“O teatro debe poñer o mundo a andar"

Camilo Franco Dominio Público Santos-Díez (Ollo de Vidro-ACAB)

O xornalista e crítico Camilo Franco será o encargado de redactar o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro, que lerá durante a cerimonia dos XVIII Premios María Casares o vindeiro xoves 27 de marzo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. No texto destacarase a relevancia das artes escénicas no desenvolvemento social e cultural do país, sobre todo no actual momento de crise económica e social.

Franco foi o escollido, segundo destaca Avelino González, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), precisamente pola súa condición de xornalista e divulgador, salientando o labor que leva anos realizando a prol "da visibilidade da escena do país". “O teatro precisa da información e da crítica. Hai un grupo de profesionais da comunicación que desenvolveron este traballo necesario. E escollemos a Camilo Franco como un representante claro desta función tan importante para nós”, engade o presidente da AAAG.

“O mundo hoxe en día é totalmente teatral, polo que temos que atender e entender o teatro para solucionar os problemas do mundo”, destaca

“O mundo hoxe en día é totalmente teatral, polo que temos que atender e entender o teatro para solucionar os problemas do mundo”, destaca Camilo Franco, que engade que “na escena temos un espello para  decatarnos de que somos moi malos: querémonos mal e matámonos moi ben”. Dadas as circunstancias da actualidade, “o teatro debe poñer o mundo a andar”, conclúe.

Camilo Franco engádese a unha xa notable e destacada lista de persoas que nos últimos anos levaron a cabo a redacción e a lectura deste manifesto, que todos os anos abre a cerimonia de entrega dos premios do teatro galego. O pasado ano correspondeulle a Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, e o anterior o escollido foi Xosé Luís Méndez Ferrín.

 

 

Camilo Franco Dominio Público AELG - Distrito Xermar

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.