Outono de 2013. A crise económica, financeira e de débeda afoga os orzamentos públicos e a Xunta aplica unha suba do 34% no canon de Sogama. O prezo por cada tonelada de lixo que envían para ser tratado ao complexo da empresa semipública (51% Goberno galego, 49% Naturgy) os 295 concellos adheridos a este sistema centralizado paraba de 61 a 82 euros. Asembleas, peches e manifestacións impulsadas por gobernos de distinto signo político (tamén do PP) tentaran frear o incremento imposto polo gabinete daquela presidido por Alberto Núñez Feijóo.
Sogama, empresa da Xunta e Naturgy, decidiu suprimir o desconto do 10% na súa tarifa, implantado ás portas das municipais de 2019 coa obriga de trasladalo ás facturas da veciñanza
Outono de 2018. Falta apenas medio ano para celebrar as eleccións municipais nas que o PP aspira a recuperar poder tras o duro pau de 2015. No trámite dos Orzamentos, a Xunta anuncia unha rebaixa na tarifa de Sogama, pero con condicións: os concellos pagarían un 10% menos por tonelada de lixo se "certificaban o compromiso coa redución de residuos" e, ademais, trasladaban esa diminución ao recibo que pagaba a veciñanza. As condicións "unilaterais" foran mal vistas por moitos concellos en período preelectoral.
Outono de 2022. Outra volta, as últimas contas da Xunta antes dunha cita coas urnas municipais. E outra volta, o canon de Sogama engade tensión ás relacións de San Caetano cos concellos. Agora, porque a empresa que comparte o Goberno coa eléctrica vén de decidir suprimir esa bonificación do 10% en 2023. Así figura nos seus orzamentos de 2023, tal e como advertiu en primeiro lugar Faro de Vigo, unha suba do recibo que o agora presidente, Alfonso Rueda, procura arrefriar cun anuncio dunha nova bonificación condicionada do 15% que non está incluída nas propias contas. En certo xeito, unha combinación do acontecido en 2013 co sucedido en 2018 ou unha recuada parcial a respecto do escrito nos Orzamentos Xerais.
Na memoria do seu propio orzamento, Sogama xustifica que "non lle resultará posible ofertar a bonificación do 10% aos concellos, tal e como fixo os últimos tres anos", debido ao "exacerbado incremento dos custos dos servizos exteriores", entres o que sinala unha suba do 187% prevista na súa factura de luz e gas. "Ante un escenario tan hostil coma o que estamos a sufrir, no que conflúen distintas crises políticas, económicas e mesmo bélicas que están a desestabilizar os mercados europeos e mundiais", agrega, a empresa vese "abocada a realizar axustes no seu orzamento, se ben agrega que "non aplicará" adicionalmente as suba do IPC, "estimado a decembro do 9%".
A empresa xustifica a cancelación do desconto pola suba dos seus gastos en luz, gas ou transporte nun ano no que tamén se van disparar os seus ingresos por venda da enerxía eléctrica producida a partir dos refugallos: de 55 a 99 millóns
Así, un ano despois de aplicar un desconto xeral do canon dun 5% e de manter a bonificación do 10%, deixando para 2022 o prezo bonificado en 59,40 euros e o non bonificado en 66 euros, a compañía establece que dende o 1 de xaneiro de 2023 "aplicará un canon único de 66 euros por tonelada". A previsión das contas, daquela, é que a factura do lixo se incremente para os 167 municipios que en 2022 se acolleron á bonificación. O Goberno galego deixa nas mans dos gobernos locais trasladar ou non o incremento ao recibo que paga a veciñanza, mentres que si obrigaba a trasladar a rebaixa agora cancelada. Segundo datos da propia Sogama, a bonificación supuña "un aforro para os galegos de máis de 11 millóns de euros".
Como amosan os gráficos que acompañan esta información, esta decisión implica unha suba de 3,6 millóns de euros na previsión de ingresos de Sogama a través do canon (de 47,9 a 51,6), pero non é esta a partida que máis incrementa. Ademais de tratar os refugallos, a empresa dedícase a producir enerxía eléctrica na planta na que incinera os residuos que non recicla e, nun contexto de suba xeral dos prezos, contempla que os seus ingresos por esta vía practicamente se dupliquen, pasando de 55 millóns en 2022 a 99,8 en 2023.
En total, a suma do incremento dos ingresos a través do canon e da venda de enerxía achégase aos 45 millóns de euros. Mentres, o incremento dos gastos por servizos exteriores (como luz, gas ou transporte) rolda os 15 millóns nos seus cadros orzamentarios, se ben a memoria das contas cífrao en 43,8 millóns, suma semellante á do incremento dos ingresos.
Anuncio de Rueda: novo desconto do 15% con novas condicións
A suba do canon de Sogama foi respondida con múltiples críticas dende os concellos e por parte de BNG e PSdeG dende a súa aparición nos orzamentos, ao fío da devandita información do Faro de Vigo o 25 de outubro e, con maior intensidade, dende que a reflectiu La Voz de Galicia o 1 de novembro. Tanto nacionalistas como socialistas reclamaran a Rueda recuar na suba, mentres que o presidente veu poñendo o foco en que a sociedade decidira cancelar o desconto, pero tamén non aplicar o incremento do IPC.
Esa mesma reclamación reiterábaa este mércores na sesión de control a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que contrapuña a suba do recibo do lixo co desconto duplicado ao imposto de patrimonio (do 25% ao 50%) decidido pola Xunta para o vindeiro ano e que beneficia ás algo menos de 8.000 persoas coas rendas máis altas. Na súa resposta, Rueda asegurou que "en 2023 introduciremos unha bonificación do 15% no recibo de Sogama a todos aqueles concellos que introduzan o quinto contedor", isto é, o coñecido como contedor marrón, destinado aos refugallos orgánicos que ata agora se mesturaban coa coñecida como fracción resto.
Para acceder á bonificación do 15% agora anunciada por Rueda, os concellos terán que acelerar a implantación do contedor marrón que o PPdeG e a Xunta levan meses pedindo atrasar ata o límite do 31 de decembro de 2023
Cabe agardar que esta bonificación sexa introducida polo PP a través de emendas aos propios Orzamentos da Xunta. Terá que ser por esa vía porque non figura nas contas que vén de rexistrar no Parlamento, ou pola propia Sogama ao facer oficiais no DOG as súas tarifas para 2023.
Este anuncio contrasta coa reclamación que o propio PPdeG vén realizando dende hai meses a respecto da implantación deste contedor marrón: a lei de residuos do Estado fixou o pasado 30 de xuño como límite para implantalo nos concellos con máis de 5.000 habitantes e o 31 de decembro de 2023 para o resto, pero tanto os populares galegos como a Xunta viñan esixindo manter para todos ese límite de finais de 2023, na liña da directiva europea na materia e da lei de residuos de Galicia. Deste xeito, para acceder xa en 2023 á bonificación agora anunciada por Rueda no canon de Sogama, os concellos terán que acelerar un proceso de implantación do novo contedor que o propio PPdeG pediu atrasar.
Nunha primeira reacción e á espera de "coñecer os detalles", a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) interpretou o anuncio de Rueda como unha rectificación en toda regra. Agora, di, "confía" en que a nova bonificación "beneficie máis concellos que a anterior". Sería, coida a entidade municipalista, un bo momento para que o Goberno e Sogama "muden a súa política de negocio a erspecto dos concellos por colaboración entre administracións.