Este mércores 28 de maio o Pazo da Cultura de Pontevedra acolle un ano máis a gala de entrega dos galardóns, nos que as cantareiras serán protagonistas a través do Premio Honorífico a Leilía que entrega Músicas ao Vivo
Este mércores 28 de maio o Pazo da Cultura de Pontevedra acolle un ano máis da gran noite da música galega. A 12ª edición dos Premios Martín Códax volverá recoñecer os mellores proxectos, grupos e artistas do ano no país nas súas 19 categorías, que percorren todos so xéneros e que tamén homenaxean a salas, festivais e medios de comunicación imprescindibles para o desenvolvemento do sector.
Será unha gala, este ano, que terá un recoñecemento especial para as cantareiras e para a poesía oral popular, que protagoniza as Letras Galegas. As Leilía recollerán o Premio Honorífico Martín Códax da Música 2025 en recoñecemento aos seus 30 anos de traxectoria e ao seu papel pioneiro na recuperación do cancioneiro tradicional, grazas ao que abriron camiño a outras formacións e artistas. Non será a única referencia ás gardiás da tradición musical e poética na gala dos Martín Códax.
19 categorías recoñecen o mellor do ano na escena do país e ás salas, festivais e medios de comunicación que axudan ao desenvolvemento do sector
Entre o 8 e o 25 de maio socias e socios de Músicas ao Vivo e o público xeral poden votar os proxectos finalistas dos Premios Martín Códax da Música 2025 a traves da web dos galardóns. No reconto final de votos, cunha regra de baremación, o 50% corresponderá á votación do público e o outro 50% aos votos dos socios e socias da entidade. Os e as finalistas foron escollidas previamente por un xurado formado pola cantante Uxía, o técnico Xurxo Piñeiro, o xornalista Noel Feáns, o músico Óscar Rilo, de Dark Embrace, e a directora técnica de la Real Filharmonía de Galicia, Sabela García.
En total, os galardóns inclúen 15 categorías por xénero musical (con tres finalistas en cada categoría), unha categoría de artistas emerxentes e tres categorías dos Premios Organistrum, que buscan recoñecer ás mellores salas e festivais do país e aos mellores proxectos e medios de comunicación e difusión musical. 57 finalistas, pois, con posibilidade de premio, entre os que se mesturan músicos e músicas xa consagradas e con ampla traxectoria (moitas delas e deles xa con premio nos Martín Códax), como Víctor Aneiros ou A Pedreira, e outros e outras que acaban de chegar á escena.
A categoría específica de Artista Emerxente, instaurada en 2022, presenta este ano como finalistas a Ash Diz, Ulex e Paracetafolk
Neste caso, a categoría específica de Artista Emerxente, instaurada en 2022, presenta este ano como finalistas a Ash Diz, Ulex e Paracetafolk, proxectos representativos da diversidade da música do país. Integrante do colectivo Resaca emocional co cantante Berto entre outros, Ash Diz fai ao público unha proposta de pop e textos da vida cotiá; a banda Ulex, desde Santiago, descobre os valores imperecedeiros do rock para as novas xeracións e, tamén emerxente, o grupo Paracetafolk, formado na Costa da Morte o pasado ano cun repertorio baseado na música tradicional.
O Asalto ao Castelo de Vimianzo, as Festas do Barrio de San Pedro (Santiago), e o Festival Alternativo Millo Verde (Redondela) poden gañar o premio ao mellor festival. A Pousada da Galiza Imaxinaria (Boiro), a Sala Rebullón (Mos) e Riquela Club (Santiago) son as tres salas finalistas
Finalmente, os proxectos finalistas nos Premios Organistrum dedicados aos medios e canles de comunicación céntranse este ano no mundo da radio e do audiovisual. En primeiro lugar Cuac FM, a radio comunitaria da Coruña que emite desde 1996 e que vén sendo un altofalante moi destacado para a música do país e as bandas locais; en segundo lugar, Recollendo Músicas, formato estreado o pasado ano en Agalega na procura da pegada que a música de raíz e os ritmos tradicionais galegos teñen nas músicas actuais e dirixido por Saul Rivas e Borja Casal; e, finalmente, a canle de Rodri Míguez, o espazo de divulgación promovido polo xornalista do mesmo nome.
Pola súa banda, os tres festivais finalistas son Asalto ao Castelo de Vimianzo, as Festas do Barrio de San Pedro (Santiago), e o Festival Alternativo Millo Verde (Redondela). No caso das salas, as tres finalistas están entre as máis activas na promoción da música ao vivo con especial atención á música galega: A Pousada da Galiza Imaxinaria (Boiro), a Sala Rebullón (Mos) e Riquela Club (Santiago de Compostela).
Os Premios Martín Códax da Música están organizados por Músicas ao Vivo, coa colaboración e apoio das Bodegas Martín Códax, Concello de Pontevedra, Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, e Deputación de Pontevedra e da CRTVG como medio colaborador.
Proxectos finalistas da 12ª edición dos Premios Martín Códax da Música Galega
- Blues, Funk e Soul: Victor Aneiros, Helena Egea, Allo Negro
- Folk: Alana, Coanhadeira, De Ninghures
- Músicas do Mundo e Mestizaxe: Crúas, Fanfarria Taquikardia, TanDub
- Canción de Autor/a: Migui Bouzó, Rocío Caamaño, A Pedreira
- Músicas Urbanas: Amoebo, Hugo Guezeta, Nadie González
- Orquestras, Grupos e Música de Verbena: A banda da Balbina, Los Satélites, Son das Tabernas
- Metal e Heavy: Acouga, Brutal, Sicixia
- Bandas de Música Popular: Banda de Música Municipal de Caldas de Reis, Agrupación Musical do Rosal, Banda de Música Municipal da Estrada

- Música Tradicional: Carmela, Faia, Unto vello
- Música Infantil: Brais das Hortas, Golfiño, Pakolas
- Música Clásica e Contemporánea: María Domínguez, Juan Eiras, María Mendoza
- Electrónica: Lontreira, Rumia, Russ
- Jazz e Músicas Improvisadas: Valentín Caamaño, Baldo Martínez Sexteto, Orquestra Galega de Liberación
- Rock e Punk: Os John Deeres, Loita Amada, Mad Martin Trio
- Pop e Indie: Måi, Sabela, Zavala
- Artista Emerxente: Ash Diz, Paracetafolk, Ulex
- Proxectos de Comunicación e Difusión: Cuac fm, Recollendo Músicas e A canle de Rodri Míguez
- Festivais: Asalto ao Castelo de Vimianzo, Festas do Barrio de San Pedro, Festival Alternativo Millo Verde
- Salas: A Pousada da Galiza Imaxinaria, Sala Rebullón, Riquela Club