O PP corrixe o seu propio Orzamento da Xunta para emendar a suba do recibo do lixo e rebaixala con máis condicións

Instalacións de Sogama CC-BY-SA Xunta

O proxecto de Orzamentos Xerais da Xunta para 2023, que se tramita actualmente no Parlamento, trouxo consigo unha importante novidade no apartado das contas dedicado a Sogama, a empresa de tratamento de residuos participada polo Goberno galego ao 51% e co 49% restante nas mans de Naturgy. A compañía, responsable de tratar o refugallo da ampla maioría dos concellos galegos, decidira cancelar a rebaixa do 10% da súa tarifa que viña aplicando dende había tres anos aos municipios que cumprían determinados obxectivos de reciclaxe e, ademais, trasladaban esa diminución aos recibos da veciñanza.

O PP concreta nas súas emendas ás contas da Xunta a nova bonificación dun máximo do 15% no canon que Sogama cobra aos concellos, anunciada por Rueda tras a cancelación do desconto do 10% que levaba tres anos en vigor

En canto transcendeu a través dos medios de comunicación, a medida causou forte malestar entre os concellos e foi abertamente rexeitada polos grupos da actual oposición, BNG e PSdeG. Neste contexto, a escasos meses das eleccións municipais, o presidente Alfonso Rueda anunciaba o pasado novembro a introdución dun desconto diferente a esa bonificación do 10% que non estaba incluída nos Orzamentos: unha rebaixa do 15% para os concellos que instalasen en 2023 o coñecido como contedor marrón de refugallos orgánicos, obrigatorio pola lexislación europea e cuxa implantación o PP reclamou demorar sistematicamente.

Emendas do PP aos Orzamentos da Xunta para 2023 sobre o canon de Sogama CC-BY-NC-SA Praza.gal

Ese anuncio vén de traducirse nunha emenda do PP aos seus propios orzamentos, tramitada formalmente este 17 de novembro como emenda á lei de acompañamento das contas, que modifica dun golpe máis dunha trintena de normas. O procedemento elixido polos populares implica emendar a lei de orzamento de 2014 para indicar que "cando as circunstancias económicas da Sociedade Galega de Medio Ambiente o permitan", a consellaría "competente en materia de residuos", neste caso a de Medio Ambiente, "poderá establecer unha bonificación" no canon de Sogama "que non exceda o 15%" do fixado no ano anterior. En 2022 foi fixado en 66 euros por tonelada, que quedaban en 59,40 coa bonificación agora suprimida.

A nova bonificación manterá as condicións da anterior sobre incentivar a reciclaxe e trasladar o desconto ao recibo da veciñanza e ademais engade a obriga de instalar o contedor marrón antes da fin de 2023

Na redacción da emenda o PP deixa claro que adoptar o contedor marrón antes da fin do vindeiro ano non será a única condición que teñan que cumprir os concellos para poder beneficiarse da bonificación, que pode ser do 15% ou menor. Tamén teñen que seguir trasladando o desconto ao recibo e "manter ou aprobar novas medidas que fomenten a recollida selectiva" para "reducir a produción de lixo convencional" ou fomentar "a reciclaxe de envases lixeiros". Isto é, as mesmas condicións da bonificación do 10% engadindo a do contedor marrón, pero coa salvidade de que ao comezo de cada ano a Xunta pode decidir que a bonificación sexa ou non do 15% anunciado por Rueda.

Ademais, o texto da emenda subliña que para termar da "sostibilidade financeira" de Sogama, entre as condicións do novo sistema "figurará a dun tempo mínimo de adhesión" e a de que "no caso de impago", a Xunta retirará os cartos equivalentes do Fondo de Cooperación Local que correspondese ao municipio debedor -partida do Orzamento galego para financiar os concellos- e entregaraos a Sogama. Se a que adebeda os cartos é unha mancomunidade de concellos, engade, "os concellos integrantes serán responsables solidarios" segundo a súa "porcentaxe de participación na correspondente mancomunidade".

Contedor marrón do Concello de Santa Comba para a recollida de residuos orgánicos © Concello de Santa Comba

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.