A Xunta impón de vez a suba do canon de Sogama que non pagarán cen concellos

Instalacións de Sogama en Cerceda © Sogama

A Xunta rexeita o diálogo e impón a suba do canon de Sogama. Non haberá negociación nin acordos para reducir o impacto que esta medida terá na cidadanía, malia o rexeitamento frontal de case cen concellos -os 97 onde non goberna o PP- á suba nun 34% da taxa do lixo que se lle impón aos municipios e que comezará a aplicarse xa no vindeiro mes de marzo. Non obstante, os alcaldes contrarios á medida mantéñense firmes e xa anuncian que presentarán un recurso contencioso, manifestaranse en Compostela e non abonarán o incremento deste canon, que será depositado nun xulgado á espera, cando menos, da resolución xudicial.

Os alcaldes presentarán un recurso e pagarán o canon actual, pero non a diferenza que supón a suba, que será depositada nun xulgado

O canon de Sogama pasará así dos 61,5 euros por tonelada de lixo aos 82,1, máis de 20 euros de diferenza por cada mil quilos, que terán que ser asumidos ou polos concellos, xa afogados economicamente e ameazadas pola reforma local, ou pola cidadanía en forma de impostos. Os alcaldes rebeldes, que levan meses agardando negociar coa Xunta unha alternativa para reducir o impacto deste incremento, solicitaron unha xuntanza co presidente Feijóo, que se negou a negociar con eles e que aclarou que a Fegamp sería o interlocutor válido. Este pasado luns, foi o presidente da Federación Galega de Municipios o que trasladou aos rexedores críticos a negativa da Xunta a falar.

"O diálogo está totalmente roto", di o alcalde de Monforte, que lembra que os concellos estaban dispostos "repartir o custo de algo que non xeramos"

Severino Rodríguez, alcalde nacionalista de Monforte e un dos voceiros do colectivo crítico, aclara que "o diálogo está totalmente roto". "Dixéronnos que non hai máis alternativa e que non hai nada que facer", asegura o rexedor, que esta mesma tarde manterá unha xuntanza con varios representantes municipais máis para acabar de aquelar as medidas que tomarán a partir de agora. Seguirán pagando o importe do canon que abonaban, pero a diferenza -eses 20 euros por tonelada- irá ao xulgado. Ademais, manteñen pancartas de protesta en varios consistorios, confirmarán a presentación dun recurso contencioso e concentracións ante a Xunta de Galicia, que argumenta que xa se chegara a un acordo para un aprazamento do incremento da taxa que logo non se cumpriu, así como que se pode seguir negociando no marco do novo Plan de Residuos.

"Para que nos manda Feijóo á Fegamp se xa non hai marxe de manobra?", pregúntase Rodríguez, que lembra que a Xunta nin tan sequera accedeu a escoitar a súa proposta e que xa implicaba "repartir equitativamente o custo de algo que os concellos non xeramos". "A responsabilidade non é nosa e incluso acordamos asumir parte, pero o que non podemos é asumir todo", insiste. Pero o Executivo intentou atalo todo e incluíu na Lei de Orzamentos a potestade legal de reter o importe que lle adebeden os concellos con cargo ao Fondo de Cooperación Local.

A orixe da suba está na decisión do Goberno cetnral de eliminar as primas ás renovables, que provocou que Sogama reducise os ingresos

A orixe desta suba está na necesidade da planta de Sogama de equilibrar as súas contas. A incineradora de Cerceda veu reducidos os ingresos que obtén pola venda da electricidade nuns 13 millóns de euros anuais, tras a decisión do Goberno de Mariano Rajoy de eliminar as primas ás renovables. Gas Natural-Fenosa, que posúe o 49% de Sogama, non quere aceptar unha baixada nos beneficios da incineración, e a Xunta tampouco se quere facer cargo das perdas xeradas polo sistema de tratamento de residuos que promove. Lava as mans neste asunto e trasládalle directamente o incremento aos concellos, que agora deberían decidir de que xeito llelo repercuten aos seus cidadáns.

"É unha decisión do Goberno central que prexudica a Galicia, pero o Goberno galego non fai nada fronte a esta situación e non é capaz de facer nada contra unha medida imposta por un Executivo do mesmo partido; despois, en vez de asumir a responsabilidade, pásallela aos concellos e, xa que logo, a todos os cidadáns", quéixase Severino Rodríguez, que tamén carga contra aqueles alcaldes do PP que "nin tan sequera fan movementos para convencer a súa formación".

"Os alcaldes do PP poñen por riba os intereses do seu partido, antes que os da xente"

"A suba do canon prexudica a todos os concellos e, polo tanto, a toda a cidadanía sen exclusión, pero os alcaldes do PP, en lugar de poñerse de lado do pobo, póñense ao lado do seu partido", censura o rexedor do BNG, que cre que isto "é unha constación de algo terrible". "Cando os cidadáns din estar desencantados coa clase política é por algo, a conclusión á que chegan é que están por riba os intereses da súa formación cós da xente... E esta é  unha mostra de que en moitos casos teñen razón", remata o voceiro dun conxunto de rexedores que, na súa maioría, non só critican o incremento da taxa, senón un modelo, o de Sogama, ineficiente e superado, o que levou o alcalde de Rianxo a abandonar a planta de Cerceda.

Pancarta contra a suba do canon no Concello de Ordes © Concello de Ordes
Imaxe dunha das xuntanzas de alcaldes sobre Sogama © Concello de Monforte

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.