Sanidade elimina o límite de idade para a vacina de AstraZeneca pero resérvaa para as persoas menores de 65 anos

Administración da vacina de AstraZeneca © Xunta

A vacina de AstraZeneca poderá ser administrada a todos os grupos de idade, aínda que en principio será aplicada unicamente a persoas por debaixo de 65 anos. O Ministerio de Sanidade adoptou a decisión este martes na xuntanza da Comisión de Saúde Pública, que tamén decidiu que a nova vacina de Janssen, xa aprobada e que comezará a chegar a mediados de abril, será aplicada ás persoas maiores de 65 anos. As propostas contaron co voto favorable de todas as comunidades autónomas, agás de Galicia, que se abstivo.

A nova vacina de Janssen, xa aprobada e que comezará a chegar a mediados de abril, será aplicada ás persoas maiores de 65 anos

Estes dous cambios na estratexia de vacinación buscan asegurar a protección de grupos de idade que aínda que teñen risco de sufrir unha infección grave de Covid-19, aínda non comezaran o proceso de inmunización: as persoas entre 55 e 65 anos (ás que se lles aplicará a vacina de AstraZeneca) e as persoas entre 65 e 80 anos (que recibirán a de Janssen).

A vacina de AstraZeneca fora inicialmente reservada ás persoas de menos de 55 anos, debido ao reducido número de persoas de maior idade nos ensaios clínicos realizados previamente á súa aprobación pola Axencia Europea do Medicamento. Porén, posteriores estudos demostraron a súa eficacia e seguridade tamén nas persoas de máis de 65 anos, o que fixo que o Ministerio de Sanidade autorizase promeiro a súa aplicación ás persoas entre 55 e 65 anos e, agora, ás persoas por riba desa idade. 

Administración da vacina de AstraZeneca © Xunta

A de AstraZeneca estará na práctica limitada ás persoas de menos de 65, pois queda reservada para os traballadores e traballadoras esenciais e, en xeral, para todas as persoas por debaixo desa idade

Polo medio, hai dúas semanas, o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas decidiron a suspensión cautelar da administración da vacina de AstraZeneca ata que a Axencia Europea do Medicamento analizou os casos de tromboses cerebrais aparecidos entres persoas ás que se lles aplicara a vacina, concluíndo que a vacina era segura e que non había relación entre a súa aplicación e estes incidentes. Tamén a OMS recomendou a súa aplicación en todos os grupos de idade. Porén, nalgúns países segue a limitarse a súa administración por riba dos 55 anos (como en Canadá) ou por debaixo dos 60 (en Alemaña).

As persoas con condicións de moi alto risco serán vacinadas de forma simultánea ao grupo entre 70 e 79 anos

En calquera caso, a pesar de que non haber xa límite de idade para a súa administración, a vacina de AstraZeneca estará na práctica limitada ás persoas de menos de 65 anos, pois queda reservada para os traballadores e traballadoras esenciais e, en xeral, para todas as persoas por debaixo desa idade. Raquel Zubizarreta, subdirectora xeral de Epidemioloxía da Xunta de Galicia, explicaba hai uns días nesta entrevista que "quen rexeite a vacina de AstraZeneca pasará ao final da lista. Non sería ético escoller unhas ou outras doses". Para as persoas de 65 anos e máis, que neste momento centran os esforzos de inmunización no Estado español, estarán dispoñibles tres vacinas: Pfizer, Moderna e Janssen.

A Comisión de Saúde Pública aprobou tamén que as persoas con condicións de moi alto risco (transplantadas, infección con VIH inmunodeprimidos, con cancro de pulmón en tratamento con quimioterapia...) serán vacinadas de forma simultánea ás persoas entre 70 e 79 anos.

Certificado dixital de vacinación en Galicia

Galicia contará a partir da primeira quincena de abril cun certificado dixital de vacinación ao que poderán acceder todas as persoas que recibiran algunha dose das vacinas contra a Covid-19. Cada vez que se realice a administración dunha vacina ou que se produza un resultado negativo dunha PCR ou teña lugar unha recuperación recente da infección, será posible xerar un documento asinado dixitalmente que se almacenará na historia clínica de cada persoa. Estes certificados terán un código QR que servirá para validar que están emitidos pola Consellería de Sanidade, unha validaación que se poderá comprobar a través da sede electrónica da Xunta.

Este certificado dixital estaría en vigor antes do anunciado pola Comisión Europea, que prevé emitir un documento semellante ao redor do mes de xuño

Este certificado dixital estaría en vigor antes do anunciado pola Comisión Europea, que prevé emitir un documento semellante ao redor do mes de xuño. No Estado Español estes certificados serían realizados a través do traballo conxunto entre o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas.

O pasado 17 de marzo a Comisión presentou un proxecto lexislativo para a emisión dun Certificado Verde Dixital cos mesmos criterios para todos os países da UE. Trátase dun conxunto de certificados que emitirán os estados membros con información de que a persoa que o posúe recibiu a vacinación (con datos sobre as doses recibidas, a data de administración e a vacina aplicada), sobre se tivo algunha proba negativa en Covid ou de se se recuperou da infección, no caso de ter sido contaxiado nalgún momento. 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, este martes © Xunta

Segundo o conselleiro, terán un contido similar ao proposto pola Unión Europea "e cando exista a posibilidade técnica de substituílos polo Certificado Verde Dixital farase de xeito inmediato"

O principal obxectivo destes certificados é impulsar a mobilidade entre os países europeos mentres dure a pandemia, ademais de facilitar, chegado o caso, a administración dunha segunda dose da vacina nun país distinto a aquel onde recibiu a primeira dose. Os certificados deben poderse emitir en formato dixital e en papel, incluír un código QR para garantir a súa autenticidade, estar impresos no idioma ou idiomas do estado emisor e en inglés, e distribuírse de xeito gratuíto.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou que ata que non sexa posible emitir estes certificados europeos, en principio a mediados do mes de xuño, a Xunta irá activando sucesivamente estes certificados, comezando polo de vacinación e continuando polo de probas negativas e recuperación da infección. Segundo o conselleiro, terán un contido similar ao proposto pola Unión Europea "e cando exista a posibilidade técnica de substituílos polo Certificado Verde Dixital farase de xeito inmediato", indicou.

García Comesaña aclarou que "de momento" estes certificados van ter unha utilidade "meramente informativa" e engadiu que "os usos virán despois"

García Comesaña aclarou que "de momento" estes certificados van ter unha utilidade "meramente informativa" e engadiu que "os usos virán despois". “O que pretendemos é que a información estea aí para o cidadán, que poida ver que vacina se lle puxo e mesmo o lote”, indicou o conselleiro, que explicou que se posteriormente, unha vez consolidado o sistema, "alguén plantexa un uso que vai na esencia do certificado, que é motivar a mobilidade segura", o certificado "vai estar aí" e "así estaremos preparados”.

Os certificados emitidos pola Xunta serán accesibles dende as aplicacións PassCovid, É-Saúde e SergasMóbil. Para a súa entrega en formato impreso, poderase acceder a eles dende a historia clínica electrónica e habilitarase un acceso nos sistemas de información para que tamén poidan imprimilo as áreas administrativas.

Aceleración do proceso de vacinación en Galicia

Despois do efecto ralentizador da suspensión cauterlar da administración da vacina de AstraZeneca, nos últimos días Galicia veu recuperando un elevado ritmo de administración de vacinas, con 16.378 doses durante venres, sábado e domingo e 14.358 doses este luns, o día con máis vacinas aplicadas dende o inicio do proceso. Grazas a isto, a media diaria de doses nos últimos sete días volve medrar ata as dez mil, semellante ao ritmo acadado hai dúas semanas, antes da paralización de AstraZeneca.

Este luns administráronse 14.358 doses, no día con máis vacinas aplicadas dende o inicio do proceso

En total, foron xa aplicadas en Galicia máis de 462.000 doses das distintas vacinas e 147.802 persoas recibiron a pauta completa (dúas doses), polo que xa se atopan inmunizadas. Isto representa ao redor do 5,5% da poboación galega, algo por debaixo da media española. 314.208 persoas recibiron cando menos unha dose da vacina, un 11,64% da poboación, un pouco por riba da media española.

Dende a Xunta indícase que o ritmo de recepción de vacinas vai incrementarse en abril, coa chegada a Galicia de ao redor de medio millón de doses. Este incremento está asentado principalmente nos envíos de Pfizer, que se sitúan mesmo un chisco por riba do inicialmente estimado. En cambio, AstraZeneca segue a acumular atrasos, o que pon en serias dúbidas o obxectivo de acadar o 70% de poboación inmunizada no comezo do verán. De momento, este luns chegaron a Galicia 57.330 doses da vacina de Pfizer e 32.200 da de Moderna, pero ningunha dose da de AstraZeneca. A cifra total converte en todo caso este envío semanal no maior dos recibidos ata o momento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.