Medio cento de centros de ensino en Galicia teñen algunha aula pechada por casos de coronavirus

Indicacións sobre medidas contra o coronavirus nun centro educativo CC-BY-NC-SA CIG Ensino

Unha cifra aínda escasa sobre o total de algo máis de 1.300 centros de ensino existentes en Galicia, pero en incremento. Os datos difundidos este 25 de setembro pola Consellería de Sanidade, correspondentes ao xoves día 24, indican que case medio cento de centros de ensino teñen algunha aula pechada por casos de coronavirus, que segundo a Xunta son agora 219 entre alumnado e persoal de colexios e institutos unha vintena máis que o día anterior.

Son, en concreto, corenta e sete os centros educativos con algunha aula pechada por esta causa, segundo a relación difundida pola Xunta. Non figura ningún con máis de dúas clausuradas -situación na que se atopaba media ducia de centros da Coruña, Ourense, Pontevedra, O Porriño, Redondela e Vigo).

Os positivos ligados a centros de ensino son 219, vinte máis que un día antes, segundo os datos difundidos este venres pola Xunta, correspondentes ao xoves

Polo momento, os centros con máis casos rexistrados e difundidos pola Xunta -que non desagrega cifras entre alumnado e persoal que traballa nestas instalacións, xa for docente ou dedicado a outros labores- localízanse en Pontevedra e Ourense e roldan a media ducia de positivos. Trátase do Calasancio pontevedrés e do colexio ourensán das Mercedes. Tamén en Pontevedra, o CEIP Praza de Barcelos rexistra 4 casos e en Vigo, o colexio María Auxiliadora ten outros catro.

Distribución por concellos

Por concellos, o maior número total de casos rexístrase en seis das sete principais cidades. A que máis ten polo momento é A Coruña, con 25, seguida de Pontevedra (21), Ourense (20) e Vigo (19). En Lugo, os datos deste venres -correspondentes ao xoves- indican 15 casos e en Santiago 13. Por baixo da decena están os seguintes concellos con máis casos en centros de ensino: Carballo (6), Nigrán (5) e Sanxenxo (4).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.