De novo polémica e denuncias polas eivas de servizos sanitarios subcontratados pola Xunta a empresas privadas. Desta vez, no servizo de ambulancias do 061 en Galicia, que di sentirse "abandonado" e "desprotexido" sendo a "primeira trincheira" na loita contra o coronavirus.
Dous positivos e o illamento de varios traballadores volveu erguer as críticas pola falta de tests e medidas de seguridade entre o persoal das ambulancias do 061
A aparición de dous positivos e o illamento de varios traballadores na área de Vigo levou o sindicato CIG a denunciar doutra volta a ausencia de tests e de medidas de seguridade nun servizo que di que está "esquecido polo Sergas". "Parece que fosen un mundo aparte cando hai un contacto directísimo cos doentes e co virus; só se pide que traten o persoal como calquera sanitario, con todas as medidas necesarias", explica Xesús Pastoriza, responsable de Transportes da central nacionalista.
Ese coñecemento de dous positivos entre traballadores das ambulancias do 061 en Moaña e o posterior illamento dalgúns compañeiros --a CIG fala de dez pero CCOO redúceos a dous-- fixo erguer de novo as protestas pola actuación da concesionaria, neste caso Ambulancias do Atlántico-Grupo Orthem, á que persoal e o sindicato nacionalista acusan de "non facer nada", o que levou a que fosen os propios técnicos de emerxencias os que contactasen coa Atención Primaria e co Sergas para levar a cabo medidas de confinamento e prevención.
Persoal das ambulancias do 061 só foi sometido unha vez aos tests da covid desde o inicio da pandemia malia ser "a primeira trincheira" contra o virus
Ademais, advirten do temor a que poida haber máis infectados que pola súa situación de asintomáticos sexan imposibles de detectar sen a realización de probas que levan meses esixindo. Xa no inicio da pandemia, na pasada primavera, a CIG presentou varias demandas para esixir a realización de tests entre o persoal das ambulancias nas diferentes áreas sanitarias. Malia que algunhas foron aceptadas e outras denegadas, o Sergas accedeu finalmente á realización de tests serolóxicos de detección de anticorpos entre os profesionais. Desde aquela, ningunha proba máis, malia que Sanidade parece disposta a levar a cabo outro cribado agora.
Mentres, recordan, persoal dos centros sociosanitarios, de urxencias dos hospitais e das plantas covid si que son sometidos a probas periódicas, nalgún caso mediante o método diagnóstico pooling, ao igual que en empresas como Citroën ou Ence. "Mesmo nas tres universidades se levou a cabo un cribado masivo", denuncia Pastoriza.
"Dous únicos tests en todos estes meses non son suficiente para un coletivo que traballa en primeira liña", explican. Son algo máis de 700 traballadores en Galicia, nunhas 125 ambulancias, divididos en diferentes zonas con cadansúas empresas concesionarias, ata trece distintas. Aí radica, segundo denuncian traballadores, o problema: a privatización do servizo e as condicións particulares que aplica cada compañía.
Máis de 700 persoas traballan en Galicia nas ambulancias do 061, nuns 125 vehículos pero con ata 13 empresas concesionarias diferentes
"O que prima nestas empresas é a rendibilidade e a produtividade, e como nós non producimos nada, non importamos", denuncia un técnico de emerxencias nas ambulancias da área de Vigo, que se preguntan quen entende que profesionais que tratan "cada día con enfermos de coronavirus" non son sometidos a probas nin gozan --di-- das medidas de prevención axeitadas.
"Atendemos a xente nas súas casas, onde nunca sabes o que podes atopar, domicilios que non son desinfectados como os espazos sanitarios, con persoas que moitas veces está sen máscara e en habitáculos reducidos onde se xeran moitos máis aerosois", destaca quen lembra que as técnicas de reanimación ou para poñer osíxeno son tamén realizadas nun lugar de maior risco como é a cabina da propia ambulancia "totalmente pechada e de dimensións reducidas".
"No caso de Moaña foron dous positivos e o propio persoal actuou ben e a tempo... Pero un brote descontrolado pode acabar por paralizar o servizo", engade. Este traballador, como fixeron tamén varios sindicatos, denuncia tamén a falta de medidas de hixiene suficiente nos centros de traballo, onde a limpeza é realizada polo persoal. "Mentres o Sergas pode intervir en calquera centro sanitario, aquí dependemos dunhas concesionarias que buscan aforrar custos... E polo que se ve o Sergas, tamén, que para iso subcontrata", engade.
Profesionais culpan das insuficientes medidas contra a covid á privatización: "Parece que dá igual o que nos pase porque non somos persoal do Sergas"
Malia que dende o pasado mes de marzo téñense presentado varias denuncias ante Inspección de Traballo por estas eivas ou pola ausencia de equipos de protección axeitados e o reducido espazo nos cuartos habilitados para o descanso --o que obriga os traballadores a durmir coa máscara posta--, o propio organismo laboral recoñeceu as dificultades para resolver os procedementos.
"Parece que dá igual o que nos pase nas ambulancias porque non somos persoal do Sergas senón dunha empresa concesionaria, é unha situación de abandono”, quéixanse traballadores que din estar "fartos" de ter que pelexar coas diferentes compañías para conseguir mellores condicións de traballo e seguridade.
Todo, lembran, nunha loita contra a pandemia que supón tamén, como no caso de todos os sanitarios, "sobrecarga de traballo e máis demora á hora de realizalo". "Se os hospitais desbordan, nós tamén", explica de novo un técnico de emerxencias que asegura que tarda "o triplo" en levar a cabo un servizo "pola prevención, a incomodidade dos EPIs ou a necesidade de limpeza máis específica".
"Os servizos de prevención das empresas non están actuando e é unha absoluta irresponsabilidade"
"Estamos saturados e o noso respiro é, precisamente, no momento da desinfección da ambulancia", explica quen insiste no que considera a principal eiva: "Os servizos de prevención das empresas non están actuando e é unha absoluta irresponsabilidade". "Todo depende do bo facer do persoal no caso de detectarse un positivo ou dunha sospeita, pero precisamos que se fagan probas e que se interveña de maneira áxil porque podemos estar facendo traballar a xente que non debe ou ter illados a quen si podería estar traballando", conclúe.