A folga de transporte de Sogama, en suspenso ata que a nova concesionaria confirme a súa oferta

Concentración do persoal ante as instalacións de Sogama © CIG

A maior parte dos actuais traballadores do servizo de transporte de residuos entre os concellos e Sogama poderían manter os seus empregos coa nova concesionaria. Así será se a adxudicataria (unha UTE formada por Copasa e Renfe) confirma a oferta "verbal e oficial" realizada este mércores no Consello Galego de Relacións Laborais: comprométese a contratar a 54 dos actuais 68 empregados, que sufrirían unha pequena rebaixa nos seus soldos, que quedarían axustados ao convenio provincial do sector (e non a un convenio propio -inferior- como ofrecía nun comezo a empresa), aínda que perderían algúns complementos por antigüidade. Os 14 traballadores restantes entrarían nunha bolsa de emprego para futuras contratacións de Sogama ou serían recolocados noutras actividades da actual concesionaria, Transportes Pellejero e hijos.

"Manteremos a presión ata que vexamos confirmado, por escrito, o ofrecemento. Foi a presión dos traballadores a que permitiu chegar a este acordo e forzou a empresa a negociar"

Os sindicatos valoran positivamente a solución proposta, pero de momento manteñen a convocatoria de folga indefinida, suspendida á espera de que a empresa presente os contratos. "Manteremos a presión ata que vexamos confirmado, por escrito, o ofrecemento. Foi a presión dos traballadores a que permitiu chegar a este acordo e forzou a empresa a negociar", destaca Ignacio Pavón (CIG). Tamén se manteñen as concentracións que todos os días o persoal está realizando ante as instalacións de Sogama e a manifestación convocada para este domingo en Ordes.

Pavón critica en calquera caso a posición mantida en todo este conflito tanto polo Goberno galego coma por Sogama, sobre todo por parte do seu presidente, Javier Domínguez Lino, a quen acusan de manter unha actitude "insultante e provocadora", algo "impresentable por parte do representante dun ente público". "Foi o intento da Xunta de abaratar o servizo a custa dos dereitos dos traballadores o que provocou a folga", engade. O representante sindical denuncia igualmente a "chantaxe" sufrida, e salienta que a nova concesionaria xa recoñeceu que por falta de infraestruturas ferroviarias non se poderá cumprir a porcentaxe de transporte por tren prevista.

 

Concentración do persoal ante as instalacións de Sogama © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.