O contrato para o transporte do lixo desde toda Galicia ata a planta de Sogama en Cerceda é, cos seus 131 millóns de euros máis IVE, o segundo máis elevado dos adxudicados nesta segunda lexislatura de Alberto Núñez Feijóo, tras o da xestión do Hospital de Ourense por 150 millóns. Agora o servizo enfróntase a unha folga convocada a partir do vindeiro luns día 15 polos traballadores da empresa que o viña prestando, Transportes Pellejero e Hijos, que reclaman ser recolocados na nova adxudicataria, unha unión temporal (UTE) da construtora ourensá Copasa e a pública Renfe. Serán esas empresas as que presten o servizo durante os vindeiros dez anos tras gañar un concurso público no que se valorou especialmente a capacidade de transporte ferroviario. Renfe, empresa pública dominadora do sector, asegura que Copasa foi a única firma que lle propuxo presentarse a un proceso especialmente accidentado e longo, que acabaron gañando logo de que Sogama invalidase as ofertas de dúas das catro candidatas.
A historia do contrato que agora está a piques de acabar nunha folga do lixo comeza en xuño de 2014, cando o propio presidente Feijóo anunciou a licitación do novo servizo de transporte dos residuos desde as 37 estacións de transferencia que hai repartidas por toda Galicia ata Sogama. No novo contrato o Goberno galego decidiu incrementar a porcentaxe de uso do ferrocarril fronte aos camións do 30% rexistrado ata agora ata un mínimo do 43% co argumento de reducir así o impacto ambiental e o custo do transporte. Sogama licitou o concurso, que tamén inclúe unha obra civil de ampliación da súa terminal ferroviaria, en xullo de 2014 e presentáronse catro ofertas, en todos os casos unións temporais de empresas de transporte con firmas construtoras ou de servizos: A ourensá Copasa xuntouse con Renfe Mercancías; Transportes Pellejero, que viña realizando o traballo, con Ferrovial; Comsa Rail Transport con Sima; e Transportes Valin con Acciona Rail Services e Acciona Servicios Urbanos.
O máximo responsable das condicións do contrato foi Luis Lamas, que tivo que dimitir a comezos de 2015
En xaneiro de 2015 o ata daquela presidente de Sogama e máximo responsable do prego de condicións do concurso, Luis Lamas, tamén directivo do PP de Lugo, dimitiu tras coñecerse que o Centro Tecnolóxico Alimentario de Lugo (CETAL), do que era tesoureiro, adxudicara un contrato a un bufete de avogados do que era socio. Lamas, profesor de relacións laborais, foi o máximo responsable dun prego de condicións redactado segundo os traballadores para botalos á rúa e reducir así os custes do novo adxudicatario.
En marzo, xa baixo a presidencia do tamén popular Javier Domínguez Lino, a mesa de contratación de Sogama considera que a UTE formada por Acciona e Transportes Valin “non obtén a puntuación técnica mínima” e acorda excluíla do concurso, decisión que logo ratificou o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuales.
Sogama excluíu as ofertas de dúas das catro candidatas
O seguinte paso era valorar as propostas económicas das tres candidaturas que aínda quedaban activas, o que se fixo en abril, cando se soubo que fronte ao mínimo do 43% que fixaba a Xunta para o transporte de lixo por ferrocarril, Comsa-Sima ofertaba un 45,83%, Copasa-Renfe un 55% e Ferrovial-Pellejero un 56,57%. Porén, Sogama decidiu excluír tamén a esta última UTE, a da empresa que viña prestando o servizo, Ferrovial-Pellejero, por considerar a súa oferta económica, a máis baixa de todas, “anormal ou desproporcionada”. Malia que esta segunda empresa eliminada tamén recorreu, tampouco lle serviu de nada. Pola contra, a oferta de Copasa-Renfe viu especialmente valorado o seu plan de explotación do modo ferroviario. En xullo Sogama adxudicoulle o contrato e en outubro, quince meses despois de licitalo, formalizouno
A versión de Renfe
Segundo un voceiro oficial de Renfe consultado tanto antes de valorarse as ofertas como despois da adxudicación, a empresa pública, dominadora do transporte de mercadorías por ferrocarril, non tivo que elixir con que empresa privada se asociaba para presentarse ao concurso da Xunta porque só Copasa llo pediu. Non beneficiou a unha empresa privada fronte a outras, contestou Renfe, porque non recibiu outras peticións. A firma ourensá, xunto con outras construtoras privadas, tamén é socia de Renfe e Adif no consorcio público-privado creado para construír o AVE de Arabia Saudita.
A Xunta eliminou unha das ofertas por ser economicamente irrealizable e, ao tempo, permitía a Copasa executar só a metade da autovía da Costa da Morte por non ter capacidade económica
Copasa-Renfe gañou o concurso de Sogama grazas en parte á anulación por “anormal ou desproporcionada” da oferta económica máis baixa que realizara Ferrovial-Pellejero. Pero ao tempo Copasa é quen lidera a UTE que acomete a Autovía da Costa da Morte, á que a Xunta permitiu a finais de 2014 executar só a metade da obra pola súa incapacidade financeira para facela enteira. Isto é, ao tempo que renunciaba a parte dun contrato segundo o Goberno galego por non poder cumprir a súa proposta financeira, a empresa ourensá gañaba outro no que unha competidora quedara eliminada por presentar unha oferta económica irrealizable.
O persoal, nas mans de Copasa-Renfe
A UTE Copasa-Renfe será agora a que decida se contrata ou non aos traballadores da anterior adxudicataria do transporte de Sogama, que como xeito de presión veñen de convocar unha folga indefinida a partir do 15 de febreiro. Critican que cando a empresa pública sacou a concurso o servizo puxo condicións técnicas, ambientais e económicas pero “non tivo en conta a continuidade do plantel que levaba realizando esta función durante os últimos 14 anos, e nalgúns casos até 21 anos”, de xeito que o vindeiro 1 de marzo quedarán na rúa 69 traballadores, entre camioneiros, mecánicos e persoal de oficina.
A única proposta de Sogama é que os traballadores "presenten currículum na nova empresa, a ver se os collen", di a CIG
“Literalmente incluíron nas plicas que a nova empresa non tería ningunha responsabilidade co plantel actual”, critican. O prego de cláusulas di textualmente que “o persoal necesario para a execución do contrato dependerá exclusivamente da entidade adxudicataria [...] sendo Sogama de todo allea ás referidas relacións”. Inácio Pavón, representante dos traballadores pola CIG, di que a única proposta que lles fai Sogama é “que presenten currículum na empresa nova a ver se os collen, tendo en conta ademais que as condicións salariais que oferta Copasa son case un 50% inferiores”.
O paro indefinido pode acabar repercutindo na recollida do lixo se é superada a capacidade das plantas de transferencia
Este venres o Diario Oficial de Galicia publicou uns servizos mínimos da folga do 55%. Se o paro agora convocado se prolonga moito tempo, pode acabar repercutindo nas rúas das vilas galegas, segundo admiten Pavón e a propia Xunta. A capacidade de almacenamento temporal das 37 plantas de transferencia existentes por toda Galicia podería verse superada ao non poder dar saída ao lixo cara Sogama, o que á súa vez pode obrigar aos concellos dependentes desas plantas a reducir o ritmo ou o volume de recollida das súas rúas. Segundo a Xunta, “a parada da actividade provocaría o colapso na recollida dos residuos a nivel autonómico que, no mellor dos casos, tardaría días en corrixirse, o que, sen lugar a dúbidas, pode provocar serios problemas de salubridade e ambientais a nivel autonómico”.