A policía constata numerosas eivas de seguridade nas ambulancias do 061 en Galicia. Un informe pericial encargado polas forzas de seguridade conclúe que en todas as inspeccións realizadas nas 14 áreas de cobertura do transporte sanitario se atoparon irregularidades que afectan a seguridade vial e "aumentan drasticamente" a "probabilidade de sufrir un accidente". O exceso de peso que as inspeccións certificaron en todos os vehículos "incumpre a normativa" e provoca importantes riscos para os ocupantes e na condución, que se fai máis "perigosa e impredicible".
Un informe pericial encargado pola policía no marco dunha investigación xudicial certifica irregularidades nas ambulancias que "aumentan drasticamente" a "probabilidade" de accidentes
Así de contundentes son as conclusións das inspeccións levadas a cabo pola policía xudicial para comprobar o posible "exceso de peso" nas ambulancias en Galicia e o seu "perigo en canto á seguridade vial, tanto para ocupantes como para viandantes". O informe pericial, ao que tivo acceso Praza.gal, forma parte das dilixencias previas --e até hai poucos meses secretas-- da investigación aberta no Xulgado de Instrución número 2 de Santiago por un presunto delito de prevaricación, información privilexiada e tráfico de influencias no concurso da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia 061, dependente do Sergas, para o servizo de transporte sanitario urxente por 120 millóns de euros ata 2019. Dividido en 14 lotes por áreas xeográficas, once empresas repartíronse as adxudicacións, oficializadas no verán de 2015. Pero un dos empresarios aspirantes denunciou e puxo sobre a mesa supostas irregularidades.
Todas as ambulancias inspeccionadas hai un ano tiñan un exceso de peso que "incumpre a normativa" e provoca importantes riscos
A causa abriuse tras a denuncia deste empresario lucense excluído do concurso. A xuíza actuou a instancias da Fiscalía, que recomendou en outubro de 2015 a admisión a trámite da denuncia. Nela, asegúrase que as empresas beneficiadas terían matriculado e rotulado os vehículos coa simboloxía da Xunta e da Consellería de Sanidade meses antes de que a Administración resolvese a adxudicación e mesmo xa unha semana despois da publicación dos pregos no DOG, en novembro de 2014. Segundo o denunciante, todas as firmas que conseguiron o contrato carrozaron as ambulancias no taller ourensán Rodríguez López -o 95,5% delas- e no portugués Autos Ribeiro.
A investigación busca determinar se, como di a policía xudicial, a Administración usou para o concurso pregos de condicións facilitados pola carroceira ourensá, que estaba en conivencia coa de Portugal. Intenta probar que foi "un concurso á carta" -como din a Praza.gal fontes do sector coñecedoras do proceso xudicial- polo que as empresas que traballaban con estes talleres fornecían as ambulancias dos requisitos e características esixidas polo Sergas e nun tempo récord. Hai mesmo correos electrónicos cruzados entre o técnico do 061 investigado e os comerciais de Rodríguez López. Neles, constátase que ou ben o funcionario facilitou á empresa os planos que se incorporaron aos pregos do concurso, ou ben foi a propia empresa a autora material deses planos. A maior beneficiaria do concurso foi Ambuibérica.
Ambulancia do 061, nun simulacro de traslado urxente en Galicia / © Xunta
Os dous administradores da empresa Rodríguez López SL xa foron chamados a declarar o pasado mes de xuño. Trátase de certificar un presunto amaño. O concurso esixía ás ambulancias unhas características técnicas moi específicas e distintas ás do resto de autonomías e requirían dun tempo para a súa adaptación que, segundo o denunciante, non era posible en ningún caso vistos os prazos de licitación. Pero o taller investigado tiña todo listo, aínda que non fose nas mellores condicións.
O exceso de masa aproximado nas ambulancias foi duns "300 quilos sobre a masa máxima autorizada (MMA) permitida"
Iso é o que se deduce da inspección encargada pola policía o pasado mes de agosto. Nela, inspeccionáronse 23 ambulancias, dúas --no caso que fose posible-- por cada unha das 14 áreas xeográficas, sen previo aviso e sen interromper o servizo do transporte sanitario. Todas do taller investigado no xulgado, Rodríguez López. O resultado foi desolador. Todos os vehículos inspeccionados pasaban de peso e, na súa maioría, o exceso de masa aproximado era duns "300 quilos sobre a masa máxima autorizada (MMA) permitida para a circulación de vehículos deste tipo e incumprindo a normativa aplicada".
O exceso de peso que denuncia neste informe a policía xudicial coincide co que traballadores das UVI móbiles da Comunidad de Madrid veñen de denunciar nos seus vehículos. Tal e como adiantou a SER, a empresa que equipa o transporte neste caso é a mesma investigada no proceso aberto nos xulgados de Santiago e que tamén excedeu o peso nos vehículos en Galicia: Rodríguez López Autos, de Ourense.
Os traballadores das UVI móbiles de Madrid denuncian tamén o exceso e peso nas ambulancias, equipados na mesma empresa que as galegas
Varios sindicatos, como a CIG, advertiran xa hai aun ano das inspeccións e do posible exceso de masa que se daba nas ambulancias que eran analizadas en Galicia. Mesmo UGT avisara un ano antes dalgunha actuación da Garda Civil que xa certificara o sobrepeso dalgún vehículo. A policía xudicial constatou hai doce meses que todo o transporte inspeccionado incumpría a normativa.
"Exceder a MMA nun vehículo, evidentemente, pode repercutir en danos estéticos á carrocería do coche e danos estruturais desta, afectando negativamente o sistema de suspensión, pneumáticos e freos", advirte o informe pericial asinado por un enxeñeiro técnico industrial o pasado setembro, que aclara que "todo isto repercute na condución do vehículo". "O tempo e a distancia de freado aumentan, o que pode representar un perigo" e o "paso pola curva implica, xa en condicións normais, sufrir as leis da física: a inercia actúa sobre o vehículo tendo o movemento cara ao exterior da curva. Ese efecto aumenta se levamos máis cargado o coche".
"O exceso de masa autorizada provoca danos estruturais, afectando negativamente o sistema de suspensión, pneumáticos e freos"
O informe advirte de que as inspeccións realízanse sobre "un vehículo de urxencia", co que "con frecuencia se realizan conducións agresivas, con exceso de velocidade sobre os límites establecidos", o que provoca que "se volva impredicible na súa manobrabilidade e moi perigoso de conducir". "Estamos expostos a que un ou varios compoñentes do vehículo non funcionen correctamente e presenten danos serios. A probabilidade de que ocorra un accidente que poida chegar a afectar os ocupantes aumenta drasticamente, polo que de maneira ningunha se recomenda sobrepasar o límite de carga marcado na ficha técnica polo fabricante".
Pero todas pasaban, porque en ningún caso se tiña en conta o peso extra dos ocupantes, o posible enfermo ou a padiola. "Dando un exceso de peso de 250 quilos sobre a MTMA (Masa Total Máxima Admisible) / MMA do vehículo declarada, no seu caso, polo fabricante na homologación de tipo e que define as características construtivas do vehículo", tal e como se di no caso dunha das primeiras inspeccións. O ditame repítese en todas as demais, aínda que con excesos de peso variables. Hainos de ata 355.
Varias das ambulancias inspeccionadas circulan tamén "sen roda de reposto" e viaxaron varios meses con sobrepeso de entre 745 e 900 quilos
Ademais, son varios os casos nos que o informe pericial advirte de ambulancias que circulan "sen roda de reposto, substituída por un kit antipicadas, sen compresor de aire acondicionado do habitáculo asistencial conectado á rede de 220 V" e onde, "ao parecer, substituíronse a base dos asentos por outras de menor peso sen que apareza reflectiva esta reforma na ficha técnica". En todos eses casos --nove en total--, os vehículos circularon, antes dunha reforma posterior, varios meses con excesos de peso moito maiores aos sinalados no momento da inspección: de entre 745 e 900 quilos.