A situación epidemiolóxica continúa a empeorar en Galicia, que na última semana se moveu entre os 500 e 700 novos casos de coronavirus cada día, cunha media diaria por riba dos 600. Nas últimas 24 horas o número de persoas infectadas incrementouse en 638, 618 dos casos detectadas a través dunha proba PCR. O aumento no número de contaxios eleva a incidencia acumulada en todas as áreas sanitarias, entre as que Ourense segue a ser a zona con máis casos por habitante, aínda que tamén é a que está a rexistrar unha tendencia máis estable. No resto, medran moi rapidadamente os contaxios en Ferrol, Vigo e Pontevedra.
Nas últimas 24 horas o número de persoas infectadas incrementouse en 638, 618 dos casos detectadas a través dunha proba PCR
O aumento no número de contaxios está a provocar xa un incremento na ocupación hospitalaria (tamén no que atinxe ás unidades de críticos), que ata agora viña rexistrando cifras moito máis reducidas que na primeira vaga da pandemia e tamén moi por debaixo que noutros territorios do Estado. E segue a provocar mortes, que este xoves chegan ás 889, con sete novas defuncións notificadas nas últimas 24 horas pola Consellaría de Sanidade.
O número total de casos de coronavirus rexistrados pola Consellaría de Sanidade dende inicio da pandemia supera os 35.000 en Galicia (35.089), entre os que se inclúen 26.270 persoas "curadas" ou dadas de alta.
Na actualidade o Sergas ten contabilizados 7.930 casos activos de coronavirus, case 400 máis que onte e 2.300 por riba dos datos da pasada semana.
Dos 7.930 casos activos, as maiores cifras correspoden a Vigo, A Coruña, Ourense e Santiago, as catro áreas por riba dos mil. Vigo (156), A Coruña (123) e Santiago (113) son tamén as áreas sanitarias que notificaron máis casos positivos nas últimas 24 horas.
Ferrol é a área sanitaria que máis rapidamente está a empeorar a súa incidencia, que xa se achega á de Ourense
Ourense segue a ser a área cunha maior incidencia acumulada nos últimos 14 días (382 casos por cada 100.000 habitantes), unha cifra por debaixo dos datos da pasada semana. Con todo, o resto das áreas están a incrementar rapidamente os seus indicadores de incidencia. Especialmente Ferrol, que pasou de 148 a 357 casos na última semana. Tamén Vigo medrou de 151 a 253 casos por cada 100.000 habitantes, o mesmo que Pontevedra (de 158 a 252) e Santiago, que pasou de 192 a 272. Lugo e A Coruña presentan incrementos menores, pero igualmente con tendencia á alza.
A taxa de positividade (a porcentaxe de probas PCR que teñen un resultado positivo) mantense por riba do 8% no conxunto de Galicia, rexistrando Ferrol (13,3%) e Ourense (10%) os peores datos. As restantes áreas móvense entre o 6,82% de Pontevedra e o 8,04% de Vigo.
A taxa de positividade mantense por riba do 8% no conxunto de Galicia, rexistrando Ferrol (13,3%) e Ourense (10%) os peores datos
Esa taxa de positividade foi aumentando en Galicia nas últimas semanas, dende o 3% que se rexistraba a comezos do mes de outubro, ata o actual 8,14% (media diaria da última semana). O dato é o maior da segunda vaga da pandemia (en agosto chegara a acadar medias diarias do 6%), pero está moi lonxe dos indicadores que se chegaron a acadar nos meses de marzo e abril.
En paralelo, o número de PCR realizadas cada día foi aumentando. Nas últimas 24 horas notificáronse 8.769 probas máis, a segunda cifra máis alta de toda a pandemia. A media na última semana achégase ás oito mil probas diarias, máis do dobre das que se facían no mes de abril
Nas residencias tamén segue a tendencia a aumentar o número de casos activos, que este xoves chegan a 606 (388 entre os usuarios e 218 entre o persoal), fronte aos 600 de onte. Nas últimas 24 horas apareceron 11 novas infeccións (5 entre os usuarios e 6 entre o persoal) no fogar residencial San Miguel (Silleda), que xa suma 28 casos
A Residencia Nosa Señora Milagres (Barbadas) totaliza 110 positivos, a Residencia Os Gozos (O Pereiro de Aguiar) acumula 101 casos e a Residencia de Salvaterra do Miño ten nestes momentos 110 persoas infectadas.
Na última semana o número de pacientes nas UCI pasou de 47 a 67, un aumento do 42%. Mentres, no resto de unidades elevouse de 317 a 414, case un terzo máis
Están a empeorar os datos de ocupación hospitalaria, que ata agora se mantiveran en Galicia moi por debaixo das cifras de abril. Con todo, o número de persoas con covid-19 ingresadas nos hospitais galegos medra este xoves ata as 481, 67 delas nas UCI. Son 27 máis que onte, cun incremento de 5 ingresos nas unidades de críticos e de 22 no resto de unidades.
En comparación con outras comunidades autónomas os datos de Galicia son menores. A porcentaxe de camas ocupadas con pacientes de Covid-19 é do 5,8% nas unidades convencionais e do 10,2% nas UCI. Mentres, as medias españolas son do 13,8% e do 25,5% respectivamente.
A Coruña acumula un maior número de pacientes (89 en planta e 11 en UCI), pero é Ourense a que segue a presentar un maior número de ingresos nas unidades de críticos (17)
Na última semana o número de pacientes nas UCI pasou de 47 a 67, un aumento do 42%. Mentres, no resto de unidades elevouse de 317 a 414, case un terzo máis.
Por áreas sanitarias é A Coruña a que acumula un maior número de pacientes (89 en planta e 11 en UCI), pero é Ourense a que segue a presentar un maior número de ingresos nas unidades de críticos (17), por diantes de Santiago (13). En todas as áreas, agás Ourense, está a haber un rápido crecemento dos ingresos, que practicamente se duplicaron na última semana en Lugo, Ferrol e con aumentos superiores ao 50% en Pontevedra, Vigo e A Coruña