Os casos de coronavirus que, segundo a Xunta, están ligados a centros de ensino non universitario achéganse ao milleiro. Son, segundo indican as consellerías de Sanidade e Educación este 29 de outubro, un total de 961 positivos entre estudantes e alumnado de case medio milleiro de centros. En concreto, de 488 escolas, colexios e institutos dos que unicamente dous están pechados por esta razón (un en Lugo e outro, en Boborás).
Os datos parciais da Xunta impiden coñecer cantos casos de coronavirus ligados a escolas, colexios e institutos se acumulan dende o inicio do curso
Os positivos da COVID-19 ligados ao ensino aumentan dende hai dúas semanas, pero os datos divulgados pola Xunta impiden coñecer cantos se acumulan dende o comezo de curso. A razón é que o Goberno galego informa só dos casos "activos" neste ámbito, mais non das altas.
Deste xeito, é imposible saber cantos positivos novos se producen e cantos van rexistrados en total. En calquera caso, dadas as cifras de "activos" rexistradas dende setembro, todo semella indicar que o limiar do milleiro de casos xa foi amplamente superado. [A información parcial da Xunta xa impide saber cantos novos casos do coronavirus se rexistran nos centros de ensino]
Sempre segundo o parte remitido pola Xunta aos medios, o centro cun maior número de casos positivos do coronavirus é un colexio de Mos, con 11, seguido dun intituto de Vigo (10) e doutros dous centros de secundaria da cidade de Lugo, que rexistran 9 e 8. Nin Sanidade nin Educación especifican tampouco se os positivos se rexistran entre o persoal dos centros ou atinxen ao estudantado.
Segundo a Xunta, este 29 de outubro (con datos do día previo) son 39 os centros educativos con algunha aula pechada por mor do coronavirus. Indicación apunta a que unha escola infantil de Santiago é a que máis aulas ten en corentena, con 3, seguida de escolas infantís en Arteixo, Allariz e Vigo e de tres colexios en Narón, Ourense e Ponte Caldelas, todos eles con cadansúas aulas pechadas. O resto terían unha soa aula en corentena.