Casado desembarca no rural galego prometendo un Ministerio da Familia co que apoiar a Red Madre como Feijóo

Feijóo e Casado á súa chegada á comida-mitin de Santiago © PP

O candidato do PP apela nunha comida-mitin nunha parroquia de Santiago a acabar coa “demagoxia medioambientalista” de Sánchez e Feijóo preséntao como “o candidato do PPdeGalicia”

“Cando sexa presidente do Goberno crearemos o Ministerio da Familia”. Esa foi a gran promesa coa que desembarcou este domingo no rural galego Pablo Casado acompañado de Feijóo, ao que eloxiou as súas políticas de apoio ao grupo antiabortista Red Madre, “iniciativa pioneira da Xunta que me comprometo a impulsar”. O presidente da Xunta, pola súa parte, esforzouse en salientar en presenza de Casado o seu propio esforzo persoal e o do PPdeG nesta campaña electoral, como en todas as precedentes, e presentouno como “o candidato do PP de Galicia”.

Na parroquia de Nemenzo, a só dez quilómetros do centro de Compostela, pero nun lugar marcadamente rural, o que se organizara hai tempo como unha comida do PP local foi adaptado a mitin cuns mil asistentes. Alí, malia que esa periferia rural de Santiago non está a vivir a sangría do interior galego, Casado anunciou como gran promesa do día a creación dun Ministerio da Familia co que loitar “contra o inverno demográfico”. Casado enumerou diversas actuacións de apoio á conciliación e salientou que “por iso estamos de acordo con medidas da Xunta como o cheque benvida” -en referencia á Tarxeta Benvida que dá 100 euros ao mes durante o primeiro ano dun neno- “e con esa aposta por apoiar a Red Madre”, que cualificou como “iniciativa pioneira da Xunta que me comprometo a impulsar”.

Casado e Feijóo no mitin na parroquia compostelá de Nemenzo © PP

Casado dixo sentirse "moi preocupado" por "o que pode empezar a pasar na PSA de Vigo" sen concretar cal sería esa ameaza pero ligándoa ao anuncio de peche de Alcoa polos prezos da electricidade

Casado tamén aproveitou a súa presenza en Galicia para poñer o foco nos problemas das varias industrias electrointensivas presentes aquí e as tarifas que teñen que pagar pola electricidade que consumen. O popular dixo sentirse “moi preocupado” coa situación que está a vivir Alcoa pero estendeu as ameazas moito máis alá, a “o que pode empezar a pasar na PSA de Vigo”, sen detallalo. Para loitar contra esa situación, di Casado, “acabaremos con esa demagoxia medioambientalista que o que fai é esconder a incapacidade para xestionar a enerxía, a industria e o emprego en España”.

Casado comparou o número de asistentes ao mitin, próximo ao milleiro, co de asasinados por ETA

Previamente Casado desenvolvera o seu discurso coas súas habituais críticas ao “perigo” que ao seu ver supón o socialista Pedro Sánchez, “o presidente máis radical que tivo España”, polos seus “pactos” con “os batasunos e os comunistas de Podemos”. O popular chegou a comparar o número de asistentes ao mitin, próximo ao milleiro, co de asasinados por ETA, e prometeu lexislar contra os beneficios penitenciarios a terroristas, do mesmo xeito que tamén “contra os ocupas”. O seu obxectivo se é presidente, resumiu, é “converter o 'non é non' de Sánchez nun `si é si' a España”.

Feijóo salienta o seu apoio a Casado

Feijóo salientou o seu apoio a Casado despois de que varias das súas promesas, como o trato ás linguas cooficiais, causasen incomodidade na dirección do PPdeG

No mitin, Feijóo insistiu na súa intervención en salientar a súa implicación persoal e a do PP galego nesta campaña electoral -el mesmo chegou a ter o sábado cinco actos nun só día- e en presentar a Casado como “o candidato do PP de Galicia”, lembrando así a singularidade do partido aquí e reafirmando o seu apoio ao líder estatal malia a incomodidade que algunha das súas promesas, como o trato ás linguas cooficiais, está a causar na dirección da formación en Santiago. “Os galegos poderiamos pensar que te presentas por calquera provincia galega, non só es o candidato do PP nestas eleccións, es tamén o candidato do PP de Galicia á presidencia do Goberno de España, e por iso tes o noso apoio”, dixo Feijóo.

Lugares de Feijóo e Casado na comida-mitin de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Feijóo nada dixo da promesa de Casado en materia de familia pero si recolleu a luva que lanzara Casado en materia industrial e salientou que se é presidente “Alcoa terá futuro”. O presidente galego tamén cargou contra o resto de partidos e apelou a concentrar o voto no PP. “Non necesitamos que nos dea carné de galego ningún partido nacionalista nin carné de español Vox ou Ciudadanos”, sentenciou.

Un grupo de camioneiros en folga do transporte do lixo a Sogama protestou tras un cordón policial moi lonxe de que as súas consignas se escoitasen no acto

Tras o mitin, Casado e Feijóo quedaron a comer cos arredor de mil asistentes o tradicional menú destes actos do PP consistente desta volta en empanada, churrasco e viño en cuncas, no que houbo quen botou en falta o polbo. Na pista de acceso ao lugar, un grupo de camioneiros en folga do transporte do lixo a Sogama protestaba tras un cordón policial moi lonxe de que as súas consignas se puidesen escoitar no acto. 

Protesta dos camioneiros de Sogama ás portas do mitin de Casado CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.