Case o 95% dos concellos de Galicia envían os seus residuos á planta da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), o modelo de xestión implantado en tempos de Fraga que implica trasladar o lixo por todo o país rumbo a Cerceda. No outono de 2013 estes municipios recibiron a noticia de que, por motivos que nada tiñan que ver co medio ambiente, a empresa participada maioritariamente pola Xunta lles ía subir case un 34% o canon, isto é, a cantidade a pagar por cada tonelada de lixo, que repercute na factua dos fogares. Tras un ano de protestas e mesmo de rebelión en concellos de diverso signo o Goberno galego decide aplicar, no ano electoral de 2015, unha rebaixa do 10% sobre ese prezo incrementado.
A Consellería de Medio Ambiente vén de publicar no DOG esta revisión á baixa da súa propia suba. Dende o 1 de xaneiro o custo por tonelada de lixo tratada por Sogama é de 67,18 euros máis IVE, isto é, de 73,90 euros, algo menos que os 82,10 euros de 2014 pero un 20% máis do que os gobernos locais tiñan que afrontar antes da suba do pasado ano. Segundo o Executivo "esta revisión á baixa sobre o transporte e tratamento dos residuos é posible" grazas "ao éxito acadado" pola Xunta "na súa negociación ante o Ministerio de Industria, na que logrou minorar o impacto da reforma do sector eléctrico sobre Sogama", e grazas tamén "ao plan de acción posto en marcha por Sogama para incrementar os ingresos e diminuír os gastos, co que xa se conseguiu que as perdas de 2013 fosen menores do previsto".
A rebaixa aprobada para 2015 deixa o importe do canon un 20% por riba do prezo previo á primeira suba
A explicación oficial non é, cando menos, completa. Se ben é certo, como alude o Goberno, que a orixe da suba inicial está na necesidade de equilibrar as contas da sociedade, non o é menos que o desequilibrio parte dunha decisión do Goberno central cando xa estaba nas mans do PP e da negativa do socio da Xunta en Sogama, Gas Natural Fenosa, a gañar menos cartos no complexo, que xera enerxía eléctrica a partir dos residuos. Cando o gabinete de Mariano Rajoy decidiu eliminar as primas á xeración de enerxías renovables a empresa enerxética non quixo absorber a consecuente baixada dos beneficios e a Xunta adoptou unha actitude semellante, polo que optou por cargar nas costas dos concellos o custo adicional do modelo de xestión promovido dende San Caetano.
Para organizacións ecoloxistas como ADEGA, historicamente críticas co modelo de Sogama, este episodio amosou ás claras que a estratexia gobernamental consistiu en "fixar un prezo político para o tratamento do lixo" e así "poder competir artificialmente" con outros sistemas, como os baseados na compostaxe. Estes modelos, xa en práctica en puntos do país como a Mancomunidade do Barbanza, "ademais de seren máis ecolóxicos supoñen un maior aforro para a cidadanía e para os concellos". "Por moito que a propaganda intoxicadora da Xunta presente Sogama como a opción máis barata a realidade é que nunca o foi", advertían tras a suba de 2014.
Ameazas de recortes e críticas de "electoralismo"
O último movemento da Xunta chega despois dun ano cargado de tensión cos concellos, ata o punto que arredor dun cento deles, os non gobernados polo PP, optaron pola insubmisión ante o incremento "unilateral, inxusto e desproporcionado". Asembleas, peches e manifestacións, entre outras accións, sucedéronse mentres, a finais do pasado verán, rexedores do BNG ían alén da crítica política para advertir do que, na súa opinión, supuña un cobro "indebido", toda vez que a suba se xustificara nunha previsión de perdas de 4 millóns de euros que finalmente foi "dun 85% menos".
Un cento de concellos declaráronse insubmisos á suba de 2014 e a Xunta retrucou ameazándoos con retirarlles fondos do seu financiamento
O Goberno galego pasou de retrucar aos municipios que, se non estaban conformes coas condicións, podían optar por abandonar Sogama toda vez que a adhesión é "voluntaria", a ameazalos pola vía económica. Mediante un decreto do pasado decembro Medio Ambiente blindábase contra os posibles impagamentos advertindo de que, en caso de débedas, recortaría as cantidades pendentes do Fondo de Cooperación Local, unha relevante vía de financiamento dos concellos. Para o portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, esta é unha estratexia para "amarrar os concellos" e "impedir a súa fuga" de Sogama.
Este é, polo tanto, o pano de fondo no que, a escasos cinco meses das municipais de maio, se produce o que dende o PSdeG foi recibido como unha "rebaixa electoralista" que, di a súa voceira de medio ambiente, Patricia Vilán, "non palía o incremento do 34% aplicado o ano pasado", suba que "saíu" do "estudo de viabilidade encargado por 60.000 euros" á auditora Price Waterhouse Coopers. "O ano pasado pedimos a derrogación en numerosas ocasións e o PP sempre dixo que non, pero polo que sabemos agora, fíxose unha revisión dese estudo hai uns meses", sinala Vilán. A Xunta, di, sabía que as perdas previstas xa non eran tal, pero "optou polo engano e a ocultación" e mais as "ameazas". "Esa -conclúe- é a súa idea de diálogo".