O debate sobre os sistemas de xestión de residuos está máis de actualidade ca nunca en Galicia, sobre todo por mor do moi significativo incremento (dun 34%) das tarifas que Sogama lles cobra aos concellos para tratar o seu lixo. O debate puido espertar antes, pero o caso é que espertou. Dende hai uns meses veu incrementándose o interese sobre as plantas e procesos alternativos ao proposto pola empresa radicada en Cerceda. Tanto a proposta que dende hai anos funciona en Lousame, coma outras iniciativas que tamén priman a compostaxe e a redución. E tamén sobre Nostián, a planta que dende hai trece anos dá servizo á comarca da Coruña.
Albada (filial de Urbaser) gañou o concurso para a xestión de Nostián cunha proposta para reciclar o 34% do lixo que chegase á planta
Nostián comezou a operar en 2001 como solución ao vertido incontrolado no antigo vertedoiro de lixo en Bens (despois do accidente que se producira en 1996) e tamén como alternativa ao modelo incinerador de Sogama, buscando en principio primar a recuperación e a reciclaxe. Albada (filial de Urbaser) gañou o concurso para a xestión de Nostián cunha proposta para reciclar o 34% do lixo que chegase á planta; porén, no conxunto destes trece anos Nostián non chegou nin sequera ao vinte por cento, ou o que é o mesmo, catro de cada cinco quilos de residuos acabaron en vertedoiros.
O texto analiza o funcionamento da planta nestes trece anos e propón unha serie de medidas para conseguir que Nostián "siga a ser un modelo válido, no que se acade unha boa tasa de recuperación dos residuos"
Este mércores preséntase na Coruña (ás 20 horas, na Casa Tomada) o manifesto Nostián Solución, elaborado por expretos coma Manolo Soto, profesor da UDC, e que conta co apoio de ao redor de quince entidades sociais, entre eles Adega, Verdegaia, Federación Ecoloxista Galega, ou os sindicatos CC.OO., CIG e UGT. O texto analiza o funcionamento da planta nestes trece anos e propón unha serie de medidas para conseguir que Nostián "siga a ser un modelo válido, no que se acade unha boa tasa de recuperación dos residuos". O manifesto centra a súa análise e as súas propostas en dous aspectos: a compostaxe, que Nostián non leva a cabo, e a mellora da separación en orixe. Os colectivos que o asinan buscan retomar "a mobilización social que protagonizou nou seu día a Plataforma Cidadá pola Reciclaxe, cuxo traballo foi decisivo para que os concellos elixiran este sistema fronte á incineración e o vertido de Sogama".
O texto sinala que o funcionamento da planta "comezou de forma bastante satisfactoria, pero pronto se viu afectado polo abandono das actuacións de promoción da recollida separada en orixe e pola falta de transparencia das empresas e administracións implicadas". Engade que a consecuencia disto, "os resultados de reciclaxe empeoraron, o vertedoiro recibiu a maior parte dos residuos e esgotouse, apareceron problemas de malos olores, e a cidadanía foi perdendo a súa confianza no proxecto".
En 2011 Nostián conseguiu reciclar o 13,4% dos residuos, "unha cifra superior ao 8,2% de Sogama, pero moi inferior ao 35,7% do ámbito da planta comarcal do Barbanza
Destacan que en 2011 Nostián conseguiu reciclar o 13,4% dos residuos, "unha cifra superior ao 8,2% de Sogama, pero moi inferior ao 35,7% do ámbito da planta comarcal do Barbanza, e sobre todo, moi inferior ao 80% de reciclaxe que están a alcanzar algunhas cidades e comarcas avanzadas, tanto no estado español como en Europa". Subliña que a modificación e a ampliación en 2012 da planta de clasificación "permitiu aumentar lixeiramente a porcentaxe de residuos de envases recuperados", pero salientan que a planta "segue sen reciclar a principal fracción do lixo, a orgánica, ao continuar sen elaborar compost". Lembran, así mesmo, que "houbo unha redución dos postos de traballo" e o que inicialmente era unha Planta de Reciclaxe converteuse nunha Planta de Transferencia de residuos.
O manifesto esixe adoptar os cambios necesarios en Nostián para a elaboración de compost coa fracción orgánica recollida separadamente na orixe (contedor verde), esixindo da empresa o cumprimento das condicións da concesión e os obxectivos para os que foi creada a planta. Tamén pide fomentar a compostaxe doméstica en ámbitos de asentamentos dispersos e alí onde hai vivendas con horta ou xardín, así como en espazos públicos urbanos. E lembra que un modelo distinto de tratamento, primando a reciclaxe e a compostaxe podería xerar "máis de 500 empregos directos".
A responsabilidade da cidadanía
Apenas un 20 ou un 30 por cento das perosas realizan unha separación completa dos residuos nas casas, mentres que un 60% só separan algún material
O texto tamén fai fincapé na diminución da participación cidadá na separación en orixe dos residuos, de xeito que apenas un 20 ou un 30 por cento das perosas realizan unha separación completa dos residuos nas casas, mentres que un 60% só separan algún material (sobre todo vidro). Deste xeito, só se pode considerar "medianamente satisfactoria" a recollida de vidro (57% en 2011), mentres que a de papel (cunha taxe de reciclado do 19%) acada porcentaxes moi inferiores. Ademais, o contedor verde acolle menos do 40% dos residuos orgánicos "e faino ademais cunha calidade insuficiente, pola alta porcentaxe de impropios que contén en moitos dos ámbitos de recollida", engaden.
O manifesto lembra que "calquera modelo de reciclaxe precisa aumentar fortemente a participación cidadá na recollida separada"
O manifesto lembra que "calquera modelo de reciclaxe precisa aumentar fortemente a participación cidadá na recollida separada" e por iso pide "centrar os esforzos na educación ambiental e na concienciación e explicación do modelo de xestión e da recollida separada nos fogares". Tamén pide "introducir melloras no modelo de recollida separada en orixe, en particular a recollida porta a porta naquelas áreas onde resulte viábel, así como nas Ordenanzas Municipais relacionadas coa taxa do lixo". Así mesmo, demanda "fomentar a compostaxe doméstica en ámbitos de asentamentos dispersos e alí onde hai vivendas con horta ou xardín, así como en espazos públicos urbanos" e "incentivar un consumo responsable tendente á redución do lixo, apoiando ás redes de consumo responsable e a produción local e de temporada".