O Servizo Galego de Saúde suma este 2 de febreiro 1.001 novos casos do coronavirus aos seus rexistros, 791 deles diagnósticos mediante proba PCR. Son apenas corenta máis que nas vinte e catro horas previas, cando este cómputo baixou do milleiro por primeira vez dende o 12 de xaneiro. En termos de días naturais a situación é semellante e este martes coñecemos que o pasado domingo, 31 de xaneiro, foi o primeiro con menos de mil novos casos (970) en dúas semanas.
A media diaria de diagnósticos da COVID rolda os mil na última semana tras superar os 1.300 a finais de xaneiro
Alén das oscilacións puntuais dun día concreto, a tendencia das últimas xornadas é clara. A terceira vaga da pandemia, a que explotou por mor dos contaxios nas semanas das festas do Nadal, Aninovo e Reis, tende a acougar. A media diaria de diagnósticos na última semana segue en descenso e rolda o milleiro tras chegar a superar os 1.400. A tendencia é descendente pero, como amosa o gráfico baixo estas liñas, o número de novos casos detectados segue sendo moi superior que nos peores días da segunda vaga, a única comparable (na primeira, a capacidade diagnóstica era moito menor).
Froito deste acougo e tamén do gran número de altas epidemiolóxicas de persoas que se contaxiaron entre finais de decembro e comezos de xaneiro (son xa cinco días naturais seguidos con máis de mil altas), o número de positivos activos por COVID-19 estabilízase na contorna dos 22.000 e a cifra de pacientes que o Sergas considera como "curados" aproxímase aos 75.000.
Incidencia acumulada aínda por riba de 700
Só queda unha ducia de concellos nos que non se rexistrasen casos novos nos últimos 14 días
Con estas cifras de casos novos, a incidencia acumulada (novos positivos por cada cen mil habitantes) tamén frea. Este indicador a sete días leva varios días en descenso e a 14 transita polo que semella ser o seu pico. Ambos seguen, non obstante, en cifras moi altas, con case 770 casos novos por cada cen mil habitantes nas últimas dúas semanas e algo máis de 360 nos últimos sete días [a serie completa pódese consultar nesta ligazón]. Na segunda vaga, a incidencia acumulada a 14 días non chegou aos 340 casos por cada cen mil habitantes e a sete días, o pico non rebasara os 180.
O freo percíbese, pero é lento e non é uniforme territorialmente. Só queda unha ducia de concellos nos que non se rexistrasen casos novos nos últimos 14 días e, na banda contraria, uns 180 seguen rexistrando máis de 500 casos novos por cada cen mil habitantes nese mesmo período. Destacan, ademais, municipios relevantes en canto a poboación, de máis de dez mil habitantes, con incidencias por riba de 1.200: é o caso de Poio (2.231), Betanzos (1.723), Arteixo (1.618), Sarria (1.364), Monforte (1.302), Sada (1.272) ou Ponteareas (1.216).
No que atinxe ás sete principais cidades, a estabilidade e mesmo lixeiros descensos tenden a ser a liña predominante nun contexto de incidencias acumuladas aínda moi elevadas. É o que sucede nas dúas urbes aínda por riba dos 900 casos novos por cada cen mil habitantes en dúas semanas, Ourense e A Coruña, que dende os últimos días de xaneiro semellan transitar polo seu pico de incidencia nesta vaga. Nese mesmo pico ou meseta semellan atoparse tamén Ferrol e mais Vigo e Lugo, estas dúas con incidencias máis moderadas. No caso de Santiago, a cidade con peor evolución durante o mes de decembro, a tendencia da súa incidencia acumulada é xa lentamente descendente.
Novo récord de persoas ingresadas na UCI
O total de persoas hospitalizadas coa COVID semella transitar polo seu pico, pero a presión hospitalaria segue sendo moi elevada e a ocupación das UCI continúa marcando máximos de toda a pandemia
Mentres as cifras de novos casos tenden a frear, aínda restan -no menos malo dos escenarios- semanas para que os hospitais retornen a un relativo acougo. O total de persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19 semella tamén transitar polo seu pico e o seu incremento a sete días segue freando. Aínda sendo certo todo isto, non o é é menos que as 1.439 persoas infectadas polo coronavirus que precisan hospitalización supoñen unha elevadísima carga que o é aínda máis nas unidades de coidados intensivos. [Máis de 21 persoas enfermas de COVID ingresaron nas UCI galegas cada día da última semana]
Os datos deste martes, 2 de febreiro reflicten 253 ingresos de persoas coa COVID nas UCI galegas. Son 11 máis que un día antes, 75 máis que o mesmo día da semana anterior e un novo máximo no que vai de pandemia. No pico da primeira vaga, o pico de ocupación das UCI por persoas afectadas polo coronavirus fora de 177.
Por áreas sanitarias, a máis presionada pola alta ocupación hospitalaria ligada á COVID continúa sendo a da Coruña-Cee, con 416 persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus, 93 delas na UCI. No pico da primeira vaga, esta área sanitaria non tivera máis de 172 camas ocupadas por pacientes coa COVID.
400 mortes confirmadas en xaneiro
O 28 de xaneiro pasa a ser o día con máis mortes da pandemia en Galicia, ao datarse 34 nesa xornada
A explosión de contaxios das semanas das festas segue traducíndose nunha altísima presión hospitalaria e tamén en moi elevados números nos rexistros de mortalidade de persoas que contraeran a COVID-19. O Sergas engade ao rexistro oficial este 2 de febreiro un total de 40 falecementos. Nove corresponden ao 1 de febreiro os restantes 31 decesos, aos días 29, 30 e 31 de xaneiro. Deste xeito, o primeiro mes do ano pasa a sumar 400 mortes oficialmente ligadas á pandemia e a ter o que pasa a ser o día con máis falecementos da pandemia, os 34 datados no pasado día 28.
Febreiro comeza, deste xeito, cunha media de 22 mortes diarias na última semana. A terceira vaga xa sumaría en Galicia -tomando como referencia aproximada o 1 de decembro- uns 560 decesos de persoas infectadas en dous meses. Na primeira vaga, de principios de marzo a mediados de xuño, foran 619. O total ascende, polo momento, a 1.815 mortes.
Descenso aos poucos da positividade en días marcados polos cribados
Tras dúas semanas estancado entre o 10% e o 11%, este indicador rolda agora o 8,7% e todo apunta a que continuará baixando
Mentres a terceira vaga aínda golpea con ingresos hospitalarios e mortes, os indicadores que adoitan observarse para tentar anticipar a evolución da pandemia nas vindeiras semanas tamén falan dunha certa tendencia ao freo. É o caso das taxas de positividade das probas PCR (porcentaxe das que dan positivo entre todas as realizadas).
Nun contexto marcado pola realización de cribados masivos en diversos puntos do país, o número de PCR procesadas segue sendo moi elevado (de media, máis de 12.000 ao día na última semana) e a positividade media vai descendendo aos poucos. Tras dúas semanas estancado entre o 10% e o 11%, este indicador rolda agora o 8,7% e todo apunta a que continuará baixando. A Organización Mundial da Saúde considera que a pandemia pode darse por controlada nun territorio cando a taxa de positividade rolda o 5%, limiar do que aínda está lonxe tanto o conxunto de Galicia como a maioría das áreas sanitarias.