Sanidade mantén un só concello pechado pola COVID e constata estabilidade xeral da pandemia agás na área de Vigo

Punto de realización de test de antíxenos no aeroporto de Santiago, este 30 de marzo, novo mapa de restricións e mapa de incidencia da COVID con datos do 29 de marzo CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza Pública

O ritmo da terceira desescalada das restricións pola COVID-19 non acelerará no que queda de Semana Santa. Así o viñera avanzando o Goberno galego e así o constatou este martes o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, tras a reunión do comité clínico que revisou o mapa de restricións. Dende o venres, 2 de abril, unha trintena de concellos terán restricións superiores ás do nivel baixo e só un deles, Beade, continuará con medidas de nivel máximo, que implican peche perimetral, clausura da hostalería e prohibición xeral de encontros sociais entre persoas non conviventes.

Unha trintena de municipios están nos niveis máximo, alto ou medio de restricións dende o 2 de abril

Dende esa mesma xornada, 11 municipios quedan no nivel alto. A el súmanse O Irixo, A Pobra do Brollón e Rábade. Mentres, Vilardevós descende ao nivel medio, ao que se engaden Moaña, Gondomar, Meis e Carral. O resto de concellos pasan ao nivel baixo ou continúan nel. Á espera da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, todos os niveis manteñen asociadas as mesmas medidas, polo que a hostalería continuará pechando ás nove da noite e o toque de recollida, segue sen cambios de dez da noite a seis da madrugada. 

Durante a Semana Santa segue, igualmente sen variacións, o peche perimetral de toda Galicia e as limitacións de encontros pactadas entre o Goberno de España e as comunidades autónomas para este período festivo. Así, a normativa seguirá prevendo un máximo de seis persoas non conviventes para encontros no exterior e catro en espazos en interiores de acceso público. Nos domicilios continúan restrixidas as reunións só a persoas conviventes. O Goberno galego non detalla, polo momento, se flexibilizará este precepto cando pase a Semana Santa e, con ela, o "obrigado cumprimento" fixado na norma estatal.

O Sergas suma 107 casos novos e as cifras de novos diagnósticos mediante PCR mantéñense estables arredor dos 120 ao día na última semana

Alén das mudanzas nos niveis de restricións por concellos -e da exposición de plans como a expedición dun certificado de vacinación contra a COVID-19, polo momento sen aplicación oficial concreta-, Sanidade constatou o mantemento da situación de estabilidade na situación epidemiolóxica para o conxunto de Galicia. Aínda que o propio Comesaña pon o foco nunha contorna que escapa desa tendencia xeral, a área sanitaria de Vigo, onde a liña da incidencia acumulada do coronavirus nos últimos días é xa claramente ascendente.

Para o conxunto do país, o Sergas agrega este martes ao seu cómputo 107 casos novos do coronavirus, os rexistrados entre as seis da tarde do domingo e a mesma hora do luns. Deles, 85 son diagnósticos mediante probas PCR. Ata o último día con datos completos (o domingo, día 28), a media a sete días de diagnósticos por PCR segue moi estable, arredor dos 120 por xornada.

Esa estabilidade, como ratifica o Sergas, continúa reflectíndose igualmente nos indicadores de incidencia acumulada a 7 e 14 días, que nas últimas xornadas mesmo volveron descender un chisco, se ben Sanidade admite que xa non agarda máis baixadas significativas nos vindeiros días ou semanas. Polo momento, eses indicadores apuntan a uns 69 casos novos por cada cen mil habitantes nas últimas dúas semanas e arredor de 34 en sete días. O feito de que a incidencia a sete días sexa menos da metade que a incidencia a 14 días apunta a que, cando menos de momento, a tendencia global segue sendo lixeiramente descendente.

"Preocupación" pola área de Vigo

Estes números para toda Galicia seguen reflectíndose sobre o mapa, pero con notables diferenzas territoriais, como vén sendo habitual e, en xeral, máis incidencia nas zonas máis poboadas. Así, o número de concellos sen casos novos en 14 días mesmo volven subir un chisco e chegan a 143 (+4). Mentres, os que non tiveron ningún caso en sete días descenden lixeiramente, ata os 180 (-3).

Os concellos sen casos novos en 14 días volven aumentar un chisco e chegan a 143

Non obstante, como amosa o mapa baixo estas liñas, as amplas contornas das provincias de Lugo e Ourense e mesmo do interior da provincia de Pontevedra que están practicamente libres da COVID contrastan con outras áreas, como comarcas do sur lucense ou, especialmente, Vigo e a súa área de influencia onde Sanidade admite "especial preocupación". No conxunto da área, sanitaria viguesa, a incidencia acumulada a 14 días ascende dende mediados de mes e rolda os 97 casos novos por cada cen mil habitantes.

Ese empeoramento no conxunto da área maniféstase tamén na cidade de Vigo, aínda que con menos intensidade. A incidencia acumulada a 14 días na urbe viguesa traza unha lixeira liña ascendente dende hai dúas semanas e xa supera os 100 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días, achegándose así ao nivel da Coruña, que segue baixando aos poucos e que, polo momento, segue sendo a cidade con maior incidencia acumulada. Na banda contraria continúan Lugo e Ourense, con 31 e 24 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días, respectivamente.

Con estas cifras sobre a mesa, os novos casos diarios continúan polo momento en niveis semellantes aos de agosto de 2020 mentres a presión hospitalaria, que descende lentamente, é máis equiparable á de comezos do pasado outono, con 207 persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 (+1). Os pacientes co coronavirus que precisan asistencia en coidados intensivos son aínda 26, a cifra máis baixa dende setembro.

O ritmo da hospitalización acouga aos poucos e o mesmo acontece coas cifras de falecementos de persoas que contraeran a enfermidade. O cómputo xeral incorpora este martes dous falecementos e o total chega a 2.336. Dende o 3 de outubro aínda non se rexistrou un só día sen que o Sergas rexistrase falecementos de persoas infectadas polo coronavirus.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.