Praza Pública

Unha ducia de finalistas da XI edición dos Premios Martín Códax da música galega

O vindeiro mércores 15 de maio entréganse no Pazo da Cultura Pontevedra os galardóns da undécima edición dos Premios Martín Códax da Música, unha festa dirixida por Xurxo Souto que promete ser “unha gran celebración da selva diversa e espectacular da música galega contemporánea”. Velaquí unha mostra da calidade e variedade da escena galega actual, con algunhas das bandas e artistas finalistas.

  1. 01

    The Rapants

    Unha das categorías máis competidas todos os anos e que adoita contar coa participación dalgunhas das bandas e artistas de máis sona é a de Pop e Indie. Este ano, as finalistas son The Rapants, Lucía Aldao e Måi. 

    The Rapants son, sen dúbida, un dos grandes nomes no momento na música galega. Así o demostran enchendo salas e arrastrando unha masa cada vez maior de seguidores. 

    > ENTREVISTA | "O que buscamos é afrontar todo o que poida xurdir no noso día a día evadíndonos das malas vibras a través da música"

    > CRÍTICA | The Rapants : La Máquina del Buen Rollo

  2. 03

    Måi

    Måi (Iseo Agilda) entregou con Nigredo un traballo minimalista e cunha sonoridade moi coidada na que as percusións son fundamentais, coa produción de Tomás Ageitos

  3. 04

    Terbutalina

    Na categoría de Rock e Punk os finalistas son Moloch, Terbutalina e Mad Martin Trío

    Terbutalina abriron en Muros o camiño polo que hoxe transitan The Rapants e outras bandas, como Capital Voskov. Levan 14 anos sobre os escenarios e o pasado ano entregaron Era Cabra, o seu oitavo álbum e un dos seus mellores traballos  

    > ENTREVISTA | Terbutalina: "Non somos quen para dicirlle nada a ninguén"

  4. 05

    ash diz

    Nos últimos anos a categoría de Músicas Urbanas foise afianzando coma unha das principais nos Premios Martín Códax, un signo dos tempos e da calidade da música en galego en todos os estilos. Este ano proxectos finalistas son ash diz, Hydn e C Mirazo.

    A artista ourensá ash diz é unha das estrelas emerxentes da música en galego. "O estraperlo" ou "As feridas do amor" (con Berto) son dous exemplos.

  5. 07

    C Mirazo

    Nacido en Compostela en 1992, C Mirazo leva máis dunha década facendo música e hai xa moitos anos que foi un dos primeiros en facer trap en galego. Marchou fóra e agora, no seu regreso, vén de publicar "Esta dor que teño".

  6. 09

    Lontreira

    Lontreira é unha desas descubertas recentes da nova música galega. Héctor e Adriana chegan dende Moaña e A Illa de Arousa, cun estilo que mestura a electrónica e os sons tradicionais, pero tamén a cumbia e que os levou a gañar o concurso da TVG  A Canción do Verán.

  7. 11

    Caamaño&Ameixeiras

    A categoría de Música Folk, na que son finalistas Caamaño&Ameixeiras, Susana Seivane e De Ninghures amosa que as fronteiras entre xéneros son cada vez máis estreitas. 

    O proxecto de Caamaño&Ameixeiras entregou o pasado ano Quitar o aire, un álbum redondo, que mellorou o seu debut e que as puxo baixo o foco dun público moi amplo, con fermosísimas cancións como "Ai de min" 

    > ENTREVISTA | "As letras do disco foron creadas nos bares"

    > CRÍTICA | Caamaño & Ameixeiras : Quitar o aire

  8. 12

    De Ninghures

    O "Morena" de De Ninghures foi escollida hai uns meses como a mellor canción en galego nos Premios aRi[t]mar, un tema bailable no que se mestura tradición e electrónica.

  9. 13

    Pakolas

    Os Premios Martín Códax constan de 15 categorías. Entre elas a de Música Infantil, un xénero en crecemento en Galicia e con proxectos tan destacados coma os tres finalistas deste ano: Pakolas, A Gramola Gominola e Uxía Lambona e a Banda Molona

    > ENTREVISTA | "O rock, como di o malo de Marvel, é inevitable"

  10. 14

    Catuxa Salom

    Outra categoría que sempre amosa unha gran calidade nos seus proxectos finalistas e gañadores é o de Músicas do Mundo e Mestizaxe, ao que este ano optan Catuxa Salom, Raposa e Wöyza & The Galician Messengers.

    Catuxa Salom é de aquí e de alá, de todos os lados a un tempo, coma a súa música. Naceu en Vilagarcía de Arousa de pai e nai arxentina e dende nena medrou escoitando música dunha e doutra beira do Océano. Como ela mesma destacaba nesta entrevista, a música non ten fronteiras.

    > ENTREVISTA | "Non hai moitos límites cerebrais entre uns estilos e outros, para min é natural mesturalos e pasar de un a outro. A música non ten fronteiras"