O novo sistema de recollida de lixo en Pontevedra reducirá o custe á metade cunha reciclaxe do 70%

As taxas de reciclaxe e recuperación en Galicia están moi por debaixo do esixido pola UE CC-BY Sili(k)

Pontevedra porá en marcha nos vindeiros meses -no prazo dun ano, segundo o Concello- un novo sistema de recollida do lixo, baseado na mellora da separación en orixe e na participación cidadá. O obxectivo, ademais dos beneficios medioambientais, é acadar unha redución no custe do servizo e, polo tanto, na taxa que pagan os e as veciñas. Un informe económico realizado pola Deputación calcula que o aforro podería chegar ao 50% do prezo actual, sempre que se acade unha taxa de reciclaxe do 70%.

Na actualidade, en Pontevedra, estase a reciclar ao redor do 8% de todos os residuos, unha cifra semellante á que se rexistra noutros lugares de Galicia. A parte máis importante de todos os residuos xerados nas vivendas corresponde á parte orgánica, que nos concellos adheridos a Sogama e sen plans ou infraestruturas de compostaxe, non se recicla. A partir do ano 2020 a Unión Europea esixirá a todos os estados membros a reciclaxe, cando menos, do 50% de todos os seus residuos. Actualmente en Galicia tan só o 15% dos residuos se recollen de forma separada.

Pontevedra dividirase en tres zonas, con tratamentos diferentes para os restos orgánicos: primeiro, na zona rural, cada vivenda unifamiliar contará cun composteiro para o tratamento destes residuos

Pontevedra dividirase en tres zonas, con tratamentos diferentes para os restos orgánicos: primeiro, na zona rural, cada vivenda unifamiliar contará cun composteiro para o tratamento destes residuos; non haberá unha recollida específica do colector verde, si dos específicos -cartón, vidro, fracción seca-. Segundo, nos barrios de A Parda, Salgueiriños, Gorgullón e Monte Porreiro instalaranse composteiros colectivos. E, terceiro, no centro urbano realizarase unha recollida separada da materia orgánica. Ademais, tamén se contempla manter a recollida dos grandes produtores (supermercados, almacéns…) e dos produtores singulares. O Concello de Pontevedra, que ofrecerá asesoramento técnico, estaría en condicións de comezar a implantar este novo sistema de recollida e tratamento de residuos a partir dos meses de abril ou maio, e ter completado todo o municipio no prazo dun ano.

Os técnicos provinciais analizaron todos os sistemas de recollida e tratamento de residuos coñecidos, recomendando para Pontevedra este modelo mixto, que ao duplicar o sistema encarece os custes fixos pero que a partir dunha taxa de reciclaxe do 50% comeza a ofecer un importante aforro. Se na actualidade o sistema en Pontevedra ten un custe de case 200 euros por tonelada, cunha reciclaxe do 50% o custe será de 170 euros, e se se acada o 70% o prezo roldará os 118 euros por tonelada de residuos tratados. O estudo da Deputación conclúe que "o caro que é o servizo actual, no que o Concello envía todos os seus residuos a Sogama para seren incinerados".

Se na actualidade o sistema en Pontevedra ten un custe de case 200 euros por tonelada, cunha reciclaxe do 50% o custe será de 170 euros, e se se acada o 70% o prezo roldará os 118 euros

No último ano ADEGA e o Concello de San Sadurniño levaron a cabo no concello ferrolterrán un programa experimental de recollida de lixo "porta a porta" polas casas, acompañado de compostaxe dos residuos orgánicos, que permitiu reducir os residuos enviados a SOGAMA nun 57%, co conseguinte aforro económico.

O asesor de residuos da Deputación, Carlos Pérez, destaca que o modelo proposto para Pontevedra ten semellanzas co existente no occidente de Navarra e en Guipúscoa no referido á existencia de composteiros individual e comunitario, e co modelo austríaco na planta de compost. O actual contrato de tratamento de residuos que Pontevedra mantén con Sogama vence en xuño de 2017 e nese momento o Concello deberá decidir a súa renovación ou non, podendo optar por un modelo alternativo no que a compostaxe (a través de composteiros individuais e colectivos e da proxectada planta comarcal de compost) e a reciclaxe terán un papel protagonista. 

Carlos Pérez: “Cando alguén di que volvemos ao pasado, no sentido de retorno do orgánico á terra, pechando o ciclo de CO2, pois ten toda a razón"

Este martes, o voceiro local do Partido Popular, Jacobo Moreira, criticou o novo sistema de recollida de lixo anunciado polo Goberno municipal, afirmando que a decisión constitúe unha "volta ao pasado" e a que "cada un esparexa o lixo na súa leira". Moreira espetou que "imos volver a ter un porco na casa para que coma os restos". As súas palabras foron respondidas de inmediato polo técnico provincial, Carlos Pérez, que afirmou que “cando alguén di que volvemos ao pasado, no sentido de retorno do orgánico á terra, pechando o ciclo de CO2, pois ten toda a razón" e que "cando di que volvemos ao pasado, no sentido de rexeitar solucións tecnolóxicas superfluas que só buscan un mecanicismo innecesario, pois o sistema non as necesita, pois tamén ten razón”.

Co modelo proposto haberá unha moi importante "redución do percorrido de lixo"

Pérez explicou que o novo sistema busca "recuperar os bos modos operativos do pasado e introducir elementos de racionalización, no sentido de que é incoherente levar a un só punto un residuo que se produce de forma atomizada e dispersa”, destacando que co modelo proposto haberá unha moi importante "redución do percorrido de lixo con respecto ao escenario actual", diminuíndo a pegada ecolóxica deste proceso. Pérez engadiu que, tras analizar os modelos en marcha noutros territorios e todas as actuais posibilidades tecnolóxicas "chegamos á conclusión de que o orgánico é o único lixo que podemos tratar, porque é o único susceptible de ser tratado en baixa tecnoloxía con garantías tecnolóxicas, sanitarias e ambientais”.

 

Sistema de compostaxe CC-BY-SA Adega
As taxas de reciclaxe e recuperación en Galicia están moi por debaixo do esixido pola UE CC-BY Sili(k)
Camión do lixo en Vigo CC-BY-SA Iván PC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.