Muller e tradición. De Leilía a Tanxugueiras

Leilía, durante unha actuación no Culturgal © Moncho Fuentes

 

Texto publicado no número 241 de Grial

"Leilía nace no ano 89, da man de seis mulleres, que cunha aposta pioneira e atrevida, nos propuxemos recuperar do esquecemento a tradición oral galega"

Para cantar veño eu coa pandeireta na man 
aturuxa canda min, que nos escoiten berrar 
que nos escoiten berrar, que nos escoiten berrar 
(coa pandeireta na man).  TANXUGUEIRAS (“Terra”)

"Leilía nace no ano 89, da man de seis mulleres, que cunha aposta pioneira e atrevida, nos propuxemos recuperar do esquecemento a tradición oral galega. Ao son de pandereitas e voces, pronto agromaron os froitos, grazas á singularidade e beleza da música de raíz.” Con esta declaración de intencións que podemos ler na web oficial da formación (Leilia.net) nacía Leilía. O 13 de xaneiro de 2024 despedíanse cun intenso e emotivo concerto no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela). 

As Tanxugueiras no peche da xira de 'Contrapunto' no Culturgal en Pontevedra © Rocío Cibes

O espectáculo final levaba por título: “Anque me vou non me vou”. Un nome que pon de manifesto o que conseguiron Leilía nos máis de trinta anos de traxectoria, recuperar e revitalizar a tradición oral galega, converténdose en referentes para unha nova xeración de músicas e artistas que toman o seu testemuño e transitan os camiños abertos por elas

Ese espectáculo final levaba por título: “Anque me vou non me vou”. Un nome que pon de manifesto o que conseguiron Leilía nos máis de trinta anos de traxectoria, recuperar e revitalizar a tradición oral galega, converténdose en referentes para unha nova xeración de músicas e artistas que toman o seu testemuño e transitan os camiños abertos por elas. Chegaron a formar parte da identidade cultural do país. 

Certo é que marchamos e dicimos adeus a palcos, teatros, festivais e tamén a probas de son, estudos de gravación, ensaios…, pero aínda que todo isto quede atrás, Leilía xa forma parte do imaxinario colectivo deste país e cada vez que alguén escolla un dos nosos temas nun pub ou no seu fogar…, cada vez que un pai lle poña á súa filla un vídeo para aprender unha canción, que un corredor nos leve na súa lista de reprodución, ou que un adolescente coa súa mestra practiquen un toque téndonos de referencia […], Leilía seguirá alentando e ese alento fará máis doada a nosa despedida, porque lle dará sentido ao noso labor. Un labor que cunha mestura de orgullo e mágoa se despide da escena, pero que segue vivo no día a día desta sociedade grazas ás persoas que o valoran. 

Cando elas comezaron, alá polo ano 1989, eran tempos difíciles para a música tradicional e tamén para a música galega. As pandeiretas non eran recoñecidas, gran parte da música tradicional asociábase á música celta e había un gran descoñecemento da riqueza das aldeas e o rural e a súa tradición oral

Cando elas comezaron, alá polo ano 1989, eran tempos difíciles para a música tradicional e tamén para a música galega. As pandeiretas non eran recoñecidas, gran parte da música tradicional asociábase á música celta e había un gran descoñecemento da riqueza das aldeas e o rural e a súa tradición oral. A gaita era a protagonista, e naqueles anos non había grupos de pandeireteiras á marxe das formacións folk ou de raíz. Elas déronlle todo o protagonismo a ese instrumento en traballos pioneiros como “Leilía” (DiscMedi Blau, 1994). 

Leilía dignificaron e deron a coñecer toda esta riqueza, conseguindo o máis importante: poñer en valor tanto a tradición oral como a muller. As mulleres do pasado e do presente. Grazas ao traballo de Leilía, á recollida da tradición oral e a modernidade e a experimentación por parte de Mercedes Peón e os camiños máis abertos e expansivos de Faltriqueira, que conxugan as voces e as pandeiretas con músicas diversas, hoxe en día a tradición, as pandeiretas e a muller son protagonistas na música galega. 

Grazas a Leilía, á recollida da tradición oral e á experimentación por parte de Mercedes Peón e os camiños abertos e expansivos de Faltriqueira, hoxe en día a tradición, as pandeiretas e a muller son protagonistas na música galega

Na actualidade temos que falar de Tanxugueiras, de Fillas de Cassandra e de Caamaño & Ameixeiras, como expoñentes dunha escena actual en feminino que recolle toda esa tradición dende unha nova perspectiva máis aberta e emocionante. Tanxugueiras toman directamente o relevo de Leilía. Parten da pandeireta e a tradición, pero literalmente levan a cabo unha importante revolución do concepto. Un concepto de cantereiras para unha nova década que as leva a reinterpretar e fusionar a tradición cos ritmos urbanos e a electrónica. 

Na actualidade temos que falar de Tanxugueiras, de Fillas de Cassandra e de Caamaño & Ameixeiras, como expoñentes dunha escena actual en feminino que recolle toda esa tradición dende unha nova perspectiva máis aberta e emocionante

Elas tamén parten das recolleitas, dese labor etnográfico de investigación e de rescate de cancións da tradición oral moitas veces case perdidas pola xeografía galega, pero tamén teñen claro que se a música tradicional non evoluciona, queda como unha peza de museo e non chega ao gran público. Esa revolución chega tamén ás mensaxes que transmiten, mensaxes que avogan polo entendemento entre as distintas linguas e culturas, e a defensa do diverso e do vulnerable. 

Tanxugueiras conseguen importantes logros na súa traxectoria: as súas cancións acadan millóns de reproducións e importantes postos nas listas estatais, e dan importantes e multitudinarios concertos como o que ten lugar o 16 de decembro de 2023 no Coliseum da Coruña, con 8500 persoas ateigando o recinto. 

Tamén teñen claro que se a música tradicional non evoluciona, queda como unha peza de museo e non chega ao gran público

Tamén é importante poñer en valor as viguesas Fillas de Cassandra, dúo formado por María Pérez e Sara Faro que reinterpreta a mitoloxía grega clásica dende unha perspectiva de xénero actual. A nivel musical conxugan os ritmos tradicionais, as pandeiretas e a electrónica. Todo queda reflectido no seu interesante disco debut: “Acropole” (Tremendo Audiovisual, 2023). 

Tamén é importante poñer en valor as viguesas Fillas de Cassandra, dúo formado por María Pérez e Sara Faro que reinterpreta a mitoloxía grega clásica dende unha perspectiva de xénero actual

O seu proxecto baséase na reivindicación da muller e a tradición, nun marcado feminismo que nos deixa mensaxes fondas: “Descendimos dos altares, queimamos as togas / quixeron calala e aquí estamos nós” (o cuestionamento patriarcal de “VII. Cassandra”) ou “Mulleres de todas as polis do mundo / Nós, da voz de Lisístrata, ciframos en vós a nosa esperanza / porque hoxe, coma sempre, se nos paramos / o mundo para” (“II. Lisístrata [Varre Vasoira]”). O seu impacto no panorama galego é realmente grande, realizando multitude de concertos no ano 2023, acadando premios, e o que é máis importante, conseguir que as súas cancións cheguen ao gran público. 

Caamaño & Ameixeiras son outro dúo, dúas rapazas de Oza dos Ríos e Baio, que cun violín e un acordeón presentan un sopro de aire fresco dentro do folk galego

Caamaño & Ameixeiras son outro dúo, este formado por Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras, dúas rapazas de Oza dos Ríos e Baio, que cun violín e un acordeón presentan un sopro de aire fresco dentro do folk galego. Propoñen cancións fundamentalmente instrumentais pero tamén vocais, trasladando o seu rico universo interior a un público cada vez máis numeroso. Elas conseguen saírse das marxes dos xéneros e as xeracións, acadando transcendencia. 

Todas estas propostas poñen de manifesto que a tradición e as súas revisións dende perspectivas actuais, seguen tendo vixencia, aire e vida

Destacar discos como “Quitar o Aire” (Raso, 2023), un traballo de antropoloxía cultural, emocional e musical, que busca respostas, sandar e celebrar a vida. A realidade, a maxia e a tradición teñen cabida na súa música… “Bailar de lonxe é bailare, aire! / Non hai como estar bailando o solto / Atopámonos cos ollos, aire! / Van mirándose no espello os corpos” (“Aire!). 

Todas estas propostas poñen de manifesto que a tradición e as súas revisións dende perspectivas actuais, seguen tendo vixencia, aire e vida

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.