A nova folga do transporte do lixo a Sogama volve poñer en evidencia un dos maiores contratos da Xunta de Feijóo

Protesta dos camioneiros de Sogama ante o mitin de Feijóo e Casado do pasado domingo en Santiago CC-BY-SA Praza Pública

A accidentada adxudicación do servizo en 2015 para dez anos por 131 millóns de euros á construtora ourensá Copasa en sociedade coa pública Renfe segue a provocar conflitos laborais

O contrato co que a Xunta, tras máis dun ano de accidentada tramitación, entregou en 2015 á construtora ourensá Copasa en sociedade coa pública Renfe por 131 millóns o transporte dos residuos urbanos da maior parte de Galicia ata a planta de tratamento de Sogama en Cerceda durante unha década segue a provocar conflitos. A adxudicación, a segunda maior do segundo mandato de Feijóo á fronte da Xunta, pretendía reducir o transporte por estrada con camións e aumentar o ferroviario, pero os condutores dos camións que aínda seguen a prestar boa parte do servizo, subrogados da anterior adxudicataria, veñen denunciando desde aquela as súas condicións laborais e, tras unha primeira folga en 2016, veñen de retomar os paros. Ao tempo, a empresa a través da que prestan maioritariamente ese servizo, Transportes Pacholo, subcontratada por Copasa e Renfe, vén de anunciar a súa intención de renunciar ao traballo, segundo avanza Europa Press.

Residuos tratados en Sogama © Sogama

A Xunta fixou uns servizos mínimos do 61% porque di que "a acumulación de residuos sen tratamento durante varios días non podería ser reparada"

A folga comezou o pasado luns, tras días de protestas previas dos traballadores, entre outras ante o mitin celebrado por Feijóo e Pablo Casado o domingo en Santiago. Aínda que de momento a folga non está a sentirse nas rúas, a propia Xunta admite na orde coa que estableceu os seus servizos mínimos que o paro afecta a un servizo esencial xa que “en Galicia actualmente non existe outra instalación que poida asumir tal cantidade de toneladas diarias de lixo, polo que a acumulación de residuos sen tratamento durante varios días non podería ser reparada de forma axeitada polo complexo medioambiental de Sogama, aínda que traballase a pleno rendemento, una vez finalizada a folga”. Con esa argumentación, a Xunta fixou uns servizos mínimos do 61%, que este venres e sábado, tras os festivos de Semana Santa, chegarán ao 73%.

A historia do contrato comeza en xuño de 2014, cando o propio presidente Feijóo anunciou a licitación do novo servizo de transporte dos residuos desde as 37 estacións de transferencia que hai repartidas por toda Galicia ata Sogama. No novo contrato o Goberno galego decidiu incrementar a porcentaxe de uso do ferrocarril fronte aos camións do 30% rexistrado ata aquel momento ata un mínimo do 43% co argumento de reducir así o impacto ambiental e o custo do transporte. Sogama, empresa maioritariamente pública na que tamén participa Naturgy (antiga Unión Fenosa) licitou o concurso, que tamén incluía unha obra civil de ampliación da súa terminal ferroviaria, en xullo de 2014 e presentáronse catro ofertas, en todos os casos unións temporais de empresas de transporte con firmas construtoras ou de servizos: A ourensá Copasa xuntouse con Renfe Mercancías; Transportes Pellejero, empresa de camións que viña realizando o traballo, con Ferrovial; Comsa Rail Transport con Sima; e Transportes Valin con Acciona Rail Services e Acciona Servicios Urbanos.

Tren transportando lixo a Sogama © Sogama

O máximo responsable das condicións do contrato foi  o daquela presidente de Sogama, Luis Lamas, que tivo que dimitir a comezos de 2015

En xaneiro de 2015 o ata daquela presidente de Sogama e máximo responsable do prego de condicións do concurso, Luis Lamas, tamén directivo do PP de Lugo, dimitiu tras coñecerse que o Centro Tecnolóxico Alimentario de Lugo (CETAL), do que era tesoureiro, adxudicara un contrato a un bufete de avogados do que el mesmo era socio. En marzo, xa baixo a presidencia do tamén popular Javier Domínguez Lino, a mesa de contratación de Sogama considera que a UTE formada por Acciona e Transportes Valin “non obtén a puntuación técnica mínima” e acorda excluíla do concurso, decisión que logo ratificou o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuales.

O seguinte paso era valorar as propostas económicas das tres candidaturas que aínda quedaban activas, cando se soubo que fronte ao mínimo do 43% que fixaba a Xunta para o transporte de lixo por ferrocarril, Comsa-Sima ofertaba un 45,83%, Copasa-Renfe un 55% e Ferrovial-Pellejero un 56,57%. Porén, Sogama decidiu excluír tamén a esta última UTE, a da empresa que viña prestando o servizo, Ferrovial-Pellejero, por considerar a súa oferta económica, a máis baixa de todas, “anormal ou desproporcionada”. Malia que esta segunda empresa eliminada tamén recorreu, tampouco lle serviu de nada. Pola contra, a oferta de Copasa-Renfe viu especialmente valorado o seu plan de explotación do modo ferroviario. En xullo Sogama adxudicoulle o contrato e en outubro, quince meses despois de licitalo, formalizouno.

A comezos de 2016 os camioneiros convocaron unha folga e protestas para reclamar que a nova adxudicataria mantivese os seus contratos, criticando que a empresa pública lle impuxese condicións técnicas, ambientais e económicas pero non a continuidade do persoal que levaba máis dunha década prestando o servizo. Conseguiron que preto de medio cento de traballadores fosen recolocados na subcontrata á que a adxudicataria encargou o transporte por estrada, pero tres anos despois a nova folga evidencia que os problemas non desapareceran. Os traballadores critican un empeoramento das condicións laborais mentres que a subcontrata anuncia agora a súa intención de renunciar ao servizo, o que deixaría o problema en mans de Copasa-Renfe, adxudicataria de Sogama.

A versión de Renfe

Segundo un voceiro oficial de Renfe consultado en 2015 tanto antes de valorarse as ofertas como despois da adxudicación, a empresa pública, dominadora do transporte de mercadorías por ferrocarril, non tivo que elixir con que empresa privada se asociaba para presentarse ao concurso da Xunta porque só Copasa llo pediu. O seu saber-facer ferroviario non beneficiou a unha empresa privada fronte a outras, contestou Renfe, porque non recibiu outras peticións. A firma ourensá, xunto con outras construtoras privadas, tamén é socia de Renfe e Adif no consorcio público-privado creado para construír o AVE de Arabia Saudita.

A Xunta eliminou unha das ofertas por ser economicamente irrealizable e, ao tempo, permitía a Copasa executar só a metade da autovía da Costa da Morte por non ter capacidade económica

Copasa-Renfe gañou o concurso de Sogama grazas en parte á anulación por “anormal ou desproporcionada” da oferta económica máis baixa que realizara Ferrovial-Pellejero. Pero ao tempo Copasa foi quen liderou a UTE que acometeu a Autovía da Costa da Morte, á que a Xunta permitiu a finais de 2014 executar só a metade da obra pola súa incapacidade financeira para facela enteira. Isto é, ao tempo que renunciaba a parte dun contrato segundo o Goberno galego por non poder cumprir a súa proposta financeira, a empresa ourensá gañaba outro no que unha competidora quedara eliminada por presentar unha oferta económica irrealizable.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.