A Xunta estende o ensino concertado ás escolas infantís

Feijóo e Mato, nunha escola infantil © Xoán Crespo

Case o duplo de orzamento para as escolas infantís privadas. Case seis anos despois de que, coa retorno do PP ao Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo proclamase a fin das Galescolas e, acto seguido, a súa conversión en Galiñas Azuis como paso previo á súa transferencia á Consellería de Educación, daquel roteiro só fica o cambio de nome mentres que o Executivo conservador se dispón a culminar o cambio de modelo. Fronte á priorización da extensión da rede pública que xermolaba hai dúas lexislaturas a Consellería de Benestar, que non a de Educación, vén de presentar o seu seguinte chanzo: o modelo de educación concertada, isto é, o de prazas financiadas con fondos públicos en centros de empresas privadas, vaise estender tamén aos centros para nenas e nenos de 0 a 3 anos.

Mentres, nalgúns ámbitos políticos, se comeza a cuestionar o modelo de concertos educativos, a conselleira Beatriz Mato apela á "eficacia" e á "eficiencia", pero tamén a "unha demanda xusta" da patronal das escolas infantís privadas para levar adiante o novo modelo. Trátase, di, de "contar tamén" con estes centros para "a utilización e prestación de servizos públicos" mentres simultaneamente se "mellora a conciliación familiar". É "a primeira vez que se estende o modelo de concerto de praza pública a escolas infantís privadas en Galicia", admite, e para facelo convocarase un concurso público financiado con arredor de 1,3 millóns de euros.

As grandes cidades do país serán os territorios nos que se despregará esta "primeira fase" do novo modelo, que segundo a Xunta xa estará en marcha no curso 2015-2016. Con estes cartos financiaranse 500 prazas que a conselleira "suma" ás "que forman parte da Rede A Galiña Azul e ao resto de modalidades financiadas pola administración autonómica", caso por exemplo do cheque infantil, que no presente curso está financiado con 1,8 millóns de euros para cofinanciar as matrículas de nenas e nenos tamén en escolas privadas. Con esta operación, resalta Mato, o goberno "contribúe" a que "os equipamentos e instalacións en funcionamento en Galicia", as escolas privadas, "poidan seguir abertos e, polo tanto, poder manter os seus postos de traballo".

Benestar apela á "eficacia" e a "unha demanda xusta" das escolas infantís privadas, que piden participar na "prestación de servizos públicos

Mentres dende a oposición se recea da medida por tender á "privatización" dunha etapa que a Xunta deixa de concibir como educativa -a propia conselleira equipara estes concertos non cos dos colexios, senón cos dos centros de maiores- Benestar explica que se dispón a deseñar o concurso público "da man" da Agadei, a asociación que agrupa as escolas privadas. Paralelamente, Benestar explica que "a oferta de 0-3 anos sostida con fondos públicos" suma xa "máis de 19.200 prazas" entre escolas dependentes directamente da Xunta, as municipais, as promovidas por entidades sociais e as financiadas a través do cheque infantil. Isto, di a Consellería, implica que "a taxa de cobertura das escolas infantís financiadas con fondos públicos sobre a poboación galega de 0 a 3 anos" está xa por riba do 30%". Así e todo, non é menos certo que menos da metade destas prazas son escolas públicas impulsadas polo Goberno galego.

Tras cargar contra Preescolar na Casa por non consideralo necesario, a Xunta admite que hai "zonas do rural" sen "apenas oferta de escolas infantís"

Todo isto sucederá paralelamente á posta en marcha da "nova fórmula de conciliación" deseñada pola Xunta, as "casas niño", a oferta "especialmente deseñada para as zonas do rural que apenas teñen oferta en escolas infantís". Como relatou este diario, o modelo de casas niño vén ser unha versión de Preescolar na casa impulsada dende a Xunta apenas dous anos despois de favorecer o peche desta iniciativa mediante a retirada de axudas por considerar que xa non era necesaria. "O rural de hoxe non ten nada que ver co de hai tres ou trinta e catro anos", xustificaba daquela Mato. Na actualidade, o seu departamento vén de inxectar os primeiros 160.000 euros para financiar o novo proxecto.

Mato (dereita), na presentación dos novos concertos © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.