Hai unhas semanas os medios de comunicación facíanse eco dunha nota de prensa da Xunta de Galicia na que se indicaba literalmente que a UE deixará de financiar os “modelos de tratamento de residuos alternativos a SOGAMA”; particularmente os sistemas de tratamentos mecánico-biolóxicos, como as plantas de Nostián (Coruña) ou de Servia (Lousame). Dita nota de prensa indica que este tipo de modelos son sistemas a “extinguir”, así como que “o modelo SOGAMA é polo tanto o que está a defender a Unión Europea”.
Non se financiarán, en consecuencia, novos proxectos de instalacións de incineración ou depósito de residuos, na medida en que iso pode poñer en cuestión os obxectivos de reutilización e reciclado da UE
Vexamos o que prevén algúns dos mecanismos de financiamento comunitario no marco dos fondos Next Generation. Neste marco destaca o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (Regulamento 2021/241), que non apoiará proxectos de investimento que “dean lugar a un aumento significativo da xeración, incineración ou eliminación de residuos”. Non se financiarán, en consecuencia, novos proxectos de instalacións de incineración ou depósito de residuos, na medida en que iso pode poñer en cuestión os obxectivos de reutilización e reciclado da UE. Nesta mesma orde de ideas, o Regulamento do Fondo de Desenvolvemento Rexional e o Fondo de Cohesión e o Regulamento do Fondo IVEST EU (pendentes ambos de firma e publicación) dispoñen, en parecidos termos, que non financiarán investimentos que incrementen a capacidade de instalacións de tratamento de residuos (incineración, vertedoiro ou plantas mecánico-biolóxicas (TMB), salvo, entre outras cuestións, o investimento en tecnoloxías de recuperación de enerxía ou reciclado de materiais. Polo tanto, si está previsto o financiamento de melloras en instalacións TMB, como a de Nostián. De feito, o Proxecto de Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que acaba de presentar o Goberno de España, prevé expresamente, entre os seus investimentos, “melloras das plantas de tratamento mecánico-biolóxico”.
Ademais dos fondos comunitarios, a normativa comunitaria en materia de residuos tamén establece algúns condicionantes que afectan aos modelos de tratamento da nosa Comunidade. Así, a modificación da Directiva de residuos (2018) esixe a recollida separada de residuos orgánicos, que deberá estar implantada antes de 31 de decembro de 2023 (o anteproxecto de Lei de residuos de España pretende adiantar a súa implantación a 2021 para poboacións superiores a 5.000 habitantes). Isto valida o modelo de recolleita do Concello da Coruña e dos municipios do Consorcio das Mariñas, que implantaron a recollida de biorresiduos fai máis de dúas décadas. Aínda que é certo que se están desenvolvendo experiencias a nivel local, o modelo SOGAMA ten pendente a implantación xeneralizada da recolleita separada de biorresiduos, así como o tratamento destes (dispón, na actualidade, dunha capacidade moi reducida de tratamento desta fracción, inda que acaba de anunciarse a súa ampliación).
Do contexto financeiro e normativo da UE non parece deducirse que o modelo de Nostián sexa un sistema a extinguir, nin que SOGAMA sexa precisamente o modelo de referencia da UE, cuxo obxectivo fundamental actual é o incremento da reutilización e do reciclado
Do contexto financeiro e normativo da UE non parece deducirse que o modelo de Nostián sexa un sistema a extinguir, nin que SOGAMA sexa precisamente o modelo de referencia da UE, cuxo obxectivo fundamental actual é o incremento da reutilización e do reciclado. Proba diso, é que a UE non financiará, como regra xeral, as novas instalacións de incineración ou o incremento da capacidade das existentes, e que recomenda desincentivar, mediante impostos, esta forma de tratamento. SOGAMA debe mellorar os seus resultados en termos de reutilización e reciclado de residuos (incumpriu a esixencia legal comunitaria do 50% de reciclado de residuos municipais en 2020), e reducir, en consecuencia, o protagonismo central da eliminación (incineración e vertido, que representan máis do 70% de acordo cos datos Ministerio de Transición Ecolóxica de 2018), para alcanzar os novos obxectivos comunitarios (p.e., 55% reciclado en 2025; 60% en 2030; 65% en 2035). Nesta mesma liña, o modelo de Nostián tamén ten retos de relevancia. Debe conseguir un reciclado de alta calidade, mediante a obtención dun compost que cumpra os estándares de calidade exixibles, e reducir o depósito en vertedoiro (que representa en torno ao 50% dos residuos, e que debe reducirse ao 10% en 2030, de acordo cos obxectivos comunitarios).
A actuación coordinada de ambos sistemas pode contribuír a dar resposta aos importantes retos que suscita a política europea en materia de economía circular. Ata o momento a relación entre ambos modelos estivo condicionada pola competencia político-partidista, derivada do feito de que foron sistemas creados por partidos diferentes. Esta competencia innecesaria e irresponsable, auspiciada por políticas curtopracistas, xerou custos económicos e ambientais para a cidadanía durante máis de dúas décadas, así como reduciu a capacidade da nosa Comunidade Autónoma para afrontar os restos das políticas de economía circular, con incidencia tan clara na mellora da competitividade e a creación de emprego (estímase que as políticas de economía circular poden xerar un beneficio económico neto de 1,8 billóns de euros de aquí a 2030, e a creación de máis dun millón de novos postos de traballo antes da data indicada).
É hora de avancemos cara un sistema integrado de tratamento de residuos en Galicia, que asuma con ambición a xerarquía de residuos e os obxectivos da UE en materia de economía circular
No marco da competencia autonómica para a planificación da xestión de residuos, debería aproveitarse a oportunidade para cambiar o rumbo con valentía e apostar por unha estratexia baseada na complementariedade de modelos, de modo que poidan actuar de modo conxunto para cumprir, esta vez si e con firmeza, os obxectivos comunitarios das políticas de economía circular. Confiemos en que a cooperación interadministrativa e o compromiso de servizo público, que debe rexer a acción política, marquen a xestión dos residuos en Galicia, da man de políticas exclusivamente focalizadas na realización do interese público. É hora de avancemos cara un sistema integrado de tratamento de residuos en Galicia, que asuma con ambición a xerarquía de residuos e os obxectivos da UE en materia de economía circular.