varias ducias de parques eólicos que xa foran publicitados. O Goberno galego incluso renunciou a recorrer ante o Supremo contra esa cuestión anulada polo TSXG e só recorreu a outra cuestión, a de se a exposición ao público debía contar xa con todos os informes sectoriais como mantiña o tribunal galego ou se estes podían ser incorporados máis tarde.
Porén, agora o Supremo, aínda que non considerara a cuestión dos prazos como elemento a analizar con interese casacional, si entra nela e corrixe a visión do TSXG. O Supremo considera por un lado que nin a directiva europea nin a lexislación española impoñen que antes da información pública deba realizarse o trámite de consulta a outras autoridades. E aínda que a cuestión da redución dos prazos non debía ser en principio analizada, o tribunal argumenta que hai unha "evidente conexión entre ambas cuestións, que atinxen ao mesmo trámite de información pública".
Segundo o Supremo, nada impedía á Xunta reducir o prazo de alegacións e "en ningún momento explica a sentenza [do TSXG] que o prazo reducido, de trinta a quince días, do trámite de información pública sexa ou fose insuficiente por impedir ou obstaculizar ao público a presentación de alegacións nin que tal redución puidera cualificarse, por iso, de irrazoable". "En definitiva, tampouco por esta razón cabe invalidar o trámite de información pública realizado", conclúe o Supremo, que valida así a autorización da Xunta ao parque eólico de Corme.