"A CRTVG non apostou por divulgar a música galega e sen iso non se pode crear un público e unha industria"

Pepe Cunha, 25 anos á fronte de 'Ábrete de Orellas' ©

O portal Ábrete de Orellas, de Pepe Cunha, celebra o seu 20 aniversario. O proxecto, centrado en dar a coñecer a novidades musicais do país, naceu en realidade en 1997 cun programa de radio que continúa a emitirse e que se achega ás 500 edicións

Nun país no que moitos proxectos culturais e xornalísticos dependente principalmente do entusiasmo dos seus creadores, o vixésimo aniversario dunha iniciativa de divulgación merece celebración e recoñecemento. O portal musical Ábrete de Orellas está a celebrar os 20 anos da súa web (que recentemente anovou a súa estrutura para visualizar mellor as crónicas de concertos, recensións de discos, novas e a axenda), aínda que o proxecto comandado polo ferrolán Pepe Cunha ten aínda máis traxectoria, pois o programa radiofónico do mesmo nome leva emitíndose dende o ano 1997, con máis de 500 edicións.

Ábrete de Orellas comezou a emitirse na emisora universitaria Radio Kaos e cando esta pechou, pasou a Rádio FilispiM, iniciativa en cuxo nacemento participou o propio Pepe Cunha. Na actualidade o programa, dedicado a difundir novedades musicais e cunha completa axenda de concertos de Galicia, pode escoitarse na radio libre ferrolá, pero tamén en CUAC FM, Rádio FilispiM, Radio Redondela, Radio Allariz, Radio Piratona, Radio Roncudo, A Piratona, A Xente de Teo, Radio Allariz ou Pontevedra Viva radio.

Portada de 'Ábrete de Orellas' ©

O traballo de Pepe Cunha a prol da música en galego foi recoñecido coa entrega dos premios Martín Códax ao mellor Espazo de Comunicación Musical en 2016 e 2018. Ademais da web e do programa de radio, Cunha escribiu o libro Guadi Galego. Pola beira da canción (Ed. Embora) e redactou e comisionou a exposición cantaMOLAen galego. A mostra, organizada pola concellería de Normalización Lingüística e Xuventude de Pontevedra, amosou a diversidade da música en galego actual, un traballo polo que foi recoñecida como Mellor proxecto novo nos III Premios Mil Primaveras. Falamos con el.

 

Fagamos un pouco de arqueoloxía. Como nace o proxecto de Ábrete de Orellas, primeiro como programa de radio, aló polo ano 1997?

"Ábrete de Orellas comezou sendo un programa de radio e acabou sendo unha idea: de divulgar e de compartir música. A única filosofía que se mantivo dende o principio foi ese concepto de 'abrirse de orellas' que estaba no nome, o obxectivo de animar a escoitar cousas novas"

Eu sempre fun moi melómano, pero non pasaba de poñer música para os amigos e compartir cancións gravadas. Pero houbo un momento, cando rematei a carreira nos Estados Unidos, que o irmán dun compañeiro meu do instituto me animou a facer un programa de radio en Radio Kaos. Pero isto foi porque o seu irmán tiña unha chea de cassettes gravadas, todas coa mesma letra, e este preguntoulle: “esta letra de quen é”. “De Pepe Cunha”, respondeulle. “Pois este rapaz ten que facer un programa de radio”, dixo.

E así empecei eu co programa, a pesar de que eu nin sabía que había unha radio universitaria en Ferrol. Eu o que facía neses primeiros programas era basicamente compartir cancións, e facíao no mesmo momento que eu as ía coñecendo. O programa era en galego, pero a música non era en galego, iso veu despois. A única filosofía que se mantivo dende o principio foi ese concepto de “abrirse de orellas” que estaba no nome, o obxectivo de animar a escoitar cousas novas.

Entón, cando comeza o teu interese pola música en galego e a súa presenza maioritaria no programa?

"Para min a radio foi moi importante e sobre todo o concepto de radio libre e comunitaria. Ábrete de Orellas existe porque a finais dos 90 había en Ferrol unha radio que tiña os micros abertos e cando esta radio pechou, un grupo de persoas decidimos que facía falla unha radio comunitaria e puxémola en marcha"

En Radio Kaos facíase unha axenda de concertos na comarca e a través dela foi cando eu entrei máis en contacto coa música en galego, ao ir coñecendo as bandas que tocaban por aí. Unha cousa que marcou o programa foi a editorial Do Fol e un momento de eclosión das Músicas do Mundo, no que a música galega petou moi forte. Coñecer a Berrogüeto e a Cempés cambiou a miña forma de escoitar música e comecei a difundir esas cousas no programa. Foi tamén un momento no que comecei a colaborar en Diario de Ferrol, e tamén a ir polas tendas de discos, escollendo cousas que recomendar.

E uns anos despois, en 2003, creas o portal web...

Pensa que este programa naceu a finais dos anos 90, cando aínda non se usaba realmente Internet. Pero pouco despois si se produciu unha eclosión da web e eu cada vez publicaba máis cousas sobre o que se cocía en Galicia e vía que ía tendo cada vez máis repercusión. O formato foi cambiando: blog, fotolog..., pero chegou un momento no que vin que era o momento de darlle un toque de seriedade á paxina, cun puntocom.

Gravación dun programa de 'Ábrete de Orellas' ©

Ábrete de Orellas é un programa de radio que ten unha web? Ou unha web que ten asociado un programa de radio? Que valor lle dás á radio?

"Cambiou totalmente o xeito de escoitar a música. Antes era, primeiro, unha experiencia máis colectiva. E, ademais, como tiñamos acceso a menos cousas, tiñamos que estar máis atentos e máis activos para conseguir ese material"

A radio ten un encanto especial. É un medio que che deixa unha marxe para ter un pouco de imaxinación e para facer outras cousas mentres a escoitas, non é tan invasiva como outros soportes. Para min a radio foi moi importante e sobre todo o concepto de radio libre e comunitaria. Ábrete de Orellas existe porque a finais dos 90 había en Ferrol unha radio que tiña os micros abertos e cando esta radio pechou, un grupo de persoas decidimos que facía falla unha radio comunitaria e puxémola en marcha. Facer un programa de radio é unha experiencia que lle recomendo a todo o mundo. Ábrete de Orellas comezou sendo un programa de radio e acabou sendo unha idea: de divulgar e de compartir música. Se cadra moita xente coñece máis a web, pero para min Ábrete de Orellas é un programa de radio que deu lugar a outras cousas.

Nestes últimos 25 anos, ao abeiro de Internet, cambiou totalmente a forma de escoitar música e, tamén, a maneira en que os grupos e artistas se dan a coñecer. Toda esa revolución pillou a Ábrete de Orellas polo medio. Na túa opinión, que cambiou nestes anos e que efectos tivo?

"Podes atopar practicamente toda a música que se fai e iso crea unha présa tremenda: a xente necesita consumir moi rápido e se nunha primeira escoita algo non lle gusta, xa cambia para outra cousa. Diminuíu a paciencia e fomentou moito o individualismo: cada un escoita o que lle gusta e busca cousas semellantes"

Si, cambiou totalmente o xeito de escoitar a música. Antes era, primeiro, unha experiencia máis colectiva. E, ademais, como tiñamos acceso a menos cousas, tiñamos que estar máis atentos e máis activos para conseguir ese material. Internet cambiou completamente iso: en Spotify podes atopar practicamente toda a música que se fai e iso crea unha présa tremenda, a xente necesita consumir moi rápido e se nunha primeira escoita algo non lle gusta, xa cambia para outra cousa. Diminuíu a paciencia, fomentou moito o individualismo: cada un escoita só o que lle gusta e busca cousas semellantes e, ademais, os propios algoritmos recoméndanche máis cousas do estilo do que xa che gusta. 

Figuras coma a miña, persoas que fan peneira de todo o que hai e fan recomendacións, están moi desprestixiadas e perderon protagonismo. Unha persoa que ten influencia social, por exemplo os propios artistas, ten máis influencia nas súas recomendacións que calquera crítico musical. E, ademais, todo o mundo pode opinar; parece que como existen as ferramentas, todo o mundo está obrigado a opinar de todo.

Pero, precisamente por iso, porque hai unha oferta infinita na que ás veces é difícil non perderse, a figura do curador, do orientador, debería ser máis importante, non cres?

Eu tamén penso que debería ser así. Porque hai un océano infinito de opcións que fai que escoitar música sexa como afogar no mar e necesitas algunha táboa á que agarrarte.

 

E, mirando en perspectiva, que cambiou na música en galego nestes 25 anos? Como estamos na actualidade, tanto a nivel de creatividade como noutros, máis relacionados coa difusión e coa existencia dunha industria musical?

"As poucas veces que a radiotelevisión pública apostou por dar visibilidade ao produto do país, independentemente do estilo, iso foi a gran revolución; o que se fixo neses poucos anos creou unha canteira que é do que vivimos agora"

Mirando en perspectiva, para min hai unha cousa que non variou, que é a fraxilidade da nosa industria musical, se é que existe, porque podemos debater se realmente hai unha industria musical galega. Hai tamén falta de cohesión, porque é certo que agora hai moitos medios e voces que falan de música galega, pero a realidade é que estamos descohesionados, non hai unha rede. Neste senso, o papel da radio e da televisión pública galega é chave: non apostou por divulgar a música galega e segue sen facelo. Sen iso non se pode crear un público e, polo tanto, non se lle vai dar unha base sólida a unha posible industria musical galega. 

As poucas veces que a radiotelevisión pública apostou por dar visibilidade ao produto do país, independentemente do estilo, iso foi a gran revolución; o que se fixo neses poucos anos creou unha canteira que é do que vivimos agora. Se xente como Berto fai música en galego é porque coñecen o que antes fixeron Projecto Mourente ou Fanny e Alexander, que conseguiron quitar o prexuízo que podía haber á hora de facer música en galego en calquera estilo.

Teresa Cuíñas e Pepe Cunha, na exposición CantáMOLA en galego, na pontevedresa praza de Ourense © Belén Capicúa

"A pandemia, o compromiso das novas xeracións co galego e Tanxugueiras conseguiron nestes tres últimos anos que cada vez máis xente demande música en galego. Agora necesitamos crear unha estrutura que faga que todo o bonito que se está facendo agora non se perda"

Nunca houbo tanta música en galego e con tanta creatividade e variedade. Ademais, a pandemia, o compromiso das novas xeracións co galego e o fenómeno Tanxugueiras conseguiron nestes tres últimos anos que cada vez máis xente demande música en galego. Agora necesitamos crear unha estrutura que faga que todo o bonito que se está facendo agora non se perda. Se pensamos en industria temos que falar de negocio, ademais de entusiasmo e de militancia. Militancia hai, pero isto é un negocio e se a realidade coa que chocas non che dá para aguantar máis de dous ou tres anos, ese proxecto pecha. Faltan moitas cousas e unha delas é o apoio dos medios de comunicación.

Que importancia ten o fenómeno Tanxugueiras? Que influencia tivo para rachar barreiras para a música en galego e chegar a moita xente que ata ese momento non a escoitaba?

"Cada certo tempo pasa algo que lanza a música en galego cara adiante. O éxito das Tanxugueiras foi outro deses momentos de optimismo; eses meses que se falou tanto delas fixeron máis pola música en galego que vinte anos de produción"

Cada certo tempo pasa algo que lanza a música en galego cara adiante. Por exemplo, pasou na pandemia, cando a estaba a xente na casa e se lanzou a escoitar música nova; pasara tamén co boom da música folk nos 90; e pasara igualmente con ese pequeno período no que os medios públicos apostaron pola música galega. E o éxito das Tanxugueiras foi outro deses momentos de optimismo; eses meses que se falou tanto delas fixeron máis pola música en galego que vinte anos de produción. O que me pregunto é se estamos preparados para aproveitar estas oportunidades. Cando sucede algo que fai de reclamo da música en galego, estamos preparados para amosar todo o que temos? Temos base para ofrecer grupos e discos a esta xente que se interesa nun momento dado? Iso é o que nos falta: unha industria.

 

Relacionado con ese obxectivo de difundir a música en galego, de dala á coñecer e de rachar barreiras e estereotipos estivo a exposición de CantáMola en galego, que tanto éxito tivo. Como foi ese proceso?

Cando me chamou o Concello de Pontevedra eu tiña claro que aínda que o obxectivo fose a mocidade, os institutos, a exposición tamén tiña que chegar á xente maior. Ese foi o maior reto: facer algo visualmente atractivo para a xente nova, pero que tamén lle gustase ás persoas doutras idades. Tamén foi complexo equilibrar o feito de facer xustiza con quen levaba moito tempo na música con incluír aos grupos e artistas máis recentes e tamén facer apostas de futuro. Foi moi emocionante, porque vías a reacción da xente, preguntándose “pero hai toda esta música en galego?”. Pois si que a hai.

Para rematar vouche pedir que recomendes algúns discos en galego publicados nestes 26 anos que leva emitíndose Ábrete de Orellas. E, tamén, que destaques algún concerto que para ti fose especialmente significativo.

"CantáMola en galego foi moi emocionante, porque vías a reacción da xente, preguntándose 'pero hai toda esta música en galego?'. Pois si que a hai"

De discos, eu citaría calquera de Xabier Díaz; de Guadi diría O mundo está parado; téñolle moito cariño ao disco de Uxía e Narf (Baladas da Galiza imaxinaria); e tamén ao Paralaia de Budiño, porque foi precisamente a primeira entrevista que fixen no programa en 1997; e, para rematar, o Tres de The Homens.

E de concertos, por falar dalgúns máis recentes, e sen citar á Tanxugueiras, aínda que ver a cantidade de xente que moven é moi emocionante, eu diría o concerto de fin de xira de Guadi Galego, no Teatro Principal de Compostela, porque había un clima brutal e o nivel de intensidade, de calidade e de conexión co público foi impresionante. E tamén citaría o concerto de Familia Caamagno no que presentaron o seu novo disco, porque miraron para atrás e convidaron a Martiño de The Homens, a Guadi Galego, ao Hevi, e tamén miraron ao presente, con xente como Berto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.