"Vivimos un momento histórico por cantidade e calidade. O galego está a se converter na lingua de prestixio na música do país"

Noel Feáns © Cedida

"Tremendo pracer volver colaborar con ese factótum chamado Noel Feáns, patriota galego", escribía hai uns meses O Leo de Matamá coa súa habitual vehemencia e expresividade. Aló pola primeira década do século, Noel Feáns puxo en marcha iniciativas como A Regueifa Plataforma, un espazo de publicación e de difusión de obras musicais (pero tamén literarias e doutras artes) na que viron a luz os primeiros discos de Ataque Escampe, Projecto Mourente, Das Kapital, Grampoder, Noise Project ou Fanny&Alexander -a banda que formaron o propio Noel e a súa parella-. Tamén estivo detrás doutros proxectos coma a revista musical dixital Sono-tone, os machucos e outras iniciativas de difusión.

"Cando naceu A Regueifa en 2006 viviamos entre un mundo que esmorecía e outro que non se decidía a nacer. Por exemplo, naquela altura, xa superada a explosión do Xabarín e o Bravú, era case imposible que unha discográfica apostase por un grupo que cantase en galego se non era de folk e aí é onde ARP atopou o seu oco"

A Regueifa Plataforma funcionou entre 2006 e 2011, ata que Noel Feáns -tamén coñecido nas redes como Regueifeiro- tivo que deixar esta actividade para centrarse noutras angueiras. A vida. Porén, o pasado ano A Regueifa regresou nunha versión anovada (2.0) e de novo servindo como escaparate e plataforma de proxectos musicais galegos (ademais dun par de edicións fotográficas). Entre eles os traballos de Lucía Aldao, Holgado, Filloas, Breogán Xague, Carabela, Berlai e a magnífica proposta de Clo Plas, ou os novos álbums de Ataque Escampe ou Grampoder.

A plataforma completouse cun novo proxecto, as Miudiño Sessions, que Vinte estrea periodicamente. Trátase dunha serie de micronconcertos de grupos e solistas galegas e galegos en formato mínimo gravados en localizacións singulares e con gran calidade técnica, seguindo o ronsel de propostas existentes noutros espazos, coma os concertos para levar de La Blogotheque ou os Tiny Desk Concerts da radio pública estadounidense.

En toda cultura hai un grupo de persoas, absolutamente imprescindibles, que non necesariamente son creadores (no caso de Noel si o é) pero que cumpren unha función fundamental como dinamizadores dunha escena, como curadores, visibilizadores, altofalantes, como apoios para a difusión de propostas, especialmente das que máis dificultades atopan para ver a luz. Noel Feáns é un deses piares que sosteñen dende abaixo a música galega e que está a retomar o valioso proxecto iniciado hai case dúas décadas. Falamos con el.

Hai 17 anos puxeches en marcha A Regueifa Plataforma. O pasado ano puxeches de novo en marcha a plataforma de difusión, en versión 2.0. Que cambiou na música (e na música galega máis en concreto) nestes anos, sobre todo no que se refire á distribución e a á difusión dun proxecto?

"Baixo ese concepto tan novidoso e indeterminado que era o netlabel a plataforma fixo de embaixadora para boa parte dunha escena que optou por autoeditarse e distribuír libremente a súa música, algo que hoxe en día é o normal pero que daquela era ir a contracorrente"

Cando naceu A Regueifa en 2006 as redes sociais tal como as coñecemos estaban en cueiros e aínda faltaban dous anos para que lanzasen Spotify, era unha época de transición entre a crise de vendas da industria discográfica e o modelo que coñecemos hoxe en día. Viviamos entre un mundo que esmorecía e outro que non se decidía a nacer e nesas augas turbulentas creouse o caldo de cultivo perfecto para que un netlabel dese tipo funcionase a nivel galego. 

Por exemplo, naquela altura, xa superada a explosión do Xabarín e o Bravú, era case imposible que unha discográfica apostase por un grupo que cantase en galego se non era de folk e aí é onde ARP atopou o seu oco. Baixo ese concepto tan novidoso e indeterminado que era o netlabel a plataforma fixo de embaixadora para boa parte dunha escena que optou por autoeditarse e distribuír libremente a súa música, algo que hoxe en día é o normal pero que daquela era ir a contracorrente. E o certo é que funcionou moi ben durante os anos que estivo activa, servindo de acubillo e altofalante para moitísimos grupos e axudando a poñer os alicerces do que temos hoxe en día.

Algúns dos contidos da segunda vida de A Regueifa Plataforma © ARP

"Se algo ten cambiado nestes quince anos son as dimensións da industria musical galega, multiplicándose o número de axencia de management, festivais, salas e produtoras. Isto evidentemente é unha moi boa nova pero a cara B desta maior profesionalización e mercantilización da nosa música é que hai propostas independentes, novas ou máis veteranas, que non encaixan neses criterios comerciais e ao ficar fora deses mecanismos teñen moi complicado chegar ao seu público potencial"

Nesta nova xeira, despois dese parón vital dunha década, ese enfoque non tiña moito sentido precisamente porque a autoedición está normalizada grazas ao streaming e as redes sociais teñen case máis peso que os medios tradicionais en canto a difusión de música asi que a decisión lóxica era poñer o foco nesa difusión, apoiando a nivel de promoción novas propostas e axudando a propostas máis veteranas no que puidesen precisar.

Hai que ter en conta que se algo ten cambiado nestes quince anos son as dimensións da industria musical galega, multiplicándose -felizmente- o número de axencia de management, festivais, salas e produtoras. Isto evidentemente é unha moi boa nova porque indica que a música galega goza de moi boa saúde pero a cara B desta maior profesionalización e mercantilización da nosa música é que hai propostas independentes, novas ou máis veteranas, que non encaixan neses criterios comerciais e ao ficar fora deses mecanismos teñen moi complicado chegar ao seu público potencial. Eu creo que ese eido, o underground de toda a vida, é o espazo natural onde se debe mover A Regueifa nesta nova etapa, afastada de patrocinios e subvencións, guiados unicamente polo amor á arte. O vello espírito do Do It Yourself do 77 e do indie dos primeiros 90s levado a estes estraños anos 20s. O certo é que foi fermoso que ao final un concepto tan xenérico coma plataforma se tornase literal no seu significado, coma un punto de apoio para emerxer á superficie dende a profundidade.

Por underground non me refiro tanto ao que habitualmente se identificou con este termo a nivel de estilo musical, senón máis ben a propostas que por un ou outro motivo non teñen saída comercial, grupos e artistas que son uns outsiders no contexto actual, no que se priman unhas determinadas propostas.

Hai outras iniciativas, algunhas a nivel local, penso en Ferror Records, que tamén cumpren un papel moi importante lanzando novas bandas, moitas delas de difícil encaixe en determinadas modas, e dinamizando a escena...

Si, o mérito está aí, en iniciativas como Ferror Records ou en grupos que se asocian entre eles para dar concertos, por exemplo este triángulo que se formou entre Amoebo, Filloas ou Eris Mackenzie. É o que falábamos antes: o underground non é tanto un estilo como unha maneira de facer as cousas. E por iso teño esa vontade de dar apoios a eses grupos e propostas que están aí, nunha situación máis subterránea, que non teñen apoios.

Ademais de servir de plataforma de distribución, o proxecto máis destacado desta segunda vida da Regueifa é sen dúbida o das Miudiño Sessions. Faltaba un espazo para ver aos artistas e bandas do país interpretando en directo as súas cancións, cun formato coidado e esteticamente atractivo?

"Para min o máis importante cando andaba a matinar se poñer a andar as Miudiño Sessions era a calidade, non podían estar gravadas con micrófono de ambiente ou con unha soa cámara, tiñan que soar a disco e ter un discurso visual á altura da música"

Faltaba un que puxera o foco nos grupos e artistas galegófonos. Nos últimos anos propostas do tipo dos Tiny Desk Concerts teñen acadado unha importancia que en moitos casos superan en audiencia aos medios musicais tradicionais polo que no caso da promoción e difusión da música galega a utilidade de que exista algo así é evidente. Para min o máis importante cando andaba a matinar se poñer a andar as Miudiño Sessions era a calidade, non podían estar gravadas con micrófono de ambiente ou con unha soa cámara, tiñan que soar a disco e ter un discurso visual á altura da música. Algo feito de maneira artesanal -pola propia natureza non comercial do proxecto- pero que rivalizase en calidade con cousas do estilo feitas con grandes medios e patrocinios. Ese foi o reto dende o principio e agora, cando imos xa pola trintena de sesións filmadas, ese obxectivo creo que se ten máis que acadado.

Outro dos obxectivos do proxecto tamén era tentar cohesionar a escena por abaixo, tendendo pontes interxeracionais e alternando propostas máis asentadas con propostas máis novas ou descoñecidas, de maneira que os máis grandes tiren dos pequenos. Non hai mellor promo para un grupo que comeza que aparecer no mesmo espazo que outro consagrado. E ao revés, pode ser que o grupo máis veterano grazas a compartir espazo co máis novo expanda o seu público tradicional ás novas xeracións. O certo é que esa idea de transversalidade xeracional estivo aí dende o principio, mesmo nos estilos, e a idea é ir expandíndoo cada vez máis co tempo. De feito agora mesmo temos un plan para facer sesións non só musicais senón tamén músico-poéticas e mesmo audiovisuais e doutras artes.

Tamén me interesa penetrar en certos estilos que normalmente están un pouco afastados de todo, como pasa coa electrónica de Músculo! ou tamén coa proposta de Bigornia, que vai saír agora o Miudiño Sessions que fixemos con eles. Son uns rapaces de Santiago que fan unha cousa única aquí, porque fan electrónica pero con sintetizadores modulares en directo mesturados con audiovisuais procesados en directo. Son propostas que aquí habitualmente non saen á luz.

Unha crítica recorrente en bandas, músicos e tamén persoas que forman parte da industria musical é a falta de apoio e de difusión da música galega a través dos medios de comunicación públicos. En realidade a crítica vén de atrás. Que opinas do tratamento que se lle dá á música na radio e televisión galegas? O apoio destes medio é hoxe tan importante como antes?

"É un pracer ver a Mondra ou Lontreira no Luar ou a Hydn ou Amoebo no Quen anda aí? pero mellor que esas actuacións descontextualizadas en programas xeneralistas era máis importante que existisen programas musicais especializados onde se lles dera o contexto preciso, se lles dera voz en entrevistas e, sobre todo, actuasen ante o seu público potencial real"

Concordo coa crítica, a manipulación informativa e o desleixo cara a nosa cultura é manifesta pero sendo xustos hai que recoñecer focos de resistencia moi importantes coma o Diario Cultural, o Zig Zag ou os propios feches dos telexornais, onde terminan con novidades musicais galegas de cote. 

Aínda asi é indubidable que precisamos programación musical especializada. É un pracer ver a Mondra ou Lontreira no Luar ou a Hydn ou Amoebo no Quen anda aí? pero mellor que esas actuacións descontextualizadas en programas xeneralistas era máis importante que existisen programas musicais especializados onde se lles dera o contexto preciso, se lles dera voz en entrevistas e, sobre todo, actuasen ante o seu público potencial real. Algo coma foi o mítico Chambo de Belén Regueira no seu día.

E sobre o que comentas da importancia dos medios audiovisuais tradicionais, a día de hoxe, a verdade é que teño as miñas dúbidas. Hai que ter en conta que as novas xeracións xa non ven apenas a TV e adoitan informarse principalmente nas redes sociais polo que seguramente cousas coma as que fan Alberto Busto en Twitch, Rodri Míguez en Tik Tok ou Daniel do Rincón de Daniel en Youtube lles cheguen moito máis.

"Vivimos un momento histórico por cantidade e calidade no que se están a recoller os froitos do traballo das últimas décadas. Creo que poderiamos dicir sen esaxerar que a lingua galega está a se converter -se non o é xa- na lingua de prestixio na música do País. Algo impensable hai uns anos pero que non deixaba de ser o obxectivo na mente de todos e todas xs que traballaron para que iso pasase, tanto dende o eido público coma no privado"

Ti, que sempre estiveches en contacto directo coa base desta escena musical, como valoras o momento actual da música galega, en canto á calidade das propostas, pero tamén da súa distribución e difusión social? Para o fortalecemento desta 'industria', se é que existe, que piares é máis importante reforzar?

Vivimos un momento histórico por cantidade e calidade no que se están a recoller os froitos do traballo das últimas décadas. Creo que poderiamos dicir sen esaxerar que a lingua galega está a se converter -se non o é xa- na lingua de prestixio na música do País. Algo impensable hai uns anos pero que non deixaba de ser o obxectivo na mente de todos e todas xs que traballaron para que iso pasase, tanto dende o eido público coma no privado. Nese sentido creo que podemos encher o peito e dicir “misión cumprida” porque a capacidade de convocatoria de propostas coma Tanxugueiras, Grande Amore, Ortiga, Familia Caamagno, The Rapants, Dios Ke Te Crew  ou Fillas de Cassandra era inimaxinable hai dez ou vinte anos. 

Nas últimas décadas, a música galega pasou por momentos moi distintos, a todos os niveis, tamén no que se refire aos estilos dominantes. Houbo fases de auxe do folk, anos nos que despuntaban as propostas pop, outros tempos máis ruidistas e 'bizarros'. Podemos falar na actualidade dalgún estilo dominante, en auxe, ou que estea marcando as novas propostas? Ou o que o define é a completa diversidade? Cal é o zeitgeist da música galega neste momento?

"Até hai uns anos o simple feito de cantar en galego era un acto político, independentemente do contido das letras. Pero a día de hoxe a normalización é tal que xa quedan poucos grupos que como mínimo non teñan algunha canción en galego"

Hai moita diversidade pero especialmente nas novas xeracións dominan os estilos que podemos englobar no urbano con moita diferencia. Persoalmente creo que é un cambio de tendencia que ten que ver pouco cos gustos e máis coa maneira de facer música derivada da democratización da creación musical -calquera pode facer unha bases e gravar unhas voces no seu dormitorio- e por suposto tamén ten moito que ver coa precarización da mocidade. Montar unha banda de pop ou rock é moito máis traballoso e caro (alugar local, mercar instrumentos e amplis...) que facer unhas bases no computador da casa e meterlle unhas voces cun micro chinés. Non digo que sexa máis ou menos meritorio pero si que é certo que o medio condiciona totalmente a mensaxe e esa precariedade fai que cada vez saian menos bandas novas coa estrutura clásica de guitarras, baixo e batería.

E sobre o que preguntas sobre o zeitgeist, podería ser a desideoloxización da música galegófona. Até hai uns anos o simple feito de cantar en galego era un acto político, independentemente do contido das letras. Pero a día de hoxe a normalización é tal que xa quedan poucos grupos que como mínimo non teñan algunha canción en galego. Evidentemente o boom das marabillosas Tanxugueiras axudou nesta cambio de paradigma demostrando que se podía chegar moi lonxe na nosa lingua pero é un proceso que leva anos xermolando aos poucos.

"Agora mesmo están gravando os seu primeiro disco as herculinas LERIA, polo que seguramente para a primavera poderemos desfrutar do seu indie pop en galego en formato longo. E pola banda de Compostela temos tamén aos xovencísimos ULEX que veñen ser unha sorte de Arctic Monkeys galegófonos que van a se estrear en Spotify antes de que acabe o ano"

Se miro agora o teu Spotify ou a túa cedeteca ou viniloteca, que música atoparía? Que é o que escoita o Regueifeiro?

Tento estar moi apegado á actualidade, algo que se vai facendo máis complicado a medida que pasan os anos por un. Pola banda de ultramar ando estes días a voltas cos novos de The National, Boygenius e Blonde Redhead e pola banda de interior cos de Mondra, Terbutalina, Zavala, Capital Voskov e Caamaño e Ameixeiras.

Mirando cara á música que soará o vindeiro ano: que artista ou banda novel do país deberíamos coñecer?

Agora mesmo están gravando os seu primeiro disco as herculinas LERIA -que xa estiveron no Festigal este verán- polo que seguramente para a primavera poderemos desfrutar do seu indie pop en galego en formato longo. Dende Noia chegará tamén o segundo EP de CARABELA, unha das sorpresas que nos deixou este 2023, e no que seguramente aprofundarán ainda máis na súa arriscada fusión de tradición e modernidade dende unha óptica indie. E pola banda de Compostela temos tamén aos xovencísimos ULEX que veñen ser unha sorte de Arctic Monkeys galegófonos que van a se estrear en Spotify antes de que acabe o ano. 

Outra novidade moi interesante que sairá "Xa se oe lonxe", o debut de ÚLTIMO RICO, o novo proxecto de Menina Arroutada e que suporá á volta desa lenda da música galega que é Marcos Payno, neste caso na produción, e que continuará co primeiro traballo do seu novo proxecto en solitario, FRONTE LONGO. O certo é que co ritmo que leva a escena galega actual hai que andar con axenda para ir tomando nota de todo o que abrolla por todo o País e non perderse nada.

Agora mirando para atrás: que artista ou banda galega dos últimos anos/décadas hai que reivindicar ou se escoitou e recoñeceu menos do que debería?

"Se tivese que reivindicar a alguén sería por unha banda aos resistentes como Zënzar ou Ruxe Ruxe, por ser capaces de estar aí despois de tantos anos. E por outra, a nosa xeración, a de Fanny & Alexander (The Homens, Ataque Escampe, Projecto Mourente, Noise Project…) por sermos capaces de rachar co tabú, porque antes de 2006 era un tabú, de que non se podía facer pop e outras músicas contemporáneas en galego"

Demasiadas. Hai pouco dicíame Vituco de Ruxe Ruxe que se atopara nun instituto cunha aula enteira na que ninguén escoitara falar de Diplomáticos de Monte Alto, algo impensable hai vinte anos. Pero hai que asumir que esa desmemoria, por moito que nos doa, é lei de vida e non nos debería escandalizar. É normal que as novas xeracións non coñezan o que non viviron e mesmo reneguen do de atrás por ser “vello”. Non é algo necesariamente malo e ata é necesario.

O positivo é que a día de hoxe temos ferramentas para que quen queira coñecer o pasado da música galega poda facelo. Antes non te quedaba máis remedio que peregrinar por tendas de segunda man na procura de vinilos e preguntar aos maiores pero hoxe temos case todo en Spotify -con eivas graves coma Skornabois ou Xenreira pero case todo- e a maiores temos obras de consulta coma foi esa biblia imprescindible da música galega que é "Unha historia da música en Galicia 1952-2018" que nos agasallou Fernando Fernández Rego en 2019.

Pero se tivese que reivindicar a alguén sería por unha banda aos resistentes como Zënzar ou Ruxe Ruxe, por ser capaces de estar aí despois de tantos anos. E por outra, a nosa xeración, a de Fanny & Alexander (The Homens, Ataque Escampe, Projecto Mourente, Noise Project…) por sermos capaces de rachar co tabú, porque antes de 2006 era un tabú, de que non se podía facer pop e outras músicas contemporáneas en galego. Os Resentidos foron pioneiros nese sentido pero foi a nosa xeración a que conseguiu rachar por completo o tabú, abrindo ademais camiños inéditos para o galego como a mestura da electrónica e o tradi, o pop de guitarras ou a propia pista de baile.

O ano pasado tamén regresou Fanny & Alexander con 'A túa ausencia neste ar', un disco sobre a ausencia e sobre a perda do máis querido, de novo (coma nos dous álbums anteriores) en colaboración estreita con poetas novas. Como foi o proceso de creación dese disco?

"Facer ese disco tiña para nós unha dobre finalidade. Por unha banda crear unha obra que fose unha lembranza imborrable del -a capa do disco, por exemplo, é un lenzo feito por el- e por outra establecer un punto de inflexión vital de volta á normalidade para nós. E volver á normalidade pasaba por volver facer música"

Soa a tópico absoluto pero foi unha verdadeira catarse. O principal motivo polo que levabamos tantos anos lonxe da música foi a longa enfermidade e posterior pasamento do noso fillo maior e facer ese disco tiña para nós unha dobre finalidade. Por unha banda crear unha obra que fose unha lembranza imborrable del -a capa do disco, por exemplo, é un lenzo feito por el- e por outra establecer un punto de inflexión vital de volta á normalidade para nós. E volver á normalidade pasaba por volver facer música.

O que tiñamos claro é que non queríamos facer un disco elexíaco nen vitimista, por iso optamos por crear unha obra que xirase en torno á perda ou ausencia do ser querido tratado dende moitos puntos de vista para que fose unha obra o máis universal posible e non algo tan persoal e íntimo.

A nosa idea era que fose un disco de vocación universal e para conseguir iso había que darlle un enfoque colectivo, con textos que falasen ou se entendesen como de amor romántico, de amor fraternal, de amor filial e mesmo de amor cara a un mesmo, como por exemplo o texto de Lorena Souto, que ao final é a perda dun mesmo, a ausencia dun mesmo. Penso que ao final conseguimos iso, un disco que puidese ser escoitado por calquera e no que todo o mundo puidese atopar unha identificación coas cancións.

Quedastes satisfeitos? Necesitabades sacar este disco? Era o disco que tiñades na cabeza?

"Non queríamos facer un disco elexíaco nen vitimista, por iso optamos por crear unha obra que xirase en torno á perda ou ausencia do ser querido tratado dende moitos puntos de vista para que fose unha obra o máis universal posible e non algo tan persoal e íntimo"

Si, totalmente. A música, despois de tantos anos en barbeito saíu practicamente soa, case a chorro, coma o aire dunha pota a presión. O máis complicado foi atopar os textos axeitados para darlle ese enfoque universal. Esa foi unha longa labor de peneira que ao final saíu ben e pola que estamos infinitamente agradecidos á xenerosidade das autoras, por deixarnos adaptar os seus versos e incluír os seus recitados.

Cando saíu tiñamos certo medo porque despois de tantos anos sen sacar nada e sen intencións de tocar ao vivo -os nosos traballos non nos deixan tanto tempo libre-  non sabiamos como sería o recibimento pero a verdade é que si que quedamos gratamente sorprendidos e de feito foi o que nos animou a seguir producindo música.

Fanny&Alexander nunha actuación a finais da primeira década deste século © F&A

O proxecto de F&A está traballando en algo novo? Cando o poderemos escoitar?

"Andamos a preparar dous discos novos moi distintos entre si. O primeiro sairá este mes de decembro e será un disco de remesturas no que descontruimos en clave electrónica e mesmo bailable músicas de Lucía Aldao, Ugia Pedreira, Su Garrido Pombo e Mai. O segundo disco, que sairá xa ben entrado 2024, será un disco no que levaremos coplas tradicionais do Ulla ao terreo do indie"

Agora mesmo andamos a preparar dous discos novos moi distintos entre si. O primeiro sairá este mes de decembro e será un disco de remesturas no que descontruimos en clave electrónica e mesmo bailable músicas de Lucía Aldao, Ugia Pedreira, Su Garrido Pombo e Mai. Levará por título “MANIFESTAS” e será o primeiro volume dunha serie de EPs, a idea é que sexa un proxecto que teña continuidade no tempo editando regularmente discos nos que remesturaremos voces femininas galegas. A idea para este proxecto xurdiu ao escoitar o pasado ano o "Nós" de Galician Army, fixome lembrar a época na que facía machucos (mash-ups) na Radio Galega e foi dificil resistirse a recuperar tan noble arte.

O segundo disco, que sairá xa ben entrado 2024, será un disco no que levaremos coplas tradicionais do Ulla ao terreo do indie, algo semellante ao que fixo Nacho Vegas co seu Lucas 15 pero con intencións algo máis experimentais, contemporaneizando a música tradicional no formal pero tamén en canto a letras e melodías. E dentro desta volta á normalidade a idea é tamén voltar facer bandas sonoras e por suposto colaborar coa xente que admiramos. De feito andamos xa preparando colaboracións con Secho e con Filloas e temos xa en mente outras dúas con Projecto Mourente e Chicharrón. A cabeza non para.

Non imos facer directo porque non temos tempo para ensaiar e preparalos. Na música actual é certo que se non fas directo ocupas unha posición un tanto estraña, pero a min agora o que me interesa é gravar, deixar cousas para o futuro.

Alén da música, outra das túas grandes afeccións é a fotografía. Recentemente publicaches o teu primeiro libro de fotografías, centrado en Compostela, e en breve sairá un segundo. Como será este segundo volume?

"Nesta década na que estiven afastado da música a fotografía foi a miña válvula de escape e o que máis fixen foi street e paisaxe porque son as dúas temáticas que máis piden perderse coa cámara, que era o que precisaba, sexa polas rúas sexa pola natureza"

Nesta década na que estiven afastado da música a fotografía foi a miña válvula de escape e o que máis fixen foi street e paisaxe porque son as dúas temáticas que máis piden perderse coa cámara, que era o que precisaba, sexa polas rúas sexa pola natureza.  Levaba xa algúns anos compartíndoas sen maiores aspiracións na miña conta de Instagram pero a cousa medrou tanto que o pasado ano me contactou Ludica7, unha editorial especializada interesada en editar boa parte da miña produción visual e o lóxico semellaba separar as dúas liñas temáticas en dous libros. O primeiro, "Estampas de Compostela", que saiu o pasado mes de setembro, ten coma escenario as rúas de Compostela e o segundo, que sairá para o Nadal, de paisaxes realizadas no abrente por todo o País. 

Cuberta do libro 'Estampas de Compostela' ©

Que tipo de expresión artística che permite a fotografía? A un fotógrafo defíneo a súa técnica ou máis ben a súa ollada, a súa forma de mirar o mundo?

"Despois de tantos anos coa cámara a voltas sinto que cheguei ao punto onde o técnico pasa a un segundo plano e só conta a maneira de mirar e plasmar esa visión. Imaxino que esa é a última fase da fotografía, onde o estilo chega a ser tan persoal e propio que calquera que vexa unha foto saiba que é túa"

Eu cheguei á fotografía a través do meu interese polo cinema pero curiosamente ao ir desenvolvendo a paixón cheguei a un punto onde só me interesaba o estético, esquecendo calquera discurso narrativo. Nese sentido a miña é unha expresión artística onde o visual o é todo e se hai un discurso persoal é precisamente no carimbo estético, onde podes distinguir unha foto miña de calquera.

Isto enlaza co que preguntas da ollada. Si, despois de tantos anos coa cámara a voltas sinto que cheguei ao punto onde o técnico pasa a un segundo plano e só conta a maneira de mirar e plasmar esa visión. Imaxino que esa é a última fase da fotografía, onde o estilo chega a ser tan persoal e propio que calquera que vexa unha foto saiba que é túa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.