Reducir a sobrecarga que se está a producir nos centros de saúde, especialmente en pediatría. Esa é a razón principal que levou a Xunta a poñer en marcha entre este venres e o luns un circuíto específico para a realización de probas PCR á comunidade educativa a través dos denominados Covid-auto Escola.
A Xunta pon en marcha un circuíto específico para realizar probas PCR á comunidade educativa e reducir a sobrecarga nos centros de saúde
Deste xeito, a Consellería de Sanidade muda o protocolo de adaptación á covid-19 nos centros de ensino, que ordenaba remitir cada caso ao seu correspondente centro de saúde, e que agora centraliza "calquera eventualidade que se produza nunha aula" nos hospitais de referencia de cada localidade, onde se realizarán os test a alumnado ou profesorado no caso de que se detecte un positivo nunha clase.
O Covid-auto escola centralizará as probas nos hospitais para "diminuír o tempo de sospeita e diagnóstico e acelerar a identificación dos contactos estreitos"
Este sistema, que permite levar a cabo as probas con apenas contacto nin entrada no centro hospitalario, permitirá tamén, segundo Feijóo, "axilizar a realización das probas diagnósticas, diminuír o tempo de sospeita e diagnóstico, acelerar o proceso de identificación dos contactos estreitos e reducir a presión sobre a Atención Primaria, especialmente a pediátrica".
Ata en tres ocasións fixo referencia o presidente da Xunta á necesidade de reducir presión sobre os centros de saúde e "non recargar a asistencia sanitaria pediátrica" nestes "e nos PAC". "Diminuímos así a presión asistencial que se está producindo na Atención Primaria, especialmente na pediátrica", recoñeceu respecto da sobrecarga que levan tempo denunciando os profesionais sanitarios.
Segundo aclarou, a partir de agora, todas as áreas sanitarias contarán con espazos Covid-auto específicos para os posiibles casos procedentes das escolas. "Deste xeito, cada vez que se detecte un posible caso nunha aula e se determine que se deben facer PCR, toda esa aula será derivada automaticamente á axenda das liñas Covid-auto", engadiu. Para favorecer a coordinación, segundo aclarou, a xefatura territorial de Sanidade e Educación establecerán contacto para determinar as derivacións das aulas afectadas ao hospital e evitar que a rapazada "teña que acudir aos centros de saúde".
O obxectivo, dixo, é o de "diagnosticar rapidamente" e "illar todos os alumnos e profesores" de confirmarse o positivo. Para levar a cabo este circuíto específico, o Sergas contará cos espazos Covid-auto xa dispoñibles que serán "reforzados se fose necesario".
Máscaras para o alumnado "máis vulnerable"
Por outra banda, Feijóo anunciou que a Xunta inxecta 23,5 millóns de euros nos centros públicos para "facer fronte ás necesidades derivadas da covid, apoiar as familias con menos recursos e blindar as aulas como espazos seguros".
De esa partida, créase a Reserva de Garantía Educativa, dotada con 7 millóns de euros para a "dotación e adquisición, por parte dos centros educativos, de material vencellado á prevención do risco sanitario". Estes fondos serán xestionados polos propios centros, que poderán adquirir máscaras hixiénicas certificadas, aínda queu só "para o alumnado máis vulnerable", tomando como referencia os estándares que se aplican para o sistema de axudas de libros de texto.
Nas pasadas semanas, a Xunta xa desbotara a posibilidade de financiar as máscaras para o conxunto do alumnado, mentres ANPA e oposición advertían do custo que supoñen para as familias.