O Concello de Pontevedra promove a compostaxe doméstica para as casas cun pequeno terreo ou xardín e a compostaxe comunitaria e a recolleita de materia orgánica no colector marrón nas zonas urbanas. Hai máis de 7.000 fogares e preto de trescentos establecementos comerciais que xa están a optimizar os residuos orgánicos que producen para fabricar compost
Máis de 7.000 fogares e preto de trescentos establecementos comerciais están a optimizar os residuos orgánicos que producen para fabricar compost a partir das tres vías dispoñibles no Concello de Pontevedra para aproveitar esta materia orgánica para obter un fertilizante natural. Un exemplo básico de economía circular que ten demostrada súa eficiencia tanto na cidade como nas parroquias do rural pontevedrés. Cada vez hai máis veciñanza anotada para participar e non hai cheiros desagradables.
As normativas europeas e estatais establecen obxectivos de preparación para a reutilización e de reciclado de residuos, cada vez se esixe máis unha recolleita diferenciada e uns tratamentos acordes á xerarquía de xestión de residuos. Priorízase a prevención, é dicir, non chegar a xerar os residuos; e despois a reutilización, a reciclaxe e en última instancia o vertedoiro e a incineración. Co modelo de xestión de residuos galego a maior parte dos residuos, os que se recollen no colector do lixo verde, envíanse a Sogama para incinerar case sen cribar.
"No modelo de Sogama, no colector verde recóllese tamén a materia orgánica, pero non ten ningún sentido enviala a incinerar cando é un residuo que contén auga e que debido a iso ten un poder calorífico baixo. Hai unha opción coa materia orgánica que é xestionala no propio lugar onde se produce porque non precisa unha instalación sofisticada, como no caso dos envases de plástico ou do papel cartón. Cun composteiro, un aparello moi sinxelo, xa se pode reciclar a materia orgánica porque é un proceso levado a cabo por microorganismos que están presentes de forma natural no ambiente e atacan a materia orgánica para que se descompoña", describe Raúl Búa, técnico de medioambiente do Concello de Pontevedra.
A finais do ano pasado había 3.798 familias anotadas con composteiros domésticos que producen o seu propio abono orgánico
Dentro do Plan Composta, o Concello promove a compostaxe doméstica para as casas cun pequeno terreo ou xardín, a compostaxe comunitaria na cidade e a recolleita no colector marrón nas partes con máis densidade de poboación como é a zona histórica.
Repartíronse composteiros nas parroquias do rural para que quen teña unha pequena horta poida instalalo e xestionarse de maneira autónoma. Son uns pequenos composteiros optimizados para evitar malos cheiros que nuns seis meses producne o abono orgánico ideal tanto para a propia horta ou para o xardín das casas.
"Pero a xente non está soa con isto, hai formacións e campañas de sensibilización, pero tamén saben que poden acudir aos mestres composteiros coas dúbidas e consultas. Nos composteiros individuais vaise facer revisión de que todo funciona correctamente", salienta Raúl Búa. A finais do ano pasado había 3.798 familias anotadas con composteiros domésticos.
Na cidade, onde a maior parte da xente vive en edificios, Pontevedra instalou centros de compostaxe comunitarios nos parques e xardíns municipais onde as persoas poden acceder libremente a deixar os seus bioresiduos. Os últimos datos de 2022 indican que había 1.065 familias anotadas nesta modalidade, na que tamén reciben gratuitamente unha parte do compost que se produce grazas ás súas achegas. "A maioría da xente anotada quere levar despois o compost porque aínda que vivan na cidade teñen un terreo, unha casa na aldea ou teñen unha das hortas urbanas que o concello lle cede á veciñanza", explica Raúl Búa.
E nas zonas urbanas onde non é posible instalar estes composteiros de maior tamaño emprégase o colector marrón para recoller aí a materia orgánica. "Cada un separa ben os residuos orgánicos na súa casa, méteos nunha bolsa compostable e déixaos no colector. Despois nós levamos eses bioresiduos a unha planta de compostaxe", apunta o técnico de medioambiente. Ao remate de 2022 había 2.515 familias e 299 establecementos comerciais inscritos nesta opción de recolleita.
En Pontevedra estiman que arredor dun 20% do total dos residuos municipais que se xeran acaba en preparación para a reutilización ou reciclaxe
A formación é fundamental para que a xente aprenda a separar correctamente os residuos. Dos residuos analizados nos colectores marróns saben que a veciñanza de Pontevedra está a facelo ben porque a porcentaxe de residuos impropios, é dicir, de residuos que non deberan ir parar a ese colector, foi do 1,84% no ano 2022. Unha cifra moi baixa se se compara con que a lexislación vixente nesta materia cifra nun máximo do 15% a porcentaxe de residuos impropios a lograr a partir do ano 2027.
De momento, esta maneira sostible de aproveitar os recursos é voluntaria pero o técnico de medioambiente do Concello de Pontevedra observa que "se está a asentar unha cultura da separación da materia orgánica que ten boas perspectivas". Estiman que arredor dun 20% do total dos residuos municipais que se xeran acaba en preparación para a reutilización ou reciclaxe, cando na maioría dos concellos galegos esta procentaxe quedaría nun 15% ou menos. "Ese salto é debido á xestión e reutilización da materia orgánica. Somos dos primeiros concellos en ir implantando esta opción", apunta Raúl Búa.