Raquel Zubizarreta, ata agora responsable dos programas de cribado de doenzas, substitúe a Xurxo Hervada, que levaba no cargo dúas décadas
A Consellería de Sanidade vén de designar oficialmente este mércores, coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia, unha nova subdirectora xeral de Epidemioloxía, Raquel Zubizarreta, tras a xubilación do anterior responsable do departamento, Xurxo Hervada, posto que o Goberno galego tardou varios meses en renovar malia ser o responsable dos informes epidemiolóxicos nos que di basearse a Xunta para establecer as restricións fronte ao coronavirus.
Segundo revelou no seu momento La Voz de Galicia, a xubilación de Hervada, que segundo ese diario seguiu ocupando o cargo malia non estar xa en activo, era coñecida e xa ao comezo do verán a consellería ofreceu o posto a varias persoas sen lograr cubrilo. Porén, non foi ata outubro que convocou formalmente o proceso para ocupar o cargo polo sistema de libre designación. Agora, dous meses despois, resolve o proceso e designa a Raquel Zubizarreta Alberdi, que era a responsable do servizo de cribado e detección precoz de diversas doenzas como cancros ou enfermidades de naipelos.
Este diario preguntou a Sanidade pola data en que Hervada deixou efectivamente o posto e se Zubizarreta xa viña realizando algunha función en Epidemioloxía tras a xubilación do seu antecesor. A consellería garda silencio sobre as datas e limítase a contestar que "a praza sobre a que fai mención foi asignada provisionalmente en comisión de servizo a Raquel Zubizarreta Alberdi. As comisión de servizo adoitan emprégarse namentres non se resolven os concursos ao que, desta volta, unicamente se presentou a facultativa Raquel Zubizarreta Alberdi".
Por baixo das direccións xerais de carácter político, as subdireccións xerais son postos que o executivo tamén pode elixir a dedo pero só entre o funcionariado, o que os converte no punto de confluencia entre o ámbito técnico e o político, con exemplos de nomes que permanecen durante anos malia os cambios de goberno, como Hervada, e outros que varían cando muda cada director xeral.
No caso da Consellería de Sanidade, por baixo do conselleiro e da Dirección Xeral de Saúde Pública (ocupada desde setembro por Carmen Durán tras o cesamento de Andrés Paz-Ares), hai tres subdireccións xerais entre as que se atopa a agora renovada de Información sobre a Saúde e Epidemioloxía.
Epidemioloxía é o departamento responsable dos informes nos que se basea a Xunta para decidir as restricións polo coronavirus
Saúde Pública é a Dirección Xeral que vén asinando e asumindo os informes de epidemioloxía nos que se basea a Xunta para establecer as diversas restricións polo coronavirus, pero o contido deses informes depende da subdirección xeral. Algo que a propia Xunta evidenciou en varias ocasións ao facer comparecer a Hervada xunto ao ex-conselleiro Almuiña ou ao director de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, pero sen a presenza do seu superior inmediato, Paz-Ares.
O subdirector de Epidemioloxía foi tamén, xunto co director xeral, quen asinou un dos informes sanitarios nos que se baseou Feijóo para convocar as eleccións o 12 de xullo. O equivalente ao posto a nivel estatal sería o do director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, como responsable desa unidade encargada de coordinar a información epidemiolóxica.