As restricións pola COVID en Galicia seguen intactas e coa vista posta no venres 6 e no luns 9

Control na contorna de Arteixo tras o establecemento do peche perimetral conxunto coa Coruña pola COVID-19 CC-BY-SA Foto: Delegación do Goberno de España en Galicia | Montaxe: Praza Pública

O confinamento perimetral estendido o pasado venres dende as catro áreas ourensás nas que xa rexía ata todas as demais cidades galegas, varios dos seus concellos lindeiros e mais Vimianzo, foi aprobado pola Xunta cunha eficacia de sete días, na liña do establecido no vixente estado de alarma. A ampliación das restricións a actividades como a hostalería nas contornas de Compostela, Ferrol e Vimianzo figurou no Diario Oficial de Galicia con vixencia para catorce días, como se anunciara.

A extensión dos confinamentos perimetrais foi aprobada con eficacia de 7 días e as medidas adicionais en Santiago, Ferrol e Vimianzo, cunha vixencia de 14, pero o anuncio de "revisión" para o pasado martes disparou as expectativas sobre posibles mudanzas

No entanto, a confirmación en rolda de prensa por parte da Consellería de Sanidade sobre unha "revisión" das medidas na reunión do comité clínico da COVID-19 prevista para este martes, día 3, disparou as expectativas en todas as direccións, dende posibles levantamentos dos confinamentos perimetrais ou dos vetos ás reunións de persoas non convivintes na Galicia urbana ata posibles endurecementos. Efectivamente, a reunión celebrouse e prolongouse ata case a media noite, cando rematou sen cambios. 

Todo segue igual e as seguintes metas volantes son o venres, día 6, e o luns seguinte, día 9. Ata daquela, as restricións vixentes en Galicia para tentar frear os contaxios son, concello a concello, as que reflicte o mapa baixo estas liñas.

En síntese, polo momento os peches perimetrais xa vixentes, tanto na provincia de Ourense como no resto de cidades e Vimianzo, continúan como estaban. Tamén a prohibición de reunións de persoas non convivintes. E, igualmente, o límite para encontros sociais a un máximo de cinco persoas nos municipios sen medidas reforzadas. O mesmo sucede coas excepcións correspondentes.

O subcomité do venres deberá decidir se os confinamentos perimetrais e as restricións de reunións para non convivintes continúan ou non alén dos 7 días aprobados; do día 9 en diante, Feijóo pode facer uso de competencias da prórroga do estado de alarma para decisións como modificar o toque de queeda

Apenas vinte minutos antes da media noite, a Consellería de Sanidade confirmaba que o seu titular, Julio García Comesaña, non comparecería este mércores en rolda de prensa para detallar as razóns da ausencia de mudanzas. O departamento sanitario do Goberno galego limitouse a confirmar o remate da reunión e á formalidade de evidenciar que o comité clínico seguirá "tomando decisións nos próximos días" a comezar polo venres, cando o subcomité (parte dos profesionais que conforman o propio comité) terá que decidir se prorroga a vixencia das medidas que si caducan.

A seguinte fronteira é o día 9 porque é nesa xornada cando finaliza o estado de alarma aprobado polo Goberno de España o pasado 25 de outubro, momento no que a Xunta terá que decidir como comeza a utilizar as súas competencias na prórroga xa aprobada polo Congreso ata o vindeiro maio e publicada no Boletín Oficial do Estado deste mércores, 4 de novembro. Na liña do avanzado polo presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, a autoridade competente delegada neste novo treito seguen sendo as presidencias das comunidades autónomas.

Control de tránsito da Policía Local de Lugo durante o primeiro estado de alarma pola COVID-19, a pasada primavera © Policía Local Lugo

Nesta liña, será a Alberto Núñez Feijóo a quen lle corresponda decidir en última instancia se, do día 9 en diante utiliza ou non a competencia da que dispón para "modular, flexibilizar" ou "suspender" medidas como o confinamento nocturno, o toque de queda que polo momento está vixente de xeito homoxéneo en todo o país, pero que Sanidade di contemplar adaptar ao territorio, mesmo suspendéndoo en áreas rurais. Feijóo tamén seguirá tendo na man a posibilidade de fixar confinamentos perimetrais parciais como os actuais ou decidir o peche de Galicia, o cal polo momento asegura non contemplar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.