Cada un fala da feira (de Amio) como lle foi nela

Cribado de COVID-19 en Amio este domingo CC-BY-SA Praza Pública

Tras semanas pechado na casa e saíndo só a recoller o neno na escola infantil e a compra no aparcamento do supermercado, a citación para pasar un cribado de coronavirus asusta, pero resólvese en 5 minutos que poden salvar vidas

Venres 29, 19.59 horas. Soa e vibra o móbil. Non é un WhatsApp senón un vintage SMS, deses cos que xa só chegan ofertas de baratísimas liñas telefónicas ou citas... para pasar unha PCR: “O paciente con CIP: 79*****1018 TEN CITA O DÍA 31/01/2021 as 10:33 no punto de toma de mostras COVID situado no Recinto Feiral de Amio-Stgo.Comp”. Unha mensaxe do Sergas que incorpora un enlace á xeolocalización do sitio en Google Maps e outro a un código QR identificador da proba. E unha lembranza: “En caso de estar pasando a enfermidade, estar illado ou en corentena, non acuda a realizar esta proba”.

Aínda traballando nisto da información e pasar medio día escribindo de cousas da pandemia -ah, que tempos aqueles nos que só se falaba do atraso do AVE-, e polo tanto sabendo que se están a realizar cribados masivos en busca de posibles persoas contaxiadas asintomáticas, a mensaxe asusta. O primeiro que penso é en se me é de aplicación esa advertencia de que non vaia se estou illado ou en corentena, porque a miña vida fóra das portas da casa, afortunado eu que podo teletraballar, redúcese a algún paseo (cando non chove) o máis afastado posible da xente, a recoller o neno no exterior da escola infantil e recoller a comida que encargo por internet no aparcamento do supermercado. Cando puntualmente entro neste último, a mercar algún produto fresco en persoa, non paso máis de 15 minutos e sempre con máscara FFP2. 

Pero e se o neno o ten asintomático e mo pasou? E se mo pasou a miña parella que de vez en cando ten que asistir a algunha rolda de prensa presencial? E se o collín por un espazo mal pechado da máscara? E se agora eu o teño sen síntomas e llo paso ao neno? E o neno aos seus compañeiros e compañeiras na escola? E se...?

Cribado de COVID en Amio este domingo CC-BY-SA Praza Pública

Domingo 31, 10.20 horas. Xa estou aparcado no amplo aparcamento de Amio, a metros de distancia de calquera outro vehículo e sen ningún problema de tráfico para chegar. Ás 10.25 saio do coche con máscara FFP2 e sen parar en ningún momento de camiñar nin atopar ningunha ringleira de persoas, separado dez metros do asintomático de diante e outros dez da asintomática de detrás, entro nunha das naves nas que habitualmente se poxan xatos ou cochos e acabo diante dunha das varias mesas alí habilitadas con lectores de código QR e unha cadeira branca de plástico de chiringuito de praia, a dez metros do seguinte posto similar. Paso o móbil por diante, dinme o meu nome e eu o confirmo: “Sente dereito e coa cabeza recta, baixe a máscara só por baixo do nariz pero mantendo a boca tapada”

Fágoo e -non vaia ser que haxa aerosois deses- aguanto a respiración mentres me meten o bastonciño no nariz. Menos de dez segundos despois de apartar a máscara xa a tiña posta de novo. Molestou, pero non doeu, e na media hora posterior só notei que me xerou algo de mucosidade.

“En 24, 48 horas chegaralle unha mensaxe co resultado. Bos días”. Tiven que ser eu quen preguntase que tipo de proba fóra, se PCR ou test de antíxenos. “PCR”. Catro frases, amabilidade eficiente. Ás 10.32, un minuto antes da hora á que me citaran, xa estou sentado de novo no coche arrancándoo. 

Martes 2, 9.26 horas. Soa e vibra o móbil tras unha noite de intranquilidade porque non soou e vibrou antes. Non é un WhatsApp senón outro vintage SMS, deses cos que xa só chegan ofertas de baratísimas liñas telefónicas ou confirmacións do Sergas de que agora só tes que seguir facendo a vida de ermitán que xa facías: “SERGAS INFORMA: El resultado de la prueba PCR realizada al CIP SERGAS 79*****1018 fue NEGATIVO”. Pero e se fose ao revés? E se salvei a alguén?

Supoño que outras persoas que pasasen por Amio, esta fin de semana ou calquera outra, terán as súas propias experiencias. Eu prefiro quedarme con que fun un heroe. Cada un fala da feira como lle foi nela.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.