En Galicia só se recollen de forma separada o 15% dos residuos, unha porcentaxe que se se sitúa case catro puntos por debaixo da media española, que rolda o 19%, segundo as cifras correspondentes ao ano 2017, e que o INE publicou hai uns días. Galicia fica moito máis atrás que outros territorios, como Euskadi e Navarra (preto do 40% de recollida separada), Cataluña (34%) e mesmo Asturias (26%) e Baleares (21%).
As cifras galegas de recollida separada, ademais, mantéñense practicamente estancadas dende hai anos, mesmo cunha tendencia a descender
As cifras galegas de recollida separada, ademais, mantéñense practicamente estancadas dende hai anos, mesmo cunha tendencia a descender. A porcentaxe, situada no 2017 no 15%, moveuse entre o 15% e o 16% ata o 2013; chegou a ser do 17,5% en 2014 e 2015, para finalmente caer de novo ata o actual 15%.
A cantidade total de residuos recollidos foi descendendo de forma paseniña ata o ano 2013, o momento máis duro da crise económica, pasando de 1,22 millóns de toneladas a 1,08. Porén, dende entón experimentou un leve ascenso, ata situarse nos 1,12 millóns no ano 2017.
Durante a última década, os residuos recollidos de forma separada chegaron a un máximo no ano 2015, con 202.000 toneladas. Porén, dende entón a cantidade reduciuse ata as 168.000 toneladas.
A maior parte dos residuos mesturados non se recuperan nin se reciclan, sendo o seu destino principal os vertedoiros (72,4%) e a incineración (15%)
Galicia é un dos territorios do Estado que menos residuos xera por habitante, con 414 quilos ao ano, un dato só mellorado por Madrid (403 quilos). Galicia sitúase 70 quilos por debaixo da media española (484 quilos por habitante e ano).
Con todo, a realidade é que no que se refire aos residuos mesturados, o indicador de Galicia é máis negativo, sumando só 40 quilos menos que a media española e sendo mellorado por Euskadi, Navarra, A Rioxa, Cataluña e Madrid, que producen menos residuos mesturado por habitante que Galicia.
A maior parte dos residuos mesturados non se recuperan nin se reciclan, sendo o seu destino principal os vertedoiros (72,4%) e a incineración (15%), segundo as cifras que ofrece o INE para o conxunto de España. Só se recicla o 12,6%. Os residuos separados teñen unha taxa de recuperación moi superior, por riba do 99% nos casos do papel e do vidro e do 70% nos plásticos.
Pódense relacionar estes datos cos que anualmente ofrece Sogama sobre o tratamento de residuos que leva a cabo na súa planta de Cerceda. Alí xestiónanse os residuos xerados por 295 concellos, que suman 2,2 millóns de habitantes, a práctica totalidade do país, agás os nove que levan o seu lixo a Nostián e os nove que o fan en Lousame. O modelo Sogama vén sendo criticado polas moi reducidas taxas de recuperación que presenta.
Sogama só recupera o 5,4% dos residuos que xestiona, destinando o 74% á "valorización enerxética", é dicir, á incineración
A súa memoria de actividade correspondente ao ano 2018 amosa que a planta tratou un total de 804.262 toneladas de residuos, das que case o 74% (594.394) foron "valorizadas enerxeticamente", é dicir, incineradas para a produción de enerxía eléctrica.
A porcentaxe de residuos recuperados foi do 5,4%. Recuperáronse 14.880 toneladas de envases, 9.266 toneladas de férricos, 833 toneladas de aluminio, 17.657 toneladas de vidro, 169 toneladas de brick, 87 toneladas de PEAD, 116 toneladas de papel e cartón, 115 toneladas de film, 82 toneladas de plástico-mestura e 65 toneladas doutros plásticos. Isto suma un total de 43.270 toneladas de materiais recuperados. Ao redor de 186 mil toneladas foron destinadas ao vertedoiro de Areosa.