Unhas 115.000 persoas saíron dun ERTE de forza maior desde o pasado mes de maio en Galicia. O impacto da primeira vaga da pandemia e as medidas estritas de confinamento, co peche de toda actividade non esencial, levou milleiros de empresas a acollerse aos expedientes de regulación de emprego específicos impulsados polo Goberno central para paliar os efectos da covid-19 sobre o emprego.
Máis de 16.000 persoas mantíñanse aínda nun ERTE por forza maior o pasado mes de outubro
Estes ERTEs por forza maior, con garantía de reincorporación posterior para os traballadores afectados, abranguen aínda hoxe máis de 16.000 persoas en Galicia. Foron, en concreto, 16.233 persoas de media as que se mantiveron acollidas a esta situación durante o pasado mes de outubro, segundo os últimos datos feitos públicos polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.
Máis de 16.000 persoas que nas estatísticas laborais manteñen a súa cualificación como ocupadas, á espera de volver á a actividade, aínda que cunhas perspectivas laborais máis que incertas pola evolución da pandemia e polas ampliación das restricións anunciadas este mércores pola Xunta, que implican o peche da hostelería e suporá, ben seguro, a volta ao ERTE de milleiros de profesionais.
En maio foron máis de 132.000 persoas as que se acolleron a un ERTE por forza maior en Galicia
Na actualidade, son 100.000 menos que as que se atopaban nesta situación por forza maior durante o mes de abril, primeiro tras o confinamento domiliario. Foi no seguinte mes, en maio, cando o número de persoas acollidas a este tipo de ERTE chegou aos seus máximos, con máis de 132.000 --unhas 115.000 máis que en outubro--, unha cifra que foi baixando paseniñamente coa desescalada de maio, coa saída do estado de alarma e coa nova normalidade durante o verán, que fixo que de xuño a xullo saíran do ERTE a metade das persoas que permanecían aínda acollidas a esta figura.
De algo máis de 87.000 a unhas 44.000, un descenso impulsado pola campaña de verán e a volta á actividade da hostalería e o sector servizos, o mesmo que agora provoca unha suba importante do paro no pasado mes de outubro.
Precisamente, desde o pasado 1 de outubro, e en virtude dun real decreto-lei do 29 de setembro, regúlanse as novas figuras ao abeiro das medidas aplicadas pola covid-19 que inclúen o ERTE por impedimento de actividade e por limitación de actividade. A prórroga dos expedientes de regulación temporal de emprego ata o 31 de xaneiro deixou estes dous novos tipos de expediente que se unen aos de forza maior.
O paro aumentou en case 5.000 persoas en Galicia durante o mes de outubro, no que o número de afiliados á Seguridade Social creceu en 219
Segundo os datos feitos polo Ministerio de Emprego, o mes de outono confirmou a fin do rebote na creación de emprego que en Galicia provocou a chegada do verán. Desta vez, o número de persoas no paro rexistradas nas oficinas dos servizos públicos de emprego aumentou en 4.733 en relación co mes de setembro, ata alcanzar un total de 181.307, un incremento do 10% respecto a hai un ano, 17.000 máis.
O paro increméntase en todos os sectores en Galicia, pero sobre todo no sector servizos, onde aumenta en 3.698 persoas, fronte ás 401 en agricultura, as 115 en industria ou as 116 na construción.
En canto á afiliación á Seguridade Social, estabilízase en Galicia, que creou 219 empregos tras destruír mil postos de traballo o pasado mes de setembro. Con respecto a hai un ano, o país conta con 15.432 cotizantes menos.