BASAL: outra rareza d’A Pedreira

Concerto de Ugia Pedreira no Teatro Colón © Xosé Antón Rubal

O pasado domingo tiven a fortuna de asistir a un fito musical dos que raramente acontecen, a estrea no Teatro Colón da Coruña do novo disco de A Pedreira, BASAL

O pasado domingo tiven a fortuna de asistir a un fito musical dos que raramente acontecen, a estrea no Teatro Colón da Coruña do novo disco de A Pedreira, BASAL. Xa me sucedera algo parecido hai uns anos, concretamente en setembro de 2010, cando a banda Marful presentou o seu disco Manual de Sedución nese mesmo auditorio.

É tan estraño o que A Pedreira propón, tan precioso e exclusivo, que un choca cos propios límites para cualificar o vivido. Un concerto? Si. Unha performance? Seguramente. Un psicodrama con propiedades sanadoras? Tamén.

Ao rematar a cousa, un amigo común dicíame que Ugia Pedreira ten tal dominio das claves profundas da música tradicional galega, tan interiorizados os seus parámetros e pulsións, que pode abandonarse a calquera exercicio libérrimo, a través de xéneros, estilos e influencias do máis dispar, e aínda así todo sabe a unha verdade antiga. Coa Pedreira a tradición, en vez de petrificarse ou musealizarse, resucita, cobra vida e faise útil para o presente. 

Concerto de Ugia Pedreira no Teatro Colón © Xosé Antón Rubal

É tan estraño o que A Pedreira propón, tan precioso e exclusivo, que un choca cos propios límites para cualificar o vivido. Un concerto? Si. Unha performance? Seguramente. Un psicodrama con propiedades sanadoras? Tamén

O show que nos propuxo a artista estivo perfectamente fiado, cunha excelente combinación de intensidades, claroscuros e asombros, e todo conducido por unha emoción e unha orixinalidade que me mantivo atrapado en todo momento, por non dicir en transo. Unha vez máis, A Pedreira conseguiu confundirme e marabillarme, unha sensación ansiada nun momento da miña vida en que, debo confesalo, cada vez máis propostas artísticas me aburren.

A nova banda de A Pedreira é tamén un acerto, ademais dun descubrimento. A guitarra eléctrica do brasileiro Mauricio Caruso é capaz de xerar atmosferas coas que soster todo o espectáculo. Os teclados do mestre cubano Alejandro Vargas non se parecen a nada do que eu lle tivese escoitado antes, engadindo unha segunda capa sonora caracterizada por un discreto barroquismo e filigrana (son consciente do oxímoro). E a batería da naronesa Lorena Cachito transmite a potencia e rigor rockeiro que lle dá coherencia ao conxunto. 

Unha vez máis, A Pedreira conseguiu confundirme e marabillarme, unha sensación ansiada nun momento da miña vida en que, debo confesalo, cada vez máis propostas artísticas me aburren

A propia Pedreira mostra sobre as táboas un grao de madurez e de dominio escénico que a transforma nunha mestra de cerimonias. Co paso dos anos non só non perdeu frescura e brillo, senón que, pola contra, gañou en recursos, trucos, atrevemento e graza. Poderiamos dicir, parafraseando unha das cancións do disco, que se lle ve máis solta que nunca. Nótase o traballo interior, a destilación da dor, da alegría e dos afectos, o pouso da vida vivida e loitada, a súa medranza como persoa e como artista.

Concerto de Ugia Pedreira no Teatro Colón © Xosé Antón Rubal

Con estes vimbios, Ugia Pedreira armou un disco no que canto menos tres ou catro temas (Se me apuras, Fosforescencia, Siento el dolor...) despuntan como novos hits que incorporar ao xa extenso listado de alfaias musicais cos que nos ten agasallado ao longo da súa traxectoria

Con estes vimbios, Ugia Pedreira armou un disco no que canto menos tres ou catro temas (Se me apuras, Fosforescencia, Siento el dolor...) despuntan como novos hits que incorporar ao xa extenso listado de alfaias musicais cos que nos ten agasallado ao longo da súa traxectoria. Unha traxectoria fértil e gorentosa que a fixo merecedora do Premio da Crítica en 2022, e na que se inclúen grupos como Chouteira, Ecléctica Ensemble, Nordestin@s e Marful, ou proxectos tan necesarios para a cultura do país como o Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín. Imaxino que cun currículo tan nutrido non será nada fácil estar á altura dos éxitos pasados e conectar unha vez máis co público. No que a min respecta conseguiuno, obxectivo cumprido.

Parabéns á trobadora por este disco e por este espectáculo, actos de amor e de furiosa creatividade como só a Pedreira sabe. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.