"O equipo escénico foi buscado para que vivíramos a música máis improvisadamente, menos pechada, menos cartesiana. Non considero que un escenario sexa un exame de fin de curso, quero que sexa algo completamente orgánico e que haxa unha comunicación real e non controlada co público"
O pasado mes de xuño Ugia Pedreira (A Pedreira) publicou Basal, o seu novo álbum, que presentou en directo nun concerto no Teatro Colón da Coruña. Oito novas cancións que engadir a unha traxectoria de máis de tres décadas, nas que se foi consolidando como unha das creadoras máis orixinais e avanzadas da música galega. A Pedreira estará este sábado en Compostela, no marco do Festival Maré, presentando este Basal. Será ás 19 horas no Teatro Principal, acompañada de Laura Itandehui.
O concerto de Ugia Pedreira é un dos eventos principais dun festival que dende este mérores vén enchendo de música diversos espazos da capital de Galicia. Son en todal 30 concertos, con sons procedentes de ambas as dúas beiras do Atlántico, dende Brasil, Arxentina e México a Angola, Palestina e Catalunya. Destacan as propostas de Sumrrá & Niño de Elche, Albert Pla & The Surprise Band, SÉS TRÍO, Francisco El Hombre. o regreso das Ultranoites de Chévere a Compostela ou un concerto homenaxe a Zeca Afonso.
"O feito de estar cerca da diversidade funcional cambioume completamente a idea de facer música e de facer concertos. Estamos descubrindo a forma de facer concertos inclusivos, máis horizontais entre a platea e o escenario. A luz, o son e a dinámica propia do concertos foron deseñadas para todo tipo de capacidades, todo tipo de intelixencias"
O sábado é un día moi especial en Maré, pois o festival celebra nesta xornada o Día Europeo das Linguas (oficialmente fixada o 26 de setembro) con múltiples propostas musical que fan fincapé na riqueza da diversidade lingüística e a multiculturalidade. Hai tamén encontros profesionais e mesas redondas sobre distintas cuestións. E Maré inclúe tamén actividades pensadas para a cativada baixo o paraugas do MARÉ Crianzas, unha programación na que destaca o concerto de Lydia Botana, que presentará o seu proxecto De aquí para alá coas emocións, un proxecto educativo musical para nenos e nenas no que se percorre o mundo aprendendo e cantando a música de cada lugar.
Como vai ser a actuación deste sábado? Veremos algo semellante ao concerto de presentación de Basal do Teatro Colón?
O concerto será, efectivamente, moi parecido ao do Teatro Colón, aínda que nunca facemos ningún concerto igual a outro. O equipo escénico foi buscado por min para que vivíramos a música máis improvisadamente, menos pechada, menos cartesiana. Estamos descubrindo a forma de facer concertos inclusivos, máis horizontais entre a platea e o escenario. A luz, o son e a dinámica propia do concertos foron deseñadas para todo tipo de capacidades, todo tipo de intelixencias. Neste concerto colabora Patricia Castro co fagot e danzando e tamén entra en xogo a mexicana Laura Itandehui, coa que imos facer cousas en común.
"A min dáme a impresión de que moitas veces facemos música infantil para infantilizar as crianzas. O oído é o primeiro sentido que se desenvolve no útero, así que moito antes de nacer xa estamos escoitando. Entón non sei por que nos empeñamos, xusto cando saímos da barriga da nosa mamá, en facernos máis inútiles"
Hai concertos nos que vas escoitar en directo as cancións que xa coñeces e que levan ao escenario esa música, con poucos cambios. Os teus son outra cousa, van máis aló, non si?
O feito de estar cerca da diversidade funcional cambioume completamente a idea de facer música e de facer concertos. Non considero que un escenario sexa un exame de fin de curso, quero que sexa algo completamente orgánico e transparente e que haxa unha comunicación real e non controlada co público. Mauricio Caruso, Lorena Cachito e Alejandro Vargas están na miña onda de subir a unha táboa de surf e se temos que cambiar as cancións porque así o sentimos, pois facémolo.
Grazas á miña filla Lúa, con parálise cerebral, e aos seus compañeiros do colexio da Fundación ERES, estiven pensando moito en como facer música que lles tocara o corpo, de xeito que a música che impacta sen que o teu prefrontal a analice e a racionalice.
"Temos todos moi claro que hai unha diversidade de pel que temos que respectar e admirar, temos tamén clarísimo que hai unha diversidade sexual. Pero a ver se antes de morrer consigo que haxa unha diversidade de intelixencias e que se respecte"
Esa é unha das cousas impresiontantes que ten a música, verdade? Como cada persoa a pode entender dunha maneira diferente, como pode emocionar e deixar pegada persoas moi diferentes entre si. Penso nas crianzas, por exemplo, que non teñen por que quedar só na chamada música infantil...
A min dáme a impresión de que moitas veces facemos música infantil para infantilizar as crianzas. Eu recordo que a miña filla tragou toda a discografía de Miles Davies e de Sumrrá con só seis meses. O oído é o primeiro sentido que se desenvolve no útero, así que moito antes de nacer xa estamos escoitando. Entón non sei por que nos empeñamos, xusto cando saímos da barriga da nosa mamá, en facernos máis inútiles.
A música é unha forma de romper barreiras neste senso?
Temos todos moi claro que hai unha diversidade de pel que temos que respectar e admirar, temos tamén clarísimo que hai unha diversidade sexual. Pero a ver se antes de morrer consigo que haxa unha diversidade de intelixencias e que se respecte. Aceptar e respectar o outro e saber que che pode achegar moitas cousas diferentes é algo que hai que ensinar dende a infancia.
"Teño claro que de onde máis proveito tirei foi de estudar a historia musical do país e non me refiro só á parte das pandeiretas e ás gaitas. A creación músical galega está ao mesmo nivel da creación poética galega, pero non é estudada suficientemente"
Na crítica que fixo Marcos Lorenzo sobre o concerto de presentación de Basal, destacaba que tes "tal dominio das claves profundas da música tradicional galega, tan interiorizados os seus parámetros e pulsións, que pode abandonarse a calquera exercicio libérrimo". Trátase diso? De coñecer tanto a tradición que podes transformala por completo, expandila?
A min cánsame moitísimo falar da tradición. Aquí hai un substrato cultural, un plancto, acumulativo valiosísimo e eu teño claro que de onde máis proveito tirei foi de estudar a historia musical do país e non me refiro só á parte das pandeiretas e ás gaitas. A creación músical galega está ao mesmo nivel da creación poética galega, pero non é estudada suficientemente.
Ás veces os defensores dunha tradición inamovible, fican nunha foto fixa que tentaba fixar unha realidade que estaba sempre en movemento, sempre transformándose?
A música é vida e como tal está nun relevo constante, morrendo e aprehendendo cousas novas cada vez. Esa foto fixa que ti dis a unha psicóloga coma min non me entra moito na cabeza.
"A programación de Festival Maré é arriscada e iso é moi importante, porque ultimamente parece que os carteis de todos os festivais son todos o mesmo. Para ver cousas novas, parece que hai que coller o avión e marchar lonxe"
Que che parece a programación de Maré? Que concertos ou eventos recomendarías?
Interésame moito a conversa sobre a saúde mental no mundo da música. Se non tratamos a música dende os moitos lados interesantes que ten, penso que estaremos perdendo moito do que a música ofrece. A programación de concertos é toda interesante; hai moitas propostas de fóra e de aquí, moitas oportunidades para coñecer cousas novas. E sobre todo destaco que a programación de Festival Maré é arriscada e iso é moi importante, porque ultimamente parece que os carteis de todos os festivais son todos o mesmo. Para ver cousas novas, parece que hai que coller o avión e marchar lonxe. Fomentar a curiosidade musical e coñecer músicas doutros lugares é un auténtico privilexio. A programación cultural non é só ocio e diversión, é tamén educación.
"Estamos nun momento lindo como houbo tantos outros no pasado, pero os medios de comunicación e a industria musical situaron isto noutro nivel. A eclosión que estamos vendo é unha realidade porque houbo unhas rapazas extraordinarias que chegaron ao Benidorm Fest"
Como valoras a onda que está a vivir na actualidade a música galega, con artistas e formacións que beben da tradición pero que a transforman e que están a chegar a un público masivo e a novos públicos?
Sempre me fan esa pregunta (ri). A min paréceme que todo é normal, como sempre foi, pero a diferenza é que os medios de comunicación agora son outros. Cando eu era nova encantábame atopar bandas da miña idade, pero tiña que escoitalas en pequenos concertos en bares, non había a opción que hai agora de chegar a través dos medios de comunicación coa rapidez coa que chegas actualmente. Dito isto, estou encantada de que a música galega siga tendo relevo, de que a xente nova se tire a facer música e a traballar neste oficio, que é moi beneficioso para a saúde física e mental. Estamos nun momento lindo como houbo tantos outros no pasado, pero os medios de comunicación e a industria musical situaron isto noutro nivel, noutro tipo de fogos de artificio.
"Estou moi orgullosa de pertencer ao líquido da música popular galega, tanto autoral como de repetición, e valoro moito o traballo de formiguiñas que se está a facer para construír este mundo en Galicia"
Daquela non é que hoxe a creatividade sexa maior que noutros tempos, senón que se soubo difundir mellor?
Dende que comecei aos 24 anos nisto da música non deixei de ver en Galicia a artistas, grupos e ideólogos da música dun nivel impresionante. Pero a eclosión que estamos vendo é unha realidade porque houbo unhas rapazas extraordinarias que chegaron ao Benidorm Fest. Se non chegaran alá, a cousa sería diferente. E digo máis: se chegan a ir a Eurovisión se cadra estabamos todos fabricando pandeiretas para exportar a todo o mundo
Eu estou moi orgullosa de pertencer ao líquido da música popular galega, tanto autoral como de repetición, e valoro moito o traballo de formiguiñas que se está a facer para construír este mundo en Galicia.