Hai máis ouro en Sogama que en Corcoesto

Vertedoiro de Areosa Dominio Público Praza Pública

"Hai máis ouro nos residuos que botamos ao lixo que no interior destas minas que pretenden explotar". Así falaba Manuel Soto en maio, nunha rolda de prensa na que ADEGA, Amigos da Terra, Federación Ecoloxista Galega e a Plataforma Galega contra a Incineración presentaron unha serie de iniciativas que ían desenvolver ante as institucións europeas para demandar que Galicia cumprise a normativa de xestión de residuos. A frase, que facía referencia ao conflito aberto, sobre todo en Corcoesto, podía soar esaxerada, pero inscribíase na crítica xeral que estes colectivos facían a unha política máis preocupada por queimar o lixo e acumulalo en vertedeiros, que en reutilizar e reciclar os materiais que eran desbotados, entre eles o ouro, por suposto.

Na actualidade hai máis de 275 millóns de toneladas de materias primas valiosas nestes depósitos, legais ou ilegais, o equivalente a nove millóns de camións de gran tonelaxe

Ecoloxistas en Acción e Amigos da Terra veñen de presentar un informe que alerta de que España recicla menos do 30% dos seus residuos, sendo incinerados ou acumulados os restantes. Isto deriva en que na actualidade haxa máis de 275 millóns de toneladas de materias primas valiosas nestes depósitos, legais ou ilegais, o equivalente a nove millóns de camións de gran tonelaxe. O estudo parte do informe de 2011 de Ignasi Puig Minería urbana: extracción de recursos de los vertederos, e sinala a importancia da nova minaría de vertedeiro (landfillmining), a posibilidade de recuperar materiais residuais ou enerxía mediante plantas estacionais ou móbiles. A este respecto láiase de que en España até agora só se coñece a experiencia do desmantelamento dun vertedeiro en Berga (Catalunya), en 2010.

Una tonelada de teléfonos móbiles contén até 30 veces máis ouro que unha tonelada de terra obtida dunha mina de ouro

Por exemplo, calcúlase que o 4,1% dos materiais desbotados é metal, sumando o 3,4% de todos os residuos acumulados nos vertedeiros. Ao redor do 6,8% dos residuos corresponden a madeira, e outro 6,6 a material téxtil, goma ou pel. Isto supón ao redor de 12 millóns de toneladas de metais diversos aloxados no vertedeiros de toda España. Hai estudos que analizaron distintos aspectos polo miúdo, e que destacan, por exemplo, que en 2011 un 80% dos teléfonos móbiles que foron ao lixo aínda funcionaban e que entre o 65% e o 80% do seu contido podería ser recuperado ou valorizado. Una tonelada de teléfonos móbiles contén até 30 veces máis ouro que unha tonelada de terra obtida dunha mina de ouro.

Pero non só se trata de ouro. Os móbiles tamén conteñen metais raros coma o tántalo, un mineral moi valioso polas súas numerosas aplicacións na fabricación de compoñentes electrónicos. E outros aparellos electrónicos (ou non) conteñen outros materiais raros e moi custosos: Itrio, Lantano, Praseodimio, Cerio, Neodimio, Samario, Erbio, Disprosio, Gadolinio, Escandio, Europio, Terbio, Holmio, Tulio, Lutecio, Iterbio, Indio..., presentes en pantallas de LCD, Sistemas de refrigeración industrial, contraste en resonancias magnéticas, discos compactos, baterías de coche ou pedras de chisqueiro.

 

O impacto dos vertedeiros

Os colectivos ecoloxistas denuncian que Sogama "só queima o lixo" para reducir o seu volume e para despois acumulalo no gran vertedeiro da Areosa e lembran que en 2020 este tipo de vertedoiros estarán prohibidos en Europa

O informe denuncia que os vertedeiros "poden causar impactos altamente prexudiciais sobre a saúde humana e o medio ambiente, así como efectos desfavorables a nivel social e económico". En Galicia destaca, sobre todo, o vertedeiro de Areosa, en Sogama, no que a Xunta gastou 42 millóns de euros o pasado ano na súa ampliación, para que puidese procesar 1.260.000 toneladas de lixo. Os colectivos ecoloxistas denuncian que Sogama "só queima o lixo" para reducir o seu volume e para despois acumulalo no gran vertedeiro da Areosa e lembran que en 2020 este tipo de vertedoiros estarán prohibidos en Europa. Sogama recupera só o 8% dos materiais que lle chegan, fronte ao 34% das alternativas en marcha en Galicia, nas comarcas do Barbanza e Coruña. Mentres, a media da UE en 2009 ofrece datos moi diferentes: 24% de materiais reciclados, 18% de compostaxe, 20% de residuos incinerados, e un 38% acumulados en vertedoiros.

Cada persoa produce máis de 500 quilos de lixo cada ano, e dúas terceiras partes non se reciclan nin se recuperan de ningún xeito. Segundo os datos da UE, actuar de maneira correcta na xestión dos residuos suporía para os países comunitarios un aforro de 72.000 millóns de euros, a creación de máis de 400.000 postos de traballo e un aumento do negocio anual do sector de 42.000 millóns de euros. O cumprimento da estratexia europea axudaría a crear un sector con 2,4 millóns de postos de traballo e un volume de negocio total de 187.000 millóns de euros.

O informe realiza algunhas recomendacións, dende a aplicación de taxas ecolóxicas sobre os vertidos e os vertedeiros, a recollida porta a porta, e medidas parciais dentro dunha estratexia de Residuo Cero

O informe realiza algunhas recomendacións, dende a aplicación de taxas ecolóxicas sobre os vertidos e os vertedeiros, a recollida porta a porta, e medidas parciais dentro dunha estratexia de Residuo Cero. A este respecto, a asociación Retorna, impulsada por Ecoloxistas en Acción e Amigos da Terra, promove o Sistema de Retorno de envases de bebidas, polo que mediante a asignación dun depósito económico a cada envase, este deixa de ser un residuo para converterse nun recurso. O Sistema de Retorno lograría retirar do cubo do lixo millóns de envases de bebidas diarios que serían destinados á súa reciclaxe. En España véndense cada día 51 millóns de envases de bebidas dun só uso.

Vertedoiro de Areosa Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.