A área sanitaria de Ourense, que abrangue toda a provincia, non tiña máis de 1.000 casos de coronavirus "activos" dende finais do pasado abril. Este 5 de outubro, con datos correspondentes ao día anterior, volver superar ese limiar e chega aos 1.037, dos que 475 están na cidade de Ourense, segundo revelou o Concello, xa que a Xunta segue sen informar dos datos da pandemia a nivel comarcal ou municipal.
Galicia suma 254 novos casos do coronavirus, 117 deles na área sanitaria de Ourense, onde faleceron outras dúas persoas
Ese empeoramento en Ourense, que no caso da capital da provincia trae consigo dende o pasado sábado as restricións máis estritas para a liberdade de reunión dende as semanas do confinamento, vén de provocar que a liña descendente da segunda vaga da epidemia en Galicia chegue á súa fin. O parte diario da Consellería de Sanidade permite calcular que Galicia suma 254 casos novos, quinto día con máis positivos que a xornada previa no que, ademais, a media semanal de casos diarios deixa de baixar e volve superar o limiar dos 200. Case cento vinte deles proceden de Ourense.
Estes datos deixan a cifra global de casos "activos" en toda Galicia en 4.101 (+63), xa que as 189 "curacións" sumadas (o total chega ás 20.170) son menos que os casos novos nunha xornada con dúas mortes máis, ambas de mulleres de avanzada idade na provincia de Ourense. Trátase, concretamente, de dúas residentes de 96 e 90 anos do centro Las Salinas, na capital ourensá, onde hai 14 persoas usuarias con test positivo da COVID-19. O total de falecementos en Galicia chega así aos 757.
O número de casos activos por cada 100.000 habitantes supera os 339 en Ourense, a maior nunha área sanitaria galega dende o confinamento
Mesmo malia ao atranco que supón a teimosía da Xunta no que atinxe a non revelar o número de casos novos nin a súa referencia por comarca ou concello, o indicador de referencia para o Goberno galego (os "positivos activos") tamén amosa ás claras o empeoramento da situación en Ourense e o seu contraste co resto de Galicia. Así, os casos activos na área ourensá son este luns 91 máis mentres o resto de áreas continúan en descenso ou experimentan ascensos moi leves (+2 en Lugo, +1 na Coruña). Isto non implica que os novos casos en Ourense sexan só 91, cifra resultante da suma de altas e falecementos, senón que son 117 (segundo puido confirmar RNE na área sanitaria).
A liña de Ourense é preocupante en termos absolutos e tamén no que atinxe ao número de casos activos por cada 100.000 habitantes. A taxa ourensá (339) é xa a maior de Galicia. Tamén é a maior de calquera área sanitaria galega dende a fin do confinamento e non se chegou a rexistrar no que ata agora fora o peor rebrote da pandemia nesta segunda vaga, o padecido pola Coruña dende finais de agosto.
Ao contrario que noutras fins de semana, o número de probas PCR procesadas cada día en Galicia continúa en máximos, con máis de 6.000 nunha soa xornada
Ao contrario que tras outras fins de semana, os datos coñecidos este luns (correspondentes ao domingo) non están afectados por un descenso significativo no número de probas PCR. Ben ao contrario, este indicador segue en máximos da pandemia e o pasado domingo foron procesadas 6.085, o sexto día dende o inicio da pandemia por riba das seis mil probas. Isto implica que os 254 novos casos equivalen ao 4,17% das probas PCR feitas, aínda por baixo do limiar do 5% fixado pola Organización Mundial da Saúde como límite para dar por controlada a COVID-19 nun territorio determinado.
Non obstante, como adoito, cómpre interpretar con precaución este indicador, xa que a Xunta non especifica cantos dos novos casos foron detectados mediante PCR e cantos, a través doutro tipo de test. A información máis precisa ao respecto continúa chegando dende o Ministerio de Sanidade, aínda que con varios días de atraso. O departamento estatal indicaba o pasado venres que a porcentaxe de PCR positivas en Galicia sobre o total das realizadas estaba no 4,6%, unha das taxas máis baixas do Estado e menos da metade da media estatal.
Trece persoas máis no total de hospitalizadas
Na liña do avanzado polo comité clínico que supervisa a pandemia no Sergas, o empeoramento da situación en Ourense trae consigo tamén un aumento da presión hospitalaria. Este 5 de outubro, Sanidade indica que en Galicia hai un total de 241 persoas ingresadas con test positivo do coronavirus (+13) e delas, 37 están na UCI (+1). Ata 73 do total de persoas hospitalizadas son da área sanitaria ourensá nun contexto no que, malia todo, as cifras de hospitalización seguen moi por baixo da primeira vaga da epidemia.