2,3 millóns de galegas e galegos, os que viven nos 296 concellos que envían os seus residuos á planta de incineración de Sogama, pagarán un 34% máis polo tratamento do lixo. Os concellos, que até agora pagaban 61,5 euros por tonelada de refugallos tratada, pasarán a abonar 82,1, un incremento que se aplica sobre o 50% da factura que se remite aos fogares, pois a outra metade do recibo se refire a outros conceptos.
Gas Natural-Fenosa, que posúe o 49% de Sogama, non quere aceptar unha baixada nos beneficios da incineración, e a Xunta tampouco se quere facer cargo das perdas xeradas polo sistema de tratamento de residuos que promove
A orixe desta suba está na necesidade da planta de Sogama de equilibrar as súas contas. A incineradora de Ceceda veu reducidos os ingresos que obtén pola venda da electricidade nuns 13 millóns de euros anuais, tras a decisión do Goberno de Mariano Rajoy de eliminar as primas ás renovables. Gas Natural-Fenosa, que posúe o 49% de Sogama, non quere aceptar unha baixada nos beneficios da incineración, e a Xunta tampouco se quere facer cargo das perdas xeradas polo sistema de tratamento de residuos que promove. Lava as mans neste asunto e trasládalle directamente o incremento aos concellos, que agora deberá decidir de que xeito llo repercuten aos seus cidadáns. O malestar na maioría dos gobernos municipais é máximo e é seguro que se fará notar nas vindeiras semanas.
ADEGA lembra que a estratexia da Xunta e de Sogama nos último anos foi a de "fixar un prezo político para o tratamento do lixo e poder así competir artificialmente cos sistemas alternativos baseados na compostaxe". A entidade salienta que estes sistemas, coma o da Mancomunidade do Barbanza baseados na redución e na compostaxe, ademais "de ser máis ecolóxicos, supoñen un maior aforro para os cidadáns e os concellos". "Por moito que a propaganda intoxicadora da Xunta apresente a SOGAMA como a opción máis barata, a realidade é que nunca o foi, e agora moito menos", engaden.
ADEGA insta os concellos e deputacións galegas "a rebelarse contra a ditadura de Sogama" e "desengancharse" da incineración
A asociación ecoloxista insta, finalmente, os concellos e deputacións galegas "a rebelarse contra a ditadura de Sogama" e "desengancharse" da incineración. "Pódese sair deste sistema perverso apostando por modelos descentralizados ou mancomunados que xestionen os refugallos con tecnoloxías sinxelas, baratas e ecolóxicas", din. Sogama só recicla o 1,5% dos residuos que lle chegan, segundo recoñece na súa Memoria de 2008, fronte á media do 24% que se rexistra no conxunto da UE. A planta de Cerceda incinera o 51% e manda directamente ao seu vertedoiro o 47%.