Os galardóns organizados por Músicas ao Vivo entréganse o 28 de maio en Pontevedra
Os Premios Martín Códax da Música chegan á duodécima edición. O certame organizado por Músicas ao Vivo suma xa unha ducia de anos neste 2025 e fano, por segunda edición, situando a voz do público como clave das votacións tras a primeira e exitosa experiencia da anterior edición, cando case 4.000 persoas participaron na eleccións das bandas, artistas e proxectos gañadores.
A cantante Sheila Patricia, presidenta de Músicas ao Vivo, presentou este 26 de febreiro a nova edición duns galardóns que botan a andar o 3 de marzo coa inscrición de proxectos candidatos ás distincións. Culminará o 28 de maio coa gala de entrega, no Pazo da Cultura de Pontevedra, nesta ocasión "con estreita conexión" coas cantareiras, que centran as homenaxes do Día das Letras Galegas.
A compostelá Sala Capitol, espazo emblemático da música ao vivo no país, foi o escenario da presentación duns premios que volven incluír a categoría extraordinaria de Artista Emerxente, que dende a súa creación distinguiu a cantante Antía Muíño, o compositor e pianista Sergio de Miguel e á compositora Gloria Pavía. Este premio, subliña Sheila Patricia, busca "proxectar e potenciar proxectos de novos e novas artistas" que estean inscritos nalgunhas das demais categorías, non leven en activo máis de tres anos nin teñan máis dun disco publicado.
As quince categorías contarán con cadansúas tres finalistas. O 50% da decisión corresponde ás socias e socios de Músicas ao Vivo e o outro 50%, ao público
As quince categorías musicais do certame complétanse, ademais, cos tres premios Organistrum, que evocan o instrumento musical representado no Pórtico da Gloria. Son os que distinguen as salas, festivais e proxectos de comunicación e difusión musical, "cómplices necesarios na música e parte imprescindible desa comunidade comprometida coa cultura musical galega á que os Premios Martín Códax queren dar visibilidade".
Unha vez concluído o prazo de inscrición de candidaturas, o xurado profesional fará a súa valoración ata quedar, durante o mes de abril, con 3 finalistas por categoría. Nos primeiros días de maio as Bodegas Martín Códax acollen en Cambados o encontro de finalistas, que dá paso á votación das socias e socios de Músicas ao Vivo, que conta o 50% do veredicto final. O outro 50% corresponde ás votacións do público xeral.

Músicas ao Vivo está un ano máis acompañada das Bodegas Martín Códax nos seus premios. O seu director de márketing, Jorge Pallarés, asegura que estes galardóns contan cun "agarimo especial" da empresa vitícola "polo seu carácter transversal e porque defenden todo o tecido musical galego". Xunto a esta compañía, os Premios Martín Códax teñen o apoio do Concello e da Deputaciónd e Pontevedra e mais da Xunta.