O presidente do Goberno central di esperar que sexa a última vez que se amplíen as restricións constitucionais e recomenda á cidadanía o uso de máscaras nos espazos públicos máis alá de onde sexa obrigatoria
O presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, anunciou este sábado nunha nova comparecencia televisada que pedirá o que espera que sexa o “último estado de alarma”, unha prórroga do actual que está aprobado polo Congreso ata o 24 de maio e que desta volta en vez de ampliarse cada dúas semanas se estendería por “arredor dun mes”, o que o levaría ata finais de xuño. Permitiría, dixo, chegar ata o remate das sucesivas fases de desconfinamento previstas polo seu executivo ata finais do próximo mes.
Sánchez tamén se abriu a que o estado de alarma poida ser levantado por territorios en liña co desconfinamento por fases e “asimétrico” que se está a desenvolver. "Se o Goberno de España ve nese mes que se pode levantar o estado de alarma na totalidade ou en parte do territorio nacional, non caiba dúbida de que o faremos", dixo.
Durante ese último mes de estado de alarma, Sánchez di que a única autoridade delegada sería o ministro de Sanidade, fronte á situación actual na que tamén están habilitados para ditar medidas extraordinarias os titulares dos ministerios de Interior, Defensa e Transportes. O presidente agradeceu a “extraordinaria labor” das comunidades autónomas neste tempo e dixo que “irán recuperando” as súas capacidades de actuación.
Sánchez apelou a “protexer” o turismo como fonte de ingresos, pero protexendo igualmente a saúde da cidadanía, unha reflexión na que non fixo referencia a data ningunha
Na súa comparecencia Sánchez insistiu na necesidade de que a cidadanía manteña as precaucións e recomendou empregar máscara protectora nos espazos públicos mesmo máis alá de onde sexa obrigatoria, como no transporte. O presidente salientou que se ata agora non se tomase ningunha medida en España fronte á pandemia, como propuxeron outros estados que optaron por intentar lograr a inmunidade de grupo sen obstaculizar os contaxios, xa estarían contaxiadas 30 millóns de persoas das que, á vista de que a mortalidade é do 1%, suporía que morrerían 300.000 persoas fronte ás algo máis de 27.500 rexistradas actualmente.
Na intervención Sánchez tamén fixo referencia á necesidade compaxinar a recuperación económica coa seguridade sanitaria, e en particular apelou a “protexer” o turismo como fonte de ingresos de España, pero protexendo igualmente a saúde da cidadanía, unha reflexión na que non fixo referencia a data ningunha para a apertura de fronteiras ou para facilitar a mobilidade dentro do estado.