Dende a primeira semana de marzo, as incidencias acumuladas (casos novos por cada cen mil habitantes) do coronavirus tanto a 7 como a 14 días transitan por unha senda de estabilidade en Galicia, un estancamento que ata o momento só se viu alterado por lixeiros descensos. Ás portas dos días festivos da Semana Santa, a incidencia global da COVID-19 para o conxunto de Galicia mantense na contorna dos 69 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e algo menos da metade, 34 casos, a 7 días. Unha tendencia aínda moi levemente descendente que, así e todo, xa finalizou nunha área sanitaria, a de Vigo.
Galicia mantense na contorna dos 69 casos novos por cen mil habitantes a 14 días e a incidencia a 7 días aínda é de algo menos da metade, uns 34
A Consellería de Sanidade vén manifestando nos últimos días a súa "preocupación" a respecto da evolución da área viguesa. Tras máis dun mes de pronunciado descenso da súa incidencia acumulada despois do estoupido de contaxios posterior ao Nadal, en torno ao 14 de marzo chegou á contorna dos 65 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días. Dende ese día, comezou unha tendencia á alza que aínda continúa.
Alén de Vigo, nas últimas xornadas tamén se observa unha certa mudanza de tendencia na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés
A mudanza obsérvase con claridade ao poñer o foco na evolución do conxunto de Galicia e das áreas sanitarias dende o comezo do mes de marzo e ata o último día con datos completos, o 29 deste mes. En torno a mediados de mes, a incidencia acumulada da área de Vigo só superaba ás das áreas de Pontevedra-O Salnés, Lugo e Ourense e estaba moi lonxe da única equiparable en termos de poboación, a da Coruña.
Nas dúas semanas seguintes, a tendencia viguesa mudou e nos últimos días achégase aos 100 casos novos por cada cen mil habitantes, un valor máis próximo ao da área coruñesa, agora na contorna dos 104 casos novos por cen mil habitantes a 14 días. Alén de Vigo, nas últimas xornadas tamén se observa unha certa mudanza de tendencia na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés mentres, nas restantes, continúa a estabilidade ou os tímidos descensos.
O Sergas suma 169 casos novos e nos últimos sete días completos rexistrou 920, unha trintena menos que nos sete anteriores
Estas tendencias debúxanse mentres, na última xornada, o Sergas engadiu aos seus cómputos 169 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do luns e a mesma hora do mércores. Deles, 148 son diagnósticos mediante PCR. Malia á fin da estabilidade ou dos descensos nalgunhas áreas sanitarias, a media diaria de diagnósticos por PCR a sete días para todo o país continúa tamén sendo estable, arredor dos 120.
En termos de días naturais e computando todos as probas de infección activa (tamén os test de antíxenos e non só as PCR), nos últimos sete días con datos completos detectáronse en Galicia 920 casos. Nos sete anteriores foran 951, polo que o balance global neste indicador tamén segue sendo lixeiramente favorable.
Así e todo, o estancamento dos principais indicadores epidemiolóxicos vai chegando tamén ao que vén sendo un dos datos de referencia dende o comezo da pandemia para a Consellería de Sanidade, os casos considerados como positivos activos. Esa cifra diminúe se os casos novos son menos que as altas epidemiolóxicas e aumenta se sucede o contrario. A tendencia nas últimas xornadas é practicamente plana e, tras semanas de pronunciados descensos, nos últimos días xa houbo lixeiros incrementos entre períodos de vinte e catro horas, aínda que polo momento sen ningunha repunta que suxira un cambio radical de tendencia. Ás seis da tarde do martes eran 2.354.
Máis de 140 concellos sen casos en 14 días
Entre as principais cidades, Ourense e Lugo seguen rexistrando as incidencias acumuladas máis baixas tanto a 7 como a 14 días
Aínda que todo semella apuntar a que a etapa do descenso de incidencia xa rematou, máis aínda tendo en conta a evolución dos datos no conxunto do Estado e boa parte da UE, así como os desprazamentos ligados ás xornadas festivas, o certo é que polo momento o número de municipios galegos que non rexistraron casos novos nos últimos 14 días segue sendo elevado. Segundo a última actualización, con datos do martes, un total de 142 concellos (-1) están libres da COVID-19 nos últimos 14 días e en 179 (-1) non houbo casos novos na última semana.
Sobre o mapa, tamén destacan as incidencias acumuladas a 14 días máis elevadas na contorna das Rías Baixas. Tamén, máis localmente, en áreas do sur da provincia de Lugo, puntos da provincia da Coruña como a comarca de Ordes ou algúns concellos de Ourense como Beade, o único no que continuará o peche perimetral e as máximas restricións a partir deste venres, 2 de abril.
Igual que acontece nos datos por áreas sanitarias, entre as sete principais cidades a única tendencia claramente ascendente é a de Vigo, cuns 106 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días. Tamén os datos de Pontevedra (58 casos novos por cen mil habitantes) suxiren unha lixeira repunta mentres o resto de cidades continúan estables ou á baixa. As menores incidencias acumuladas a 14 días continúan sendo as de Ourense e Lugo, que tamén teñen os datos máis baixos a 7 días, con 15 casos novos por cada cen mil habitantes na capital ourensá e 18, na lucense. [Consulta nesta ligazón a evolución da incidencia acumulada a sete días por cidades]
Menos de 200 persoas no hospital coa COVID por primeira vez dende setembro
Aínda que con lentitude, no indicador no que tamén se seguen percibindo certos alivios é no do número de persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus. Aínda que a última actualización reflicte catro ingresos máis na UCI (ata 30), a diminución de ata 14 persoas no total de ingresos en unidades hospitalarias ordinarias deixa o total en 197, 40 menos que unha semana antes. Isto supón que, por primeira vez dende setembro de 2020, o total de hospitalizacións de persoas con test positivo da COVID-19 en Galicia baixa das duascentas.
Mentres todo isto sucede, non obstante, seguen sen rexistrarse polo momento unha xornada completa sen falecementos de persoas que contraeran a COVID-19, algo que non acontece dende o 3 de outubro. Este mércores entran no cómputo global un total de seis mortes máis (unha delas, das últimas vinte e catro horas) e o total chega a 2.342. Na última semana rexistrouse en Galicia unha media un chisco superior ás dúas mortes de persoas coa COVID ao día.