"Parálise completa". Así define AGE a situación do sector eólico en Galicia ao cumprírense cinco anos de Núñez Feijóo na presidencia da Xunta. Foi o deputado Antón Sánchez quen explicou que desde que o PP volveu ao Goberno galego, "Castela e León multiplica por seis os megavatios instalados no país". Tal e como recorda o parlamentario de Alternativa, desde 2010 non se instalou ningún dos 2.325 mw repartidos no concurso eólico daquel ano. De feito, o Executivo só autorizou 60.
"Castela e León multiplica por seis os megavatios instalados no país nos últimos cinco anos", denuncia AGE
Malia todo, Feijóo xa cualificou en máis dunha ocasión de "positivo" o balance do plano eólico do seu Goberno. Pero o concurso do Goberno galego prevía 14.000 empregos e un investimento de 5.700 millóns ao poñer en marcha os 2.300 megavatios adxudicados. Nada de nada. Para AGE, son "a mestura de incompetencia e favores ás grandes empresas que caracterizan a xestión eólica do PP galego". A iso sumaríase agora "a reforma eléctrica impulsada polo Executivo central".
Segundo os datos da Asociación Empresarial Eólica, no pasado ano 2013 instaláronse en Castela e León case 50 megavatios, polos 2,65 de Galicia. Practicamente, vinte veces máis. Ademais, e tamén segundo a patronal, toda a potencia instalada no país nos últimos cinco anos é aínda inferior á instalada pola comunidade veciña tan só en 2010.
Así, mentres Castela e León ten unha potencia instalada acumulada a finais de 2013 de máis de 5.500 megavatios, a de Galicia, paralizada no último lustro, queda en pouco máis de 3.300. O 14,4% do total, fronte ao 24,2% da autonomía que está a liderar agora mesmo o sector eólico no Estado.
“Rajoy ataca as renovábeis e cúlpaas do déficit tarifario”, criticou Antón Sánchez. "E mentres comunidades gobernadas polo PP ou aliados como Estremadura, Navarra e Murcia presentaron recurso de inconstitucionalidade, Feijóo non di nin pío!”, lembra. Todo a pesar de que a nova normativa "central e centralista" implica a eliminación de primas ás renovábeis, estabelece unha “vergoñenta peaxe ao autoconsumo”, aumenta os privilexios das nucleares ou retira competencias á Xunta.
O concurso de Feijóo prevía 14.000 empregos e un investimento de 5.700 millóns ao poñer en marcha os 2.300 megavatios adxudicados
Pero iso non foi todo. A última reforma do seu propio concurso eólico foi tramitada pola Xunta a través dunha circular "nin tan sequera publicada no DOG". Esta, remitida en febreiro, supón a modificación a posteriori das condicións do concurso polas que se escolleron unha ofertas e non outras. “Non significa melloras para o desenvolvemento do parque, senón modificacións para que, en caso de incumprimento, grandes compañías como Fenosa recuperen os seus avais e todo lles saia de balde”, expuxo o parlamentario de Alternativa. Feijóo atrasa os avais até o inicio efectivo das obras e xa aclara que non haberá penalización para quen se desprenda do adxudicado. En definitiva, recuperan os cartos malia incumprir o concurso.
A modificación do concurso actual implica "cambios para que, en caso de incumprimento, as grandes compañías recuperen os seus avais"
Tal e como recordou Sánchez, a Fenosa Wind seralle devolto o imposto dos seus avais malia "os flagrantes incumprimentos do seu plan investidor asociado ao concurso eólico" que implicaba gastar 1.206 millóns de euros e crear 7.354 empregos.
“Neste tipo de decisións”, concluíu Antón Sánchez, “é cando se ve de que lado está cada un, quen defende as grandes multinacionais e quen os pequenos produtores. Para nós, o concurso eólico está morto e é preciso irmos preparando a Galiza posconcurso”. Para Alternativa Galega de Esquerda, esta Galiza pasa –logo das cumpridas explicacións do responsábel de Industria do Goberno galego, interpelado ao respecto- polo "fomento da pequena produción de enerxías renovábeis, pola soberanía enerxética nacional e polo freo ás operacións das grandes transnacionais do ramo".