A pasada semana e a que vén de principiar estaban sinaladas polas autoridades sanitarias como clave para coñecer o impacto dos encontros e viaxes da Semana Santa na incidencia do coronavirus e, por extensión, para determinar a posibilidade de seguir afondando ou non na desescalada de restricións. No caso galego, a incidencia da COVID-19 aumenta dende os primeiros días de abril, pero faino devagar e entre sinais que apuntan á posibilidade de que a cuarta vaga da pandemia vaia ser moito menos virulenta que as anteriores.
Nos días clave para coñecer o impacto da Semana Santa nos contaxios, a incidencia acumulada da COVID-19 a sete días amosa sinais de acougo en varias áreas sanitarias e mantén contidos os datos do conxunto de Galicia
A incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) a 14 días está a trazar nos últimos días unha liña ascendente para o conxunto do país e o mesmo sucede co indicador a sete días. Non obstante, esa incidencia da última semana -á que o Sergas concede cada vez máis importancia- dá sinais de certo acougo en varias áreas sanitarias.
Como amosa o gráfico baixo estas liñas, só dúas áreas sanitarias (Vigo e Lugo) teñen agora unha maior incidencia acumulada a 7 días que a principios de marzo. Tamén só dúas (Vigo e Pontevedra) trazan nos últimos días unha liña claramente ascendente neste indicador mentres as demais ou apuntan á estabilidade ou mesmo trazan lixeiros descensos (caso de Ourense, Santiago-Barbanza e Ferrol).
Este comportamento dispar entre diferentes contornas do país, coas áreas sanitarias de Vigo e Pontevedra cun peor comportamento, pero lonxe do acontecido meses atrás, permite que a incidencia da COVID-19 siga contida en Galicia. O indicador a 7 días para o conxunto do país segue por baixo dos 50 casos novos por cada cen mil habitantes e, ao ser un chisco inferior á metade do indicador a 14 días (47,5 fronte a 88,9, atendendo ás cifras do último día con datos completos, o pasado sábado), suxire a posibilidade dun escenario epidemiolóxico de certa estabilidade.
O Sergas suma 154 casos novos e o aumento semanal segue sendo moderado, pero ao producirse tras un prolongado período de estabilidade provoca que aumenten as cifras de casos activos
Esta contención da que sería cuarta vaga da pandemia suxírena tamén as últimas cifras en bruto de novos casos da COVID-19 rexistrados polo Sergas. Este luns, Sanidade engade ao seu rexistro 154 casos novos, dos que 134 son diagnósticos mediante PCR. Nos últimos sete días con datos completos, o Sergas rexistrou unha media duns 160 diagnósticos por PCR ao día e hai unha semana eran uns 142.
Neses sete días, contando todos os test de infección activa (tamén os de antíxeno) foron detectados en Galicia 1.282 novos casos da COVID-19. Nos sete anteriores foran 1.119. Tamén este dato suxire contención e unha situación epidemiolóxica máis favorable que a dos pasados outono e inverno, cando o Sergas xa contaba cunha capacidade diagnóstica equiparable á actual e, daquela, é posible botar man das cifras de casos novos para comparar as correspondentes situacións epidemiolóxicas.
Este incremento nos casos detectados non é ata o momento especialmente pronunciado, pero prodúcese despois dun período de máis dun mes de estabilidade. Isto provoca que as subas, mesmo sendo leves, fagan que os novos casos pasen as ser máis que as novas altas epidemiolóxicas, dando lugar a un incremento dos casos positivos considerados como activos. Esta cifra sitúase agora en 2.767, un nivel semellante ao das primeiras semanas do pasado marzo.
As incidencias máis altas nas Rías Baixas, na Mariña e en comarcas ourensás
As diferenzas na incidencia por áreas sanitarias obsérvanse aínda con máis detalle sobre o mapa municipal galego. A incidencia acumulada a 14 días amosa ás claras que os contaxios da contorna da Semana Santa atinxiron especialmente a contornas de tradición turística do país, tales como as Rías Baixas, que concentra un bo número dos concellos cos datos máis elevados, encabezados polo Grove.
En 135 concellos non se rexistraron casos novos do coronavirus nas últimas dúas semanas
Tamén A Mariña, sobre todo os seus concellos máis orientais, seguen destacando no mapa galego da incidencia da COVID-19. Segundo informou a área sanitaria de Lugo -que abrangue toda a provincia-, boa parte deste incremento débese a un brote "familiar" con casos vinculados, pero con trazabilidade entre eles, que chegou a sumar algo máis de 40 casos. Máis cara ao interior, os principais puntos de incidencia máis elevada sitúanse en Valdeorras e no sur da provincia ourensá.
Malia estes incrementos, en 135 concellos galegos non se rexistraron casos novos da COVID-19 nas últimas dúas semanas e en ata 177 non houbo ningún novo nos últimos sete días. Este feito, unido á evolución das incidencias acumuladas, reafirma os sinais sobre unha situación máis favorable que ante anteriores vagas. Máis aínda tendo en conta o avance da vacinación entre a poboación de maior risco pola súa idade.
Estancamento na hospitalización
Mentres todo isto sucede, as cifras de hospitalización de persoas con test positivo da COVID-19 tenden ao estancamento. Agora son 199, 14 máis que hai unha semana, e delas 33 están en coidados intensivos, catro máis que sete días antes. Cómpre agardar, non obstante, un ou dous días para observar ata que punto o efecto da fin de semana -cando adoitan tramitarse menos altas hospitalarias- inflúe nestes números.
As cifras de novos casos e hospitalización son semellantes ás de finais de verán e comezos do outono de 2020 mentres as de falecementos están por baixo das daquelas datas. A media diaria de mortes de persoas coa COVID-19 en Galicia nos últimos sete días é xa inferior a 1 e, no que vai de mes de abril, rexistráronse xa 6 días completos sen mortes de pacientes infectados; noutros seis, rexistrouse só unha. O total de mortes oficialmente ligadas á pandemia en Galicia chega xa ás 2.373.