O proceso de vacinación avanza en Galicia superando numerosos obstáculos que están a dificultar o obxectivo de chegar aos niveis de protección que o Goberno central leva meses manexando nas súas previsións: acadar un 70% de poboación adulta vacinada antes do inicio do verán. O principal problema vén sendo nos últimos meses o reducido número de doses dos que a Unión Europea dispón, despois dos sucesivos incumprimentos de AstraZeneca nos seus envíos.
Esta carencia limitou a chegada de vacinas a Galicia, deixando de momento en 431 mil o número de doses administradas no noso país (datos do xoves, os últimos facilitados por Xunta e Ministerio). Algo menos do 11% da poboación galega recibiu unha dose e un pouco máis do 5% obtivo as dúas doses que proporcionan a inmunización.
"Semella complicado chegar a ese 70% antes do verán. Podemos pensar en chegar a un 70% a finais de agosto ou en setembro, pero antes semella imposible"
Dende o Goberno galego sempre se destacou que a principal eiva estaba nesta limitada chegada de doses e non na capacidade de administración do sistema sanitario, capaz de realizar unha vacinación masiva, como quedou demostrado nas probas realizadas hai dúas semanas. Tampouco está o problema na aceptación da vacina por parte da poboación, pois polo momento o número de persoas que se negaron a ser vacinadas non foi en absoluto significativo.
Con todo, nas últimas semanas engadíronse novas dificultades aos problemas de abastecemento da Unión Europea, sobre todo a través da suspensión cautelar da aplicación da vacina de AstraZeneca, que paralizou a súa distribución durante case unha semana, ata que a Axencia Europea do Medicamento reafirmou a súa seguridade.
Falamos con Raquel Zubizarreta, subdirectora xeral de Epidemioloxía da Xunta de Galicia, alcumada por algún medio de comunicación como "a Fernando Simón galega" e responsable, polo tanto, dunha parte importante das decisións sobre a estratexia galega de loita contra a Covid-19 e do proceso de vacinación.
Á vista do ritmo actual e dos problemas que está a haber no abastecemento de vacinas, segue sendo realista o obxectivo de vacinar ao 70% da poboación a finais de xuño?
"Pfizer é o único laboratorio que está cumprindo os seus compromisos. En cambio, AstraZeneca acaba de enviarnos a metade das doses que tiña comprometidas e ademais anuncia recortes posteriores"
O Goberno central mantén este obxectivo. Supoñemos que é porque ten máis información sobre a dispoñibilidade de vacinas. Pero a información que temos nós é que ata o momento Pfizer é o único laboratorio que está cumprindo os seus compromisos. En cambio, AstraZeneca acaba de enviarnos a metade das doses que tiña comprometidas e ademais anuncia recortes posteriores. Moderna enviou moi poucas doses nos últimos meses e os envíos de Janssen parece que se momento van ser tamén bastante simbólicos. Coméntannos que no mes de abril vai haber un aumento importante na contía dos envíos, pero aínda así semella complicado chegar a ese 70% antes do verán. Podemos pensar en chegar a un 70% a finais de agosto ou en setembro, pero antes semella imposible.
Que valoración fai das probas masivas realizadas hai un par de semana. Ten Galicia a capacidade para vacinar a un ritmo moi superior ao actual?
"O que nos está freando é a dispoñibilidade de doses, que se converteu no único factor limitante, porque temos a capacidade de administrar moitas máis doses cada día"
O que nos está freando é a dispoñibilidade de doses, que se converteu no único factor limitante, porque temos a capacidade de administrar moitas máis doses cada día. A valoración das probas masivas foi moi positiva, tanto no que respecta á participación, que superou o 90%, como no que atinxe á ausencia de problemas de xestión, manexo de espazos, das persoas vacinadas... Demostramos que é posible levar a cabo vacinacións masivas e que temos capacidade de facelas.
O reto máis inmediato é finalizar a vacinación das persoas de máis de 80 anos, o colectivo máis vulnerable ante a enfermidade. Cando se prevé completar a administración da segunda dose a este grupo? Cando comezaría a vacinación das persoas entre 70 e 80 anos?
"Se non hai problemas nos envíos, todo o grupo de persoas de máis de 80 anos podería estar vacinado a finais de abril, para comezar a finais de abril ou comezos de maio co seguinte grupo, de 70 a 80 anos"
Neste grupo de poboación de 80 ou máis anos hai unhas 227.000 persoas e xa vacinamos a máis de 92.000. É un grupo que ten a súa complexidade, porque non admite vacinacións masivas, ao ter dificultades para desprazarse en moitos casos. Á hora de concertar as citas telefónicas pregúntaselles se se poden desprazar ou non e, de feito, ao redor do 7% están pendentes da súa vacinación en domicilio. Neste caso levamos a cabo unha proba de vacinación a domicilio na área sanitaria da Coruña para probar a capacidade que temos para facelo: que recursos se necesitan, que dificultades atopamos ou a cantas persoas poderiamos vacinar cada día.
Se non hai problemas nos envíos, todo o grupo podería estar vacinado a finais de abril, para comezar a finais de abril ou comezos de maio co seguinte grupo, de 70 a 80 anos, que suman unhas 290 mil persoas. E a previsión sería rematar con este grupo a comezos de xuño, cando pasaríamos ao seguinte colectivo prioritario.
Cal debe ser a prioridade: seguir vacinando aos grupos de idade máis vulnerables ou apostar por vacinacións masivas, para chegar a unha maior porcentaxe da poboación e reducir a circulación do virus?
O importante nestes momento non é levar a cabo vacinacións masivas indiscriminadas, senón rematar cos grupos profesionais que se consideran de risco por estar nunha 'primeira liña', e pasar canto antes a protexer aos grupos de idade que son máis vulnerables e poden sobrecargar o sistema sanitario, porque ao final a idade é o principal factor de risco para unha enfermidade Covid grave. Creo que nestes momento debemos centrarnos nas persoas de maior idade.
A aprobación do uso da vacina de AstraZeneca para as persoas entre 55 e 65 anos abre a posibilidade de que este grupo de persoas comece a ser vacinado nas vindeiras semanas?
"A aceptación está sendo moi boa; hai unha porcentaxe pequena de persoas que se negou a ser vacinada, e mesmo entre eles hai unha parte que rexeitou a vacina e despois solicitou ser vacinada"
Si, neste momento vén de aprobarse a aplicación da vacina de AstraZeneca tamén ás persoas entre 55 e 65 anos, despois de que nun comezo só se recomendara para as persoas de menos de 55 anos. Aínda que tamén esta decisión é provisional porque os estudos recentes sobre a aplicación da vacina en varios países están a amosar datos moi positivos, polo que o máis probable é que en pouco tempo a vacina de AstraZeneca se poderá empregar en todos os grupos de idade.
Como está sendo a recepción das vacinas por parte da poboación? Está a haber un porcentaxe de rexeitamento significativa?
"A vacina de AstraZeneca apareceu dende o comezo como unha vacina de segunda categoría. Pero os estudos máis recentes confirman que a súa efectividade é moi elevada. Todas as vacinas que temos son eficaces, efectivas e seguras"
Dende os primeiros momentos abraiounos o bo recibimento que están tendo todas as vacinas. Antes de iniciar o proceso de vacinación había enquisas que indicaban unha porcentaxe importante de persoas que non querían vacinarse. Porén, cando comezou o proceso o que vimos foi unha avidez absoluta pola vacinación e o que temos é unha gran presión a cargo de grupos e colectivos que se queren vacinar canto antes, porque se consideran prioritarios. A aceptación está sendo moi boa; hai unha porcentaxe moi pequena de persoas que se negou a ser vacinada, e mesmo entre eles hai unha parte que nun primeiro momento rexeitou a vacina e que despois solicitou ser vacinada.
Nestes casos, estas persoas perden a súa quenda? Pasarían para o final da lista?
Non, nestes casos tampouco temos unha estratexia de pasar ao final da lista, sobre todo se estes rexeitamentos se produciron en residencias de persoas maiores ou persoas discapacitadas, porque o noso maior interese é que se vacine canto máis xente mellor nestes lugares. Neste momento estamos recollendo eses 'flocos' de vacinación: persoas que quedaron pendentes por este motivo ou porque estaban a pasar unha corentena.
En concreto, percíbese un maior rexeitamento á vacina de AstraZeneca, sobre todo polas novas das últimas semanas sobre os casos de tromboses e a paralización cautelar decidida en case toda Europa?
"As persoas que rexeiten a vacina de AstraZeneca posiblemente si que quedarán para o final, pasarán ao final da lista, porque non podemos permitir que se escollan unhas vacina e se rexeiten outras, non sería ético"
A vacina de AstraZeneca apareceu dende o comezo como unha vacina de segunda categoría, seguramente por aqueles primeiros datos de eficacia que eran inferiores aos das demais vacinas. Tamén o feito de que as vacinas de Pfizer se reservasen para a poboación con máis risco parecía que deixaba a de AstraZeneca nun segundo plano. Pero os estudos máis recentes confirman que a efectividade de AstraZeneca é moi elevada, polo que para nada é unha vacina de segunda categoría, todas as vacinas que temos son eficaces, efectivas e seguras.
A vacinación con AstraZeneca retomouse este mércores. Houbo algún caso illado de rexeitamento, pero en absoluto foi significativo. Iso si, as persoas que rexeiten a vacina de AstraZeneca posiblemente si que quedarán para o final, pasarán ao final da lista, porque temos que seguir avanzando e non podemos permitir que se escollan unhas vacina e se rexeiten outras, non sería ético.
O sucedido a pasada semana coa paralización cautelar da administración da vacina de AstraZeneca demostra que os sistema de control funcionan e que sempre se vai optar pola cautela e a precaución ante a aparición dun problema?
"O sucedido foi unha demostración de que o sistema de farmacovixilancia funciona e debería darnos unha maior seguridade"
Para nós é algo evidente. O sucedido é algo que nos dá aínda máis seguridade: o feito de que se hai calquera tipo de alarma xustificada vai ser investigada, vaise estudar se existe unha relación causal entre a vacina e un determinado problema ou ou se é casual. O sucedido foi unha demostración de que o sistema de farmacovixilancia funciona e debería darnos unha maior seguridade.
Sempre temos o dilema entre a transparencia absoluta e o efecto que esta transparencia pode ter na poboación, porque as malas novas teñen moito máis efecto que as boas novas. Os efectos do sucedido na poboación non o saberemos ata que pasen uns días, pero temos claro que a poboación é adulta e que ten dereito a estar informada. Esperamos poder facer pedagoxía e que a suspensión cautelar que hai uns días sexa percibida máis como unha seguridade que como un problema.
A cuarta onda da pandemia tería un efecto negativo sobre o proceso de vacinación?
"A poboación é adulta e que ten dereito a estar informada. Esperamos poder facer pedagoxía e que a suspensión cautelar que hai uns días sexa percibida máis como unha seguridade que como un problema"
A cuarta onda tería un impacto grande sobre todo sobre a saúde de moitas persoas e sobre a saturación do sistema sanitario. E tamén podería ter un impacto sobre a vacinación, pero creo que se reduciría ás dificultades engadidas para a realización de vacinacións masivas, ou ao feito de que grupos máis grandes de poboación se atoparían en corentena e non poderían vacinarse ou terían que adiar a súa segunda dose. Non creo que un incremento de casos mermase a confianza da poboación nas vacinas, porque o efecto positivo das vacinas foi tan evidente que non hai risco por ese lado.
Podemos estar seguros neste momento sobre a duración da inmunidade que proporcionan as vacinas ou sobre a súa resposta a calquera nova variante do virus que apareza?
"O que nos debe importar agora mesmo é conseguir unha rápida velocidade de vacinación, tamén por este motivo, porque mentres non o fagamos córrese o risco de que o virus vaia creando novas variantes"
Non, é imposible sabelo polo de agora. Ten que pasar aínda moito máis tempo dende as primeiras vacinacións para comprobar na práctica se a protección se mantén ou se pode haber reinfeccións. Os indicios que temos ata agora suxiren que a inmunidade vai ser duradeira, cando menos duns tres ou catro anos, simplemente por analoxía con outras vacinas e enfermidades.
En canto ás novas cepas, a resposta á maior parte das variantes está a ser boa, pero pode haber variantes novas para as que a resposta sexa peor, o que obrigaría a producir novas vacinas adaptadas, polo que si habería que repetir a vacinación. En calquera caso, o que nos debe importar agora mesmo é conseguir unha rápida velocidade de vacinación, tamén por este motivo, porque mentres non o fagamos córrese o risco de que o virus vaia creando novas variantes.