Mondra : ARDĒN

Martín Mondragón, 'Mondra' ©

 

Poucos poderían agoirar os cambios sistémicos que chegarían nos seguintes anos para a nosa música tradicional con estouridos das dimensións de Tanxugueiras, primeiro, e Fillas de Cassandra, despois. E xusto cando xa nos dabamos por satifeitos, cando xa non podiamos pedir máis por medo a perdelo, vai e aparece unha nova peza no rico quebracabezas que é este movemento neotradi: Mondra

Xa vai case un lustro pero lembro perfectamente a noite na que descubrín, engaiolado, a Rodrigo Cuevas no Un país para escucharlo de La 2. Na miña cabeza rifaban a fascinación pola súa rachadora mestura de modernidade, transgresión e tradición cun sentimento de certa envexa. Envexa da boa, de pensar para dentro: “mágoa que non sexa de aquí, que ben lle viña á música galega”. Eran outros tempos, claro. Uns tempos no que esa modernidade aplicada á raigame aínda era asignatura pendente. Xa se comezaba a albiscar algo do que estaba por vir cos traballos de Baiuca e outros pioneiros pero o certo é que naquela altura poucos poderían agoirar os cambios sistémicos que chegarían nos seguintes anos para a nosa música tradicional con estouridos das dimensións de Tanxugueiras, primeiro, e Fillas de Cassandra, despois. E xusto cando xa nos dabamos por satifeitos, cando xa non podiamos pedir máis por medo a perdelo, vai e aparece unha nova peza no rico quebracabezas que é este movemento neotradi: Mondra. 

PUNHETA!, o verdadeiro ponto de inflexión no nacemento do artista antes coñecido como Martín Mondragón. Un tema, este, na compaña desas xigantas que son Fillas de Cassandra, perfecto para brincar en festivais e que de feito foi un dos temas máis bailados deste verán

Coa ousadía que dá ter pouco máis de vinte anos e sen preaviso algún, o de Teo saiu con todo no que sería o primeiro single de Ardén, AGRHÚuU, un canto á liberación sexual onde xa de primeiras adiantou pola dereita ao propio Rodrigo en canto a modernidade, transgresión e tradición. Chegar e encher. Pouco despois, tamén producido, coma todo o disco, por ese motor da escena que é Berto ao control das máquinas, chegou SACOdePULGAS, un tema moito máis urbano cunha base rítmica que é pura avangarda e no que descubrimos ao Mondra que estaba a abrollar: o artista total, bailador, cantareiro e multiinstrumentista, capaz de expresarse coa mesma forza a través da voz que da danza.

Tempo despois chegaría o single de adianto Beijos de LK, revelándonos ao Mondra máis tranqui, íntimista e mesmo romántico, e finalmente PUNHETA!, o verdadeiro ponto de inflexión no nacemento do artista antes coñecido como Martín Mondragón. Un tema, este, na compaña desas xigantas que son Fillas de Cassandra, perfecto para brincar -na acepción galega, non na brasileira- en festivais e que de feito foi un dos temas máis bailados deste verán.

Ruando: coa moi simbólica colaboración da tanxugueira Aida asinan un clásico instantáneo da nosa música, levando as harmonías e a dialéctica vocal a novas cotas cunha melodía inesquencible dende a primeira escoita 

Xa a finais dun estío no que se puido ver de cote ao bailador e cantereiro polos escenarios do País chegou como adianto do inminente disco a que seguramente sexa a mellor canción do mesmo, co permiso da peza que lle dá título, Ruando. Coa moi simbólica colaboración da tanxugueira Aida asinan un clásico instantáneo da nosa música, levando as harmonías e a dialéctica vocal a novas cotas cunha melodía inesquencible dende a primeira escoita -ese tremendo hook- que sube os BPM na súa parte final rematando nun clímax capaz de facer mover os cadrís ao máis paradiño da foliada.

Un disco case perfecto no que non sobra nengunha canción grazas ao talento acumulado dun artista en plena eclosión apadriñado por un produtor en estado de graza e unhas colaboracións perfectamente acaídas

E así, tras ascender este derradeiro chanzo, chegou Ardén,o agardado disco longo que aínda agochaba máis sorpresas: a propia Ardén, delicada alfaia que dá título ao disco; berce, un brutal experimento vocal a capela sobre unhas harmonías que rivalizan cos experimentos vocais do Bon Iver máis inspirado; Rumbambá, un reggaeton capaz de renovar unha das máis tradicionais coplas do Ulla (Vaise o día, vaise a noite, vaise a nosa mocedá); e para fechar un disco tan redondo que mellor que a encantadora Carmela, rematada cos ventos desas raiñas da festa “metaleira” que son as Brassica Rapa. 

Un album con arrecendo a clásico que terá que pasar aínda un par de décadas en maceración para poder lle dar o seu xusto lugar na Historia da música galega

Un disco case perfecto no que non sobra nengunha canción grazas ao talento acumulado dun artista en plena eclosión apadriñado por un produtor en estado de graza e unhas colaboracións perfectamente acaídas. Un album con arrecendo a clásico que terá que pasar aínda un par de décadas en maceración para poder lle dar o seu xusto lugar na Historia da música galega.

 

CODA. Hai uns días contaba Rodrigo Cuevas no imprescindible podcast Dile que baje de Quique Peinado un dato pouco coñecido da súa traxectoria musical: onde namorou verdadeiramente da música tradicional non foi en Asturies, foi en terras galegas, precisamente en Teo cando vivía en Regoufe, escoitando ás pandereteiras máis veteranas. Quen me ía dicer aquela noite de 2019 fronte ao televisor que en Recesende, parroquia colindante con Regoufe, andaba xa a xermolar o artista galego que me ía quitar esa pena.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.